Sábado 20 Abril 2024

Estudantes de Ames gañan un concurso internacional de escaneado 3D

Os alumnos, do CPR Alca, desenvolveron unha réplica da Estatua da Liberdade co que triunfaron no D3Mobile Metrology World League

Un equipo de estudantes de Bacharelato do CPR Alca de Ames proclamouse gañador da sétima edición do D3Mobile Metrology World League, un campionato científico de escaneado 3D de precisión con tableta/teléfono móbil, convocado polo grupo de investigación CIGEO da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC que conta con financiamento da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo, o Concello de Lugo e Universia do Banco de Santander. Este certame constitúe unha das actividades encamiñadas a fomentar as vocacións científicas e a internacionalización da Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC Biorrecursos: Desenvolvemento e Produción Sustentable (BioReDes). No certame participaron este ano 600 estudantes e 150 profesores de 110 centros educativos de 16 países de todo o mundo. Constitúe unha experiencia dirixida a novas promesas STEM (do inglés Science, Technology, Engineering and Mathematics) que pretende favorecer a adquisición de diversas habilidades do século XXI mediante o escaneado 3D de precisión.

Unha vez finalizada a fase de concurso e logo de avaliar a calidade de medida e visual dos modelos 3D elaborados polos 19 equipos que alcanzaron a final, o xurado acordou proclamar vencedores da categoría Metrólogos aos alumnos de Ames Lucía Camiña Freire, Diego Prados Neto e Álvaro Sevilla Pérez, coordinados polo profesor José María Villarino Fernández. Na segunda proba, os gañadores elaboraron un modelo 3D sobre a Estatua da Liberdade, mentres que na terceira proba, conseguiron un erro medio inferior a 0,04 mm nas medicións realizadas nun modelo 3D de 350 mm de diagonal maior. As mexicanas Ingrid Montserrat Barcenas Hernandez e Vanessa Barcenas Hernandez, do colexio Baden Powell de Atizapán de Zaragoza (México), escanearon en 3D o modelo anatómico dun cranio humano e conseguiron un erro medio inferior a 0,05 mm, o que lles valeu o subcampionato.

Publicidade

Categorías de escaneado

Na categoría Artistas 3D resultou gañador o modelo anatómico dun ollo escaneado en 3D, do equipo Outoforbit3D, da Unidade Educativa Mariscal Sucre de Guayaquil (Ecuador), formado polos alumnos Alina Isabel Briones Miranda e Isaid Medardo Cepeda Huacón coordinados pola profesora Andrea Alexandra Ávila Guerra.

Outro dos premios do campionato fomenta as competencias dos alumnos na realización dunha campaña de difusión dos seus resultados, para conseguir que o público do campionato valore e vote o seu modelo 3D. O equipo da categoría de metrólogos máis apoiado polo público de todo o mundo foi da Borusan Asim Kocabiyik Vocational and Technical Anatolian High School de Istambul (Turquía), formado polos alumnos Ceren Mervenur Kocamaz e Beyzanur Canta, coordinados polo profesor Mustafa Toruntay. Este equipo conseguiu dar a coñecer o seu modelo 3D dunha madalena para que obtivese gran cantidade de votos. Deste xeito, durante as votacións, os equipos finalistas contribuíron a difundir a USC, o Campus Terra e as titulacións impartidas na EPS de Enxeñaría de Lugo entre todo o público do campionato, no que se inclúen todos os escolares participantes e os seus compañeiros, profesores e familiares.

Mulleres científicas e tecnólogas

A D3Mobile Metrology World League 2019 contribuíu de novo a sensibilizar a todos os participantes no papel da muller na enxeñaría e a arquitectura, co premio outorgado pola Fundación Mulleres, un galardón ao que optaron aqueles equipos que seleccionaron para modelar en 3D un obxecto representativo dunha científica/tecnóloga de éxito nos campos da enxeñaría e/ou a arquitectura. O premio foi para o IES da Pobra de Caramiñal formado polos alumnos Rita Seoane Piñeiro, Román Pego Cánibe e Marcos Fernández Ouviña, coordinados pola profesora Margarita Saborido Ojea, cun modelo 3D sobre Tabitha Babbitt, unha muller americana que inventou a primeira serra circular en 1813, ao darse conta de que se malgastaba a metade do movemento que cada un dos dous traballadores realizaba ao manexar un tronzador.

 Gañadores de Galicia e Lugo

O gañador do premio ao mellor equipo de mozos metrólogos galegos, outorgado pola Xunta de Galicia, foi parar, por segundo ano consecutivo, ao equipo do IES da Pobra do Caramiñal coordinado pola profesora Margarita Saborido Ojea e integrado polos alumnos Leticia Romeu Sanisidro, Lea Zhu Muñiz Briones e Pablo Ramallo Castro, que escanearon varias caracolas e obtiveron un erro medio inferior a 0,06 mm.

O equipo da provincia de Lugo mellor clasificado foi o grupo do IES Muralla Romana de Lugo composto polos estudantes Alejandro López Fontán, Carlos Rodríguez Da Serra e Diego Veiga Loureiro e dirixido pola profesora Marta Goy López, que escanearon en 3D unha figura do coliseo romano. Os membros deste equipo recibirán o premio outorgado pola Deputación Provincial de Lugo.

Esta sétima edición da D3 Mobile Metrology World League, na que colaboran o Centro Español de Metrología (CEM) e o Instituto Xeográfico Nacional (IGN-CNIG), puxo punto final este martes co acto de clausura e entrega de galardóns celebrado na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo da USC, Montserrat Valcárcel, presidiu a ceremonia de entrega de premios, un acto no que tamén participaron o director do Servicio Rexional do Instituto Xeográfico Nacional en Galicia, Pablo Carballo Cruz; a directora do CFR de Lugo da Xunta de Galicia, María Teresa González Rodríguez; e o deputado provincial delegado da área de Innovación, Participación Cidadá, Xuventude e Deportes, Pablo Rivera Capón. A coordinadora do grupo Cigeo da USC, Mariluz Gil Docampo; o tamén profesor da USC e director do proxecto D3Mobile, Juan Ortiz Sanz; o director da EPS de Enxeñaría, Tomás Cuesta, así como os integrantes do grupo de investigación Cigeo, ademais doutros profesores e cargos académicos do campus de Lugo, tamén tomaron parte neste acto, unha sesión que serviu para lanzar a D3Mobile Metrology World League 2020.

 Prazo da oitava edición

O prazo de inscrición na oitava edición de D3Mobile xa está aberto. A participación é totalmente gratuíta e o campionato desenvólvese totalmente en liña. Todo o que se necesita para participar é un teléfono móbil ou unha tableta electrónica, un PC ou MAC con Windows, Linux ou OSX e unha conexión a internet. Proporciónase formación a través de guías online, un foro e correo electrónico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Os cubículos e corredores reducidos nas granxas de Lugo afectan a produción de leite

A tese de Sonia Verdes Gil conclúe que as superficies incómodas prexudican a saúde e a hixiene das vacas

GCiencia recibe o Premio Peña Novo polo seu “traballo arreo a prol da cultura e lingua do país”

A fundación que impulsou os galardóns hai 28 anos louva o portal “por contribuír decisivamente a poñer en valor o galego” a través do xornalismo