Venres 19 Abril 2024

Feiraco e USC, nun proxecto sobre cambio climático e seguridade alimentaria

Científicos composteláns e a empresa láctea toman parte na rede de investigadores pre-doutorais coa que se formárán os futuros expertos do sector

A profesora Almudena Hospido e o investigador Miguel Mauricio, ambos do grupo de Biotecnoloxía Ambiental da USC, participan este xoves e o venres 24 en Dublín na xuntanza de lanzamento da Innovative Training Network PROTECT, rede de investigadores pre-doutorais que coordina o University College of Dublin para avaliar o impacto do cambio climático sobre a seguridade alimentaria. Esta é unha acción Marie Sklodowska Curie (MSCA) da que forma parte a USC e que busca promover a capacitación dos recursos humanos dedicados á investigación mediante a súa formación especializada e a mobilidade entre países e entre os sectores público e privado.

O cambio climático e a seguridade alimentaria convertéronse en prioridades de investigación interdependentes en todo o mundo. A Unión Europea afronta o reto de duplicar a produción de alimentos ata o 2050 e así poder satisfacer as demandas da poboación. Neste contexto xorde PROTECT (acrónimo de Predictive mOdelling Tools to evaluate the Effects of Climate change on food safeTy) cuxo obxectivo é proporcionar unha formación de alto nivel nas ferramentas de modelado preditivo para avaliar os efectos do cambio climático sobre a seguridade alimentaria dirixida a unha nova xeración de investigadores en fase inicial.

Publicidade

Ao longo de tres anos PROTECT proporcionaralles aos participantes as habilidades transferibles necesarias para unha próspera carreira nunha área que precisa do desenvolvemento tecnolóxico innovador en microbioloxía, estatística, modelado matemático, tecnoloxía dos alimentos e enxeñaría ambiental. Este obxectivo conseguirase mediante unha combinación única de formación práctica sobre investigacións, prácticas non académicas, escolas de verán e talleres sobre habilidades relacionadas coa investigación facilitadas dende os ámbitos académico e industrial do consorcio.

En PROTECT están representadas sete universidades, ademais da USC, o University College de Dublin, as universidades de Malta e Nottingham, KU Leuven, ONIRIS e a Aristotle University of Thessaloniki; seis empresas, Feiraco, CREME, Danone, Nizo Food Research, Nestlé e Arla Foods; e a axendas de Nacións Unidas Food and Agriculture Organization. O consorcio compartirá coñecementos técnicos e formativos para contratar e formar un total de oito persoas, estando unha delas vinculada directamente á USC dentro do programa de doutoramento en Enxeñaría Química e Ambiental así como á dúas institucións máis do consorcio onde realizará estadías de investigación para completar a súa formación, no University College of Dublin en Irlanda e en ARLA Foods en Dinamarca.

PROTECT foi a única rede participada pola USC que resultou financiada na última convocatoria do programa Innovative Training Networks (H2020-MSCA-ITN-2018). Nesta ocasión a convocatoria contou cun orzamento de 442 millóns de euros, permitindo a financiación de 123 proxectos  nos que participan máis de 1.270 entidades de 51 países diferentes. A USC forma parte actualmente doutra ITN, a rede NABBA, participada pola profesora Mª José Alonso que arrancou en 2015 e que dende entón ten formado a un total de trece investigadores no ámbito da nanobiotecnoloxía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro

Os osos polares, en risco de morrer de fame polo desxeo do Ártico

Un estudo demostra que as estratexias alimenticias destes animais para sobrevivir nunha contorna de terra non evitan que perdan peso