As canas adoitan multiplicarse en situacións de estrés. Fonte: Wikicommons.
As canas adoitan multiplicarse en situacións de estrés. Fonte: Wikicommons.

Por que saen canas polo estrés? Aquí tes a resposta

Científicos da Universidade de Harvard revelan, despois de estudalo en ratos, un mecanismo que ten lugar nas células nai dos folículos pilosos

O estrés, os altos niveis de responsabilidade e a excesiva carga de traballo afectan sen dúbida á nosa saúde. Un dos sinais máis visibles está no cabelo. Podemos comprobalo, desde os grandes mandatarios ata os traballadores e traballadoras sometidos a longas e extenuantes xornadas laborais. Algunhas figuras públicas, como Barack Obama, Pedro Sánchez ou Josep Guardiola dan conta disto, vendo como se tinguiu de canas o seu cabelo en pouco tempo. Todo o mundo podía velo, pero non se coñecía o mecanismo biolóxico que podía explicalo. Ata agora, porque científicos da Universidade de Harvard, nos Estados Unidos, descubriron que o estrés pode tornar o pelo en gris ao provocar o esgotamento das células nai encargadas de formar os pigmentos nos folículos pilosos.

A investigación, que publica Nature, é a primeira “evidencia definitiva entre o estrés e o encanecemento”, explica á Axencia SINC Ya-Chieh Hsu, profesora de Harvard e unha das autoras do traballo. “Ademais, puidemos identificar como ocorre este proceso. Queriamos entender como o estrés conduce a cambios en diversos tecidos, e a pigmentación do cabelo é un sistema accesible e manexable para comezar”.

O equipo expuxo a un grupo de roedores a estrés físico ou psicolóxico, e observaron como había unha redución no número de células nai dos melanocitos pasados uns días, así como un embranquecemento máis rápido do cabelo. Con estas observacións, os autores consideran que o estrés activa o sistema nervioso simpático, inducindo a liberación dun neurotransmisor –chamado noradrenalina– que fai que as células nai dos melanocitos, as que dan cor ao cabelo, se activen de forma excesiva.

Diferenzas entre os ratos sometidos a estrés e o grupo de control. Fonte: Nature.
Diferenzas entre os ratos sometidos a estrés e o grupo de control. Fonte: Nature.

Desta maneira, todas as células nai convértense en células produtoras de pigmento, esgotando antes do agardado o reservorio. Os expertos demostraron que, ao bloquear dita proliferación, evitaban a perda de células nai dos melanocitos e o encanecemento do cabelo nos ratos.

Antes de chegar a esta conclusión descartaron outras hipóteses, como que as canas fosen causadas por ataques inmunolóxicos ou hormonas relacionadas co estrés, como o cortisol. “Cando comezamos, obviamente esperaba que o estrés fose mala para o corpo”, subliña Hsu. “Pero o seu impacto negativo foi alén do que imaxinamos”, explica a SINC.

“Despois duns poucos días, todas as células nai encargadas de rexenerar pigmentos perdéronse”, continúa a investigadora. “E unha vez que se perderon, xa non se pode rexenerar o pigmento. O dano é permanente”.

Os expertos saben agora, por tanto, que as neuronas poden controlar as células nai e a súa función, e como interactúan a nivel celular e molecular para vincular o estrés coa aparición das canas. Os achados poden axudar ao coñecemento dos efectos do estrés noutras partes do corpo, o que pode sentar as bases de futuros estudos que busquen modificar ou bloquear os seus efectos daniños. “Entender como cambian os nosos tecidos baixo a tensión é o primeiro paso cara a unha intervención terapéutica para deter ou reverter este impacto negativo”, indica Ya-Chieh Hsu.

Con todo, os investigadores son cautos ante a posibilidade de desenvolver un tratamento “Aínda temos moito que aprender. Acabamos de descubrir os mecanismos, o cal é un primeiro paso importante para identificar un posible tratamento. Con todo, por agora non hai ningunha terapia segura e efectiva respecto diso”, conclúe.


Referencia: Hyperactivation of sympathetic nerves drives depletion of melanocyte stem cells (Publicado en Nature).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.