Xoves 28 Marzo 2024

Un estudo sostén que algúns petróglifos non foron feitos por humanos

A investigación, liderada polo xeólogo Vidal Romaní, apunta a que algunhas formas graníticas teñen orixe no interior da terra

Son un dos sinais da arte prehistórica en Galicia. A capacidade das rochas graníticas, predominantes no país, para resistir á erosión durante moitos séculos fixo posible que hoxe poidamos ver aínda numerosos exemplos de petróglifos, gravados realizados polo ser humano en pedra. Porén, detrás destas peculiares formas non sempre está a man dos humanos. Así o sostén un estudo que acaba de publicar o Journal of Earth Sciences, dirixido polo xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, da Universidade da Coruña. O traballo, asinado xunto a investigadores chineses, expón que algunhas destas formas teñen a súa xénese no interior da Terra, durante o proceso de intrusión da rocha.

A investigación baséase en observacións feitas en Galicia, “mais válido para todo o mundo granítico”, apunta Romaní. O xeólogo subliña que habitualmente se apunta cara a orixe erosiva destas formacións, que nalgúns casos foron aproveitados polos humanos para os seus gravados. O artigo salienta “que incluso un dos tipos de petróglifos mais coñecidos, os formados por circos concéntricos, en moitos casos teñen unha orixe magmática intrusiva”.

Publicidade

Con todo, aclara Vidal Romaní, isto “non exclúe a posibilidade de que logo, na superficie terrestre, non se puideran ter retocado pola man da especie humana unha ou máis veces ao longo da historia”. Engade o xeólog que “o que máis chama a atención, na miña opinión, é o feito de que os homes e mulleres prehistóricos tiveran capacidade xa naquel tempo para decatarse da aparición de estas formas xeométricas e, nalgúns casos ainda incorporalas como decoración nas súas realizacións”. Porén, tamén apunta o investigador que “noutros casos os petróglifos (aramas, animais) teñen unha indudable orixe antrópica”.

No traballo, os asinantes argumentan: “Descubriuse que unha vez que os corpos granitoides chegan á superficie da Terra, caracterízanse por unha morfoloxía moi específica que aproveita os sistemas preferibles de discontinuidade que afectan á rocha”. Estas discontinuidades, din, “defínense durante as últimas etapas intrusivas do granitoide e son, por tanto, de orixe endóxena”.

Continúan explicando que “ata hai pouco, as masas de rochas plutónicas que carecen de planos de estratificación foron interpretadas como estruturas de láminas de orixe esóxena causada por procesos de descarga erosiva”. Porén, apuntan os investigadores, “agora sábese que os procesos de erosión non eliminaron as rochas hospedadoras (sedimentarias ou metamórficas) que eran menos resistentes á erosión ata millóns de anos despois de que o granitoide se entrometese e deformase”. Así, din os autores, “pode concluírse que as paisaxes rochosas granitoides non foron evidentes ata que a rocha quedou exposta na superficie da Terra”, o que explica “por que as características endóxenas das paisaxes rochosas granitoides se malinterpretaron como formacións esóxenas causadas pola erosión”.

Con todo, o traballo destaca tamén que unha vez que estas masas acadan as capas superficiais, “os axentes meteóricos deron lugar ás únicas formacións esóxenas desenvolvidas na superficie, como as labradas pola erosion mariña, fluvial, glaciar ou eólica, así como a xeración de fochancas de orixe fluvial, mariña ou subglaciar, e buratos causados pola erosión ou disolución da rocha por mor da auga.


Referencia: Orogenic Movements during the Paleozoic Period: Development of the Granitoid Formations in the Northwestern Region of Spain’s Iberian Peninsula (Publicado en Journal of Earth Sciences).

1 comentario

  1. Vaiche boa! Pois ainda vai resultar que as espirais as fixeron uns homeciños verdes que baixaron de un UFO…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UDC aposta pola tecnoloxía dos videoxogos para mellorar a simulación industrial

Os investigadores Javier Pernas e Diego Crespo, da Área de Organización Industrial do Grupo Integrado de Enxeñaría do CITENI, publican no 'Journal of Simulation' o seu último avance

Pódcast | Reloxos intelixentes e medicina do sono: así nos axuda a tecnoloxía a vivir mellor

Os investigadores do CITIC Diego Álvarez e Patricia Concheiro analizan no sétimo episodio de O Descodificador as aplicacións biomédicas da IA

Aumenta a matriculación feminina en Enxeñaría Informática na UDC e na UVigo

Na universidade coruñesa as rapazas xa representan un 18% das incorporacións, mentres que na viguesa acadan o 19%

A RAGC premia ao equipo da UDC que busca métodos para identificar microplásticos no medio

Os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2023 conceden dous áccesits, un para a USC e outro para a UDC