O exilio, drama e oportunidade para o talento científico

Imaxe do cartel anunciador das xornadas, cunha fotografía de Gabriel Tizón.
Imaxe do cartel anunciador das xornadas, cunha fotografía de Gabriel Tizón.

Conta Eleuterio Toro, coa retranca chilena que moitos asemellan á galega, que el conseguiu chegar a recibir a Orde do Imperio Británico grazas á ‘bolsa Pinochet’. E non, o ditador non foi precisamente benévolo con el. Como milleiros de persoas, Toro tivo que optar polo exiliofuxir de Chile, moi novo, para comezar outra vida noutro lugar. Hoxe é unha referencia internacional das Matemáticas Aplicadas despois de traballar durante décadas en Reino Unido e Italia.

Varias décadas antes, a familia de José Edelstein, físico e divulgador da USC, tivo que fuxir desde varios lugares de Europa do leste por causa do antisemitismo. Chegaron a Arxentina, e despois na mesma época na que Toro escapaba de Chile, os pais de Edelstein deixaron tamén Arxentina por causa doutra ditadura. “Somos o resultado de sociedades con violencia e desigualdades”, dixo.

Tres refuxiados sirios e palestinos que estudan na USC contaron as súas experiencias

Hai moito menos tempo, Kamal Aldalati e Zaid AlHamwy de Siria, e Rania Ali Salman El-Kouz, filla de palestinos refuxiados en Xordania, chegaron a Galicia escapando tamén da violencia e a incerteza da súa terra. Os tres, beneficiarios das bolsas de estudo para refuxiados que concede a USC, contaron onte tamén as súas experiencias en Santiago de Compostela, na xornada Persoas Refuxiadas ConCiencia, organizadas polo Consello da Cultura Galega e coordinadas pola decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón.

“Hoxe púxose sobre a mesa que existe unha perda de talento por parte dos países dos que foxen os cidadáns e que pode ser unha oportunidade de captar ese potencial por parte dos países de acollida” explicou Vázquez Cendón.

O evento abriuse abordando a destrución causada pola ditadura franquista en Galicia e España, que depurou, cando non asasinou, a centos de investigadores e investigadoras moi salientables nas universidades. Falou Luis Enrique Otero Carvajal, catedrático de Historia Contemporánea da Complutense de Madrid, de que “dos seiscentos catedráticos que tiña a Universidade Española á altura de 1936, preto duns 140 foron expulsados, o que foi unha sangría para o incipiente sector da ciencia con consecuencias para as seguintes décadas”. No caso do exilio científico en Galicia afondou o historiador Ricardo Gurriarán, que subliñou o gran prestixio científico da Universidade de Santiago de Compostela antes do ano 1936. “A Universidade esborránchase co golpe do Estado”, sinalou.

Sobre os refuxiados falou tamén o fotógrafo Gabriel Tizón, que viviu moi de preto a traxedia dos millóns de persoas que se lanzaron ao mar nos últimos anos para escapar da violencia en Oriente Medio. E a xornada clausurouna Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal, que puxo en destaque a importancia da diversidade xenética e a aportación que as migracións fixeron ao desenvolvemento da Humanidade.

Podes ver a charla nestes tres vídeos:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.