Venres 29 Marzo 2024

Europa abandona o proxecto para desviar un asteroide no que participaba a UVigo

Unha decisión política deixa á Agrupación Aeroespacial da UVigo sen a súa misión espacial máis afouta: deseñar e construír un pequeno satélite para viaxar a 18 millóns de quilómetros da Terra como testemuña da colisión dunha nave contra un asteroide. O Dustcube galego fora seleccionado pola Axencia Europea do Espazo (ESA) para participar na misión AIM (Asteroid Impact Mission), que ía ser o seu primeiro programa sobre defensa espacial fronte ao impacto dunha gran rocha cósmica. O obxectivo final sería deseñar unha tecnoloxía capaz de desviar un asteroide que eventualmente puidera poñer en risco a supervivencia do ser humano sobre a Terra. A misión chegaría ao asteroide binario Didymos no ano 2022.

misión DART

Pero metas tan elevadas non impediron que a Axencia Europea do Espazo desbotara o proxecto na súa reunión do pasado 1 de decembro, nun cumio ministerial presidido polo español Luis de Guindos. A ESA anulou o seu programa AIM e decide centrar a súa financiación nas misións no planeta Marte, como ExoMars, malia o desastre da sonda Schiaparelli enviada o pasado outubro, que se perdeu tras se estrelar contra da superficie marciana.

Publicidade

A decisión dos gobernos que poñen os cartos na ESA deixa a Galicia sen proxecto. A iniciativa da UVigo era deseñar o Dustcube, un pequeno satélite cubesat que viaxaría xunto á nave que os europeos enviarían na misión AIM ata o asteroide binario Didymos. O obxectivo sería tomar datos e imaxes da colisión da misión DART da NASA, que si ten por obxectivo impactar contra o asteroide e que os Estados Unidos van manter, aínda que sen as naves europeas como testemuñas da colisión.

Nesta nova aventura a Agrupación Aeroespacial pensaba contar con dous parceiros cunha gran traxectoria: a empresa suíza Micos, especializada en óptica e que se encargaría da parte máis científica do proxecto; e a Universidade de Boloña, que se responsabilizaría da parte de propulsión do satélite. A Universidade de Vigo sería a encargada de desenvolver a plataforma dun satélite 3U de tamaño similar ao Serpens (deseñado en Vigo en cooperación coa Axencia Espacial Brasileira).

A misión do satélite galego era tomar datos da colisión da nave da NASA co asteroide

O cubesat galego era, xunto con outros construidos noutras universidades da UE, un dos irmáns pequenos da misión. Os grandes ían ser o propio satélite AIM (Asteroid Impact Mission) da ESA, proxectado para manterse en órbita ao asteroide Didymos e tomar datos. Estaría axudado  pola nave Mascot-2 da axencia espacial alemá DLR. Pero o protagonista principal sería a nave estadounidense DART (‘dardo’ en inglés), que é a única que continúa coa súa misión, porque pertence á NASA.

Didymos é un asteroide binario e a nave DART vai impactar conta a súa lúa, que apenas ten 170 metros de diámetro. Son menos de dous campos de fútbol, situados a 18 millóns de quilómetros. Non vai ser sinxelo para a NASA meter ese gol. Pero anima o recente éxito da misión Rosetta no cometa Churyumov-Gerasimenko, despois de deixar na súa superficie a pequena sonda Philae.

A decisión dos ministros aforra cartos para a ESA: 200 millóns de euros. Pero moitos consideran que se trataría dunha misión impresindible, porque non está probada tecnoloxía ningunha no espazo para desviar un asteroide que estivese en ruta de colisión cara á Terra. Non é mala idea probar antes, no caso de que algún día deba utilizarse. Pero Europa se borra, mentres a NASA continúa. No camiño queda o máis afouto proxecto na breve pero interesante carreira espacial de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

Unha paisaxe invernal en Marte? Esta imaxe demostra que non todo é o que parece

A misión espacial Mars Express ofrece unha espectacular fotografía do cráter Korolev para conmemorar os quince anos en órbita no planeta vermello

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

Envía o teu nome a Xúpiter nunha misión espacial da NASA

Dende a axencia lanzarán unha botella que leva tamén un poema da escritora estadounidense Ada Limón