Martes 23 Abril 2024

Estrés, depresión e baixa autoestima: a pegada da violencia de xénero en Galicia

Dúas investigadoras abordan nun estudo os perfís das mulleres maltratadas, onde se remarca a desprotección das vítimas

Lamentablemente, a lacra da violencia de xénero en Galicia está lonxe de ser desterrada da sociedade. Segundo os datos, máis de 3.000 mulleres precisan protección policial polas ameazas recibidas. As enormes dificultades vitais que atravesan as vítimas obrigan a incrementar a investigación para buscar saída ao problema. Para determinar as necesidades de intervención neste colectivo, dúas investigadoras (María Luisa Mondolfi e Margarita Rosa Pino) realizaron no grupo GIES-10 da UVigo un estudo que acaban de publicar na revista Health Care For Women International. Nel describen o perfil común dun grupo de mulleres coas que traballaron co obxectivo de deseñar un programa de intervención co que poder superar a situación.

E os resultados dan conta do dano psicolóxico que sofren: “Atopamos que un 80% das mulleres tiñan depresión, ao que hai que sumar estrés postraumático“, explica María Luisa Mondolfi, unha das autoras. Un problema que, segundo destaca a investigadora, non se esquece co tempo. “Unha das cousas a destacar é que independentemente do tempo que transcorreu desde a agresión, o malestar psicolóxico mantense, é constante e intenso”, di Mondolfi.

Publicidade

Anos de maltrato e situacións límite

Outro dos problemas reseñados por Mondolfi e Pino é o da longa duración dalgunhas das relacións de maltrato, “ata 10 anos” subliñan as autoras. En bastantes casos, a situación de desemprego, que afecta a moitas delas, os problemas económicos e o desamparo son unha barreira para rachar co problema, xerándose así “unha doble vitimización e un problema de discriminación” que agrava estes casos. Por estes motivos, un dos obxectivos desta investigación é buscar a intervención nas áreas legal, social e psicolóxica que impidan chegar a estes límites.

“Observamos que na medida na que as relacións se prolongaban, o maltrato psicolóxico pasaba a ser violencia física, e mesmo sexual”

Tamén se viu na investigación que esta dificultade para terminar as relacións nas que hai violencia de xénero leva ás afectadas a situacións límite: “Vimos que a decisión de terminar coa relación xorde cando realmente ven que hai risco para a propia vida.

“A medida que as mulleres intentan liberarse do sometemento, ou cambiar a situación coa parella que as maltrata, as estratexias do agresor teñen unha escalada para sometelas. Observamos que na medida na que as relacións se prolongaban, o maltrato psicolóxico pasaba a ser violencia física, e mesmo sexual”, conta María Luisa Mondolfi, actualmente profesora-titora na UNED.

A violencia nos fillos

No eido familiar, ademais da violencia sufrida polas mulleres, os fillos da relación tamén son vítimas debido ás situacións que presenzan, e mesmo houbo casos nos que chegaban igualmente a sufrir agresións. “O mero feito de presenciar violencia cara as súas nais é xa un feito traumático en si, polo que os fillos e fillas tamén se converten en vítimas de maltrato e isto contribúe á súa vitimización”. Un aspecto que xa sufriran, nalgúns dos casos, as mulleres agredidas. “Algunhas delas xa sufriran malos tratos na infancia, ou ben presenciaran a violencia de xénero no eido familiar, polo que as experiencias traumáticas vinculadas á violencia de xénero xa poden comezar neste punto”, explica Mondolfi.

As autoras da investigación xa traballan agora nun futuro estudo no que propoñerán un método de intervención, co que xa traballan na área metropolitana de Vigo, para “permitir a estas mulleres a liberarse o máis pronto posible da situación de sometemento e maltrato”.

Referencia: Psycho-social profile of battered women in Galicia, Spain: Distress as a result of intimate partner violence and child abuse (publicado en Health Care for Women International).

O teléfono 016 é o número de atención contra a violencia de xénero. É gratuito e non deixa pegada na factura nin na lista de chamadas. Máis información, nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un tratamento da USC para deixar de fumar logra a abstinencia do 77% de participantes

O estudo demostra que o uso de recursos tecnolóxicos, como as videochamadas e aplicacións móbiles, son efectivos para abandonar o tabaco

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea