Sábado 20 Abril 2024

Estas son as propostas de ciencia e investigación para as eleccións autonómicas do 12X

Análise do programa en materia cientifica, carreira investigadora e desenvolvemento e innovación dos principais partidos políticos

O debate que deu comezo á campaña das eleccións autonómicas en Galicia xa expuxo aos electores e electoras algunhas das propostas en materia de ciencia, investigación ou innovación no caso de acceder ao goberno da Xunta de Galicia. Nos seus programas, os principais partidos que se presentan ás eleccións (PPdeG, PSdeG-PSOE, BNG, Galicia en Común, Marea Galeguista e Ciudadanos) recollen algunhas iniciativas que nos últimos meses lles trasladaron diversos colectivos e entidades vinculados á comunidade científica en Galicia. Aquí se recollen as principais.

Partido Popular de Galicia

As mencións á investigación aparecen no primeiro dos cinco eixes do programa, dedicado ao reto de “superar a pandemia sanitaria” e a “reactivación económica e social de Galicia”. Aquí, o programa recolle a “prioridade aos resultados relacionados coa atención a pandemias como a derivada da Covid-19 e coa resposta a situacións de rebrote nas políticas de integración de ferramentas de intelixencia artificial e big data no SERGAS, no desenvolvemento da transferencia inversa do coñecemento da investigación biomédica e no fomento da formación e a investigación en atención primaria”, ademais do “fomento da investigación orientada a atender os problemas de saúde mental na etapa post-Covid-19”.

Publicidade

Porén, a meirande parte das propostas do PP aparecen no segundo eixe, baixo o título “Gañar o futuro: o reto da competitividade para unha Galicia innovadora”, cun epígrafe titulado “adaptar o noso tecido produtivo e investigador ao cambio de modelo”.

Neste punto expóñense propostas concretas como:

  •  Estratexia Galicia Dixital 2030, que sitúe a Galicia como unha rexión intelixente de referencia en Europa.
  • Creación dun Centro Europeo de Innovación Dixital.
  • “Desenvolvemento dun ecosistema dixital” que integre iniciativas xa en marcha, como as lideradas polos clústers de Ciencias da Vida (Bioga) ou a automoción (Ceaga).
  • Creación do Centro de Ciberseguridade de Galicia.
  • Desenvolvemento dunha Estratexia Galega de Intelixencia Artificial.
  • Plan de adopción de tecnoloxías intelixentes en ámbitos estratéxicos para Galicia.
  • Lei de desenvolvemento da “Galicia intelixente”.
  • Pacto pola Ciencia en Galicia, co consenso de todos os axentes públicos e privados, que “reforzará a senda de crecemento do investimento público e privado en I+D+i dos últimos anos”.
  • Axenda da investigación universitaria para o escenario 2030, “que complete o mapa galego de centros de investigación universitaria”, “que aumente progresivamente o número de prazas de atracción e retención de investigadores distinguidos, ata chegar a 50 novas prazas anuais”; e que “converta Galicia na comunidade líder en España en adaptar o sistema de investigación ao novo movemento internacional de ciencia cidadá”.
  • Transferencia dos resultados de investigación en todo o sistema de I+D+i de maneira integral, “cunha orientación ao mercado, á demanda e á xeración de retornos económicos”. A proposta inclúe tamén o apoio económico aos grupos de investigación, o traballo con centros tecnolóxicos e o impulso no tecido empresarial do modelo I+D+i para acadar dita transferencia.
  • Programa “Talento Galicia 2025”, co que se propón a creación dun “un gran programa de contratación estable do mellor talento”, e a aprobación dun “decreto que regule a carreira investigadora en Galicia”.
  • Posta en marcha dun “portal de talento que facilite o contacto entre a oferta e a demanda, permitindo aos investigadores galegos que están fóra coñecer as oportunidades de volver a Galicia”.
  • Proponse tamén a continuación do “impulso da transformación tecnolóxica do tecido produtivo galego que dea continuidade á Axenda Industria 4.0”.
  • Impulso da creación e crecemento das start ups galegas a través de varias iniciativas, como a plataforma StarINGalicia, impulso da “innovación aberta corporativa”, a “captación de talento internacional”, un “selo específico”, a “potenciación da liña de investimentos directos” ou a celebración dun “gran evento anual de ámbito internacional”.
  • Impulso da innovación no rural coas “Casas de Innovación en Lugo e Ourense”.
  • Creación da Fundación de Investigación Agraria Aplicada de Galicia.
  • Reforzo do funcionamento e a estrutura do INTECMAR.
  • Creación dun “novo instrumento de apoio á I+D para as grandes empresas”.
  • “Novas iniciativas no eido do Polo Aeronáutico de Galicia”.
  • Estratexia Galega para a consolidación e o crecemento do sector da biotecnoloxía.
  • Esforzos no eido enerxético, “moi especialmente nun combustible alternativo denominado hidróxeno verde”.
  • No segundo e terceiro eixe tamén se fai mención ao fomento das vocacións científico tecnolóxicas nas primeiras etapas do ensino regrado.
  • E no terceiro apartado do programa menciónanse tamén outra spropostas como a aprobación do “III Programa Galego de Muller e Ciencia” e a construción dun “edificio propio para albergar a sede do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA)”.
  • No cuarto dos eixes, centrado no “reto dunha Galicia ecolóxica, sustentable e ordenada”, tamén se menciona á investigación como ferramenta na prevención dos efectos do cambio climático, nomeadamente os incendios, a través de entidades como o Centro de Investigación de Lourizán, ou a proposta da creación dun Centro Integral para a Loita contra o Lume en Toén (Ourense), así como a aplicación a este eido do coñecemento xerado no polo aeronáutico de Rozas.
  • Finalmente, no quinto eixe, faise mención á demanda dos traspasos de competencias no referente á “investigación oceanográfica”. Por outra banda, alúdese á posta en marcha do “sistema integrado de información da investigación clínica do sistema público de saúde de Galicia”. Tamén se contempla que no Plan Gaiás dos 2030 se aposte pola Cidade da Cultura como un “polo de innovación e formación”, facendo referencia ao Edificio Fontán, “que albergará un centro de investigación”, no marco dun “espazo no que convivirán a investigación, a cultura e o emprendemento”.

PSdeG

Aínda que é unha proposta non recollida no programa, o candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, comprometeuse durante a da campaña electoral a crear unha Consellería de Ciencia e Innovación, “para apostar pola vangarda dende Galicia en liña coas demandas dos investigadores”.

Alén disto, as propostas do partido socialista recóllense en tres documentos: as bases programáticas aprobadas en marzo, cun documento de 98 páxinas, o chamado Plan Rexurde Galicia, de 31 páxinas, e outra escolma de medidas, resumidas en 19 páxinas, ambas actualizadas tras a fase aguda da pandemia da Covid-19 e a nova convocatoria electoral. 

Nestes dous documentos faise mención a unha cifra concreta de investimento en ciencia e tecnoloxía. O PSdeG sostén: “Fortaleceremos o sistema de ciencia e tecnoloxía, de maneira que o investimento total avance cara ao 1,5% do PIB, tendo en conta as novas necesidades postas de manifesto pola Covid-19”.

Tamén se propón neste punto a creación do “Instituto Galego de Investigación Aplicada, na liña dos xa existentes en Cataluña e País Vasco”. 

Ademais, facendo mención igualmente á crise da Covid-19, proponse o “establecemento por medio dun proxecto de lei que será tramitado no primeiro ano de lexislatura dun Comité Científico de Asesoramento ao Goberno Galego” , dependente da Presidencia, para “a detección de ameazas e o establecemento de liñas de acción na previsión e prevención.

Pola súa parte, as bases programáticas recollen catro apartados, e o primeiro deles aborda a “aposta polo progreso económico de Galicia: innovador, inclusivo e sustentable”. Aínda que nelas non se recollen propostas concretas neste eido, e pártese da análise crítica á xestión do goberno do PPdeG nos últimos 11 anos, apuntando á “escasa iniciativa e apoio ao sector científico, técnico e investigador”, exponse a que “é imprescindible mellorar a eficiencia das políticas de I+D+i”. Faise referencia tamén a “unha industria que aposte fortemente polo I+D+i”, o “impulso científico-técnico” no sector pesqueiro e marisqueiro e, neste mesmo sentido, procurar o “avance tecnolóxico e a innovación científica na procura da competitividade do sector”, situando a Galicia “á cabeza da innovación” pesqueira.

No eido de políticas sociais, o PSdeG inclúe un epígrafe propio de “investigación e innovación”, onde se recollen propostas para o sistema sanitario público. Para “situarse no marco da excelencia”, proponse “liderar procesos de transformación en técnicas e metodoloxías que redundan na mellora asistencial”, diante dos cales, “o investimento en investigación e innovación” supón “unha ferramenta imprescindible para o avance da sanidade pública”.

Neste punto, exponse que “Galicia debe reverter a progresiva perda de investimento no programa de investigación sanitaria e consolidar a aposta pola innovación e as novas tecnoloxías, así como a medicina de precisión para situarnos á fronte dos sistemas sanitarios públicos”. 

BNG

O programa do Bloque Nacionalista Galego consta de 198 páxinas, e artículase en 22 puntos. O terceiro deles, “A I+D+i como motor de desenvolvemento”, recolle boa parte das propostas sobre ciencia e innovación, aínda que tamén aparecen medidas en epígrafes como o de “Sectores produtivos” ou a “Calidade ambiental, biodiversidade e emerxencia climática”.

No primeiro apartado mencionado, o BNG propón, entre outras medidas, as seguintes:

  • Incremento do investimento en ciencia e I+D de maneira progresiva até o 2,5% do PIB e o 3% dos orzamentos.
  • Promoción da ciencia aberta mediante a creación de repositorios institucionais.
  • Maior planificación da investigación sanitaria e o seu persoal, “poñendo fin á precarización do sector”.
  • “Xestión íntegra” desde Galicia dos fondos europeos relativos á innovación.
  • “Definición dunha carreira profesional investigadora para todo o persoal científico-técnico que desenvolve a súa actividade nos centros de investigación e prestación de servizos tecnolóxicos”, para ter “unhas condicións de traballo de calidade”.
  • Contratación de investigadores/as predoutorais con plena cotización e dereitos laborais.
  • Convocatoria do número de contratos posdoutorais en función do número de teses lidas cada ano.
  • Creación do Estatuto Galego do Persoal Investigador en Formación.
  • Acceso a todas as bolsas/contratos independentemente da idade ou ano de finalización do grao ou mestrado.

No referente á carreira científica, para paliar “a perda de persoal de investigación”, propóñense máis medidas:

  • Plan Retorna de persoal investigador, técnico, tecnólogo e de apoio á investigación que está emigrado.
  • Programa de retención e captación de talento (Innogal).
  • Garantir a taxa de reposición entre o PDI universitario.
  • Aumentar o persoal técnico de apoio á investigación.
  • Posibilidade de todo o persoal investigador predoutoral de impartir horas de docencia, dirección de TFG e TFM.
  • Eliminación das barreiras entre etapas da carreira investigadora.
  • Favorecer e impulsar os doutoramentos industriais en empresas galegas.
  • Convocatorias “pre” e “pos” doutorais asociadas a proxectos.
  • Incentivar a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo, favorecendo a creación de spin-off a través de instrumentos como os viveiros de empresas de base tecnolóxica.
  • Transferencia a Galicia das competencias e medios materiais do CSIC radicados no país.
  • Creación da Axencia Galega da Ciencia.
  • Programa de Articulación do Sistema de Investigación e Innovación, para facilitar a “integración dos coñecementos científicos e a tecnoloxía empresarial” para que a combinación do sistema público de I+D e os centros de investigación sexan “o gran laboratorio de I+D do tecido empresarial galego”.
  • Impulso do sistema universitario de I+D+i, coa “misión básica” da “xeración de coñecemento e a súa difusión a través dunha educación superior de calidade”.
  • Perspectiva de xénero, igualdade e conciliación familiar na ciencia e innovación, a través de diversos instrumentos, para evitar a discriminación.

Alén disto, o Bloque Nacionalista Galego fai mención tamén á necesidade da aposta pola I+D en sectores clave para Galicia, como o agrogandeiro, o marítimo ou o naval. Neste punto, proponse “aplicar un plano integral en materia de investigación que permita recuperar a capacidade investigadora do sistema de centros públicos de investigación da consellaría do Medio Rural (CIAM de Mabegondo, Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia ou CIF de Lourizán).

Galicia en Común

Aínda que, como expuxo este mércores GCiencia, Galicia en Común e Marea Galeguista replican nunha parte importante o programa sobre ciencia e innovación presentado en 2016 por En Marea, hai lixeiras diferenzas nas súas propostas. 

No caso de Galicia en Común, que expón un programa de 87 páxinas, dividido en catro bloques, as mencións aparecen, sobre todo, nos bloques 2 (“Reforzar as políticas públicas”) e 3 (“A economía ao servizo da xente”).

Entre outras medias, Galicia en Común propón:

  • A promoción da “investigación biosanitaria como un instrumento para a mellora da saúde da poboación tendo en conta as prioridades marcadas polo Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica e polo Plan de Saúde”.
  • Establecemento dos “mecanismos de coordinación do Plan galego de investigación e desenvolvemento en materia sanitaria co Plan galego de I+D+i.
  • Garantir “a suficiencia financeira da investigación pública e as condicións laborais das persoas investigadoras asegurándolles a estabilidade que lles permita desenvolver os seus estudos, proxectos e investigacións”.
  • Creación e mantemento de grupos de investigación básica e aplicada que serán unha prioridade da política sanitaria, xunto coa creación dunha rede altamente cualificada de docencia de tódalas profesións sanitarias. 
  • Estabilización dos contratos do persoal investigador e “medidas necesarias para a súa total integración na sanidade pública como persoal estatutario”, ademais da modificación do “marco legal para garantir que o valor engadido da investigación na sanidade pública permaneza neste ámbito”.
  • Prazos fixos para as convocatorias de investigación de xeito que se garanta unha maior estabilidade para a carreira investigadora, creando a figura de investigador no sistema galego tendo “en conta criterios de paridade de xeito que os permisos de maternidade non penalicen as avaliacións das investigadoras”.
  • Plan de retención e retorno do talento investigador “perdido na última década”.
  • Proponse tamén a recuperación dos dereitos laborais do persoal docente e investigador, apostando pola “negociación colectiva para a recuperación dos dereitos e das condicións laborais coa creación da Mesa Sectorial de Universidades”.

Marea Galeguista

Alén da parte do programa que se mantén respecto a 2016, a Marea Galeguista achega propostas como a “creación, da man cos centros de investigación galegos,dun plano de emerxencia fronte ás pragas e enfermidades que están xa a impactar nas nosas producións e afectan aos agricultores e aos consumidores”.

A Marea Galeguista anuncia tamén que “promoveremos un Pacto Galego pola Investigación, no que paicipen os axentes políticos, sociais, económicos e académicos para garantir as condicións que lle permitan á ciencia e á tecnoloxía galegas avanzar de xeito competitivo”, dotando aos “programas que permitan a atracción de talento e que contribúan á dinamización e ao reforzamento dos grupos de investigación”.

Sobre a carreira investigadora, a formación di que “remataremos coa situación precaria do sector da investigación en Galicia e proporemos solucións a curto, medio e longo prazo”, promovendo “programas posdoutorais como o Ramón y Cajal o Juan de La Cierva revertendo a precariedade laboral e fomentando contratos estables e dignos ao rematar as teses”, ademais da convocatoria de”Proxectos I+D+ i para investigadores nobeles, garantindo “a indemnización por fin de contrato dos contratos predoutorais”.

Marea Galeguista e Galicia en Común fan “corta-pega” do programa de ciencia de 2016

Os puntos compartidos de Marea Galeguista e Galicia en Común son:

  • “Cómpre impulsar programas que garantan unha oferta laboral suficiente para os e as investigadoras galegas, de xeito que se poida atraer ás persoas que nos últimos anos tiveron que buscar noutros países as oportunidades que aquí se lle negaban e, igualmente, asegurar que no futuro os mozos e mozas que inician a súa carreira investigadora poidan atopar en Galicia espazos nos que desenvolvela”, para o que se reforzarán “os programas de contratos predoutorais e postdoutorais, sen esquecer as xeracións de investigadores e investigadoras que nos últimos anos, por mor dos recortes, quedaron sen a oportunidade de optar ás convocatorias que foron suspendidas ou adiadas”.
  • Unificación das políticas de I+D+i na Axencia Galega de Innovación, acabando “coa actual dispersión entre as diversas áreas do Executivo”.
  • Impulso dun “novo Plan Galego de I+D+i 2020-2024, rematando coa interinidade actual, con maior dotación de recursos e en liña coa Estratexia de Especialización Intelixente da Comisión Europea”.
  • Aumento do investimento ata o 2% do PIB galego.
  • Creación dunha “rede de comités estratéxicos sectoriais” cos que “obter beneficios e orientar a I+D+i cara á creación de emprego de calidade e de valor social”.
  • Para “converter a ciencia e a I+D+i nun puntal da nosa economía”, proponse aumentar “o investimento público en sectores estratéxicos e de futuro como a produción de vehículos eléctricos, enerxías renovables, naval e aeronáutica, intelixencia artificial, fármacos e biotecnoloxías, sector agrogandeiro, pesqueiro e forestal”. 

Tamén se fai mención á divulgación científica, onde propoñen o impulso de “programas e espazos que incrementen o coñecemento e o interese que estes ámbitos espertan na sociedade, sobre todo na mocidade, impulsando as vocacións científicas, facendo “especial fincapé no fomento do estudo de carreiras científico-técnicas por parte das rapazas, co obxectivo de diminuír a actual fenda de xénero existente”, e no uso do galego nas disciplinas científicas.

No bloque terceiro, centrado na economía, lémbrase tamén que “Galicia conta co principal sistema de ciencia mariña do Estado, integrado por centros de investigación públicos e centros tecnolóxicos públicos e privados”, que xeran un coñecemento científico “notable”, a través do cal se avoga por mellorar “a transferencia dos resultados da investigación aos sectores produtivos” que axude a solventar os problemas do sector pesqueiro.

En termos de igualdade, apúntase a “reactivación da Unidade de Muller e Ciencia como instrumento de visibilización e valorización da actividade investigadora e innovadora realizada por mulleres”.

Ciudadanos

Nun programa de 50 páxinas, o partido dedica un dos seus epígrafes, o 1.5, ao compromiso de “apostar pola ciencia, a Tecnoloxía e a innovación para transformar a economía galega”. Neste punto, Ciudadanos propón:

  • Impulso do Pacto Galego pola Ciencia para que a I+D+i sexa considerada unha verdadeira prioridade.
  • Procura da “coordinación e complementariedade das convocatorias autonómicas de I+D+i coas iniciativas nacionais e europeas”, para aproveitar “o máximo as oportunidades para a I+D+i en Galicia, xerando sinerxías e esforzos a maior escala”.
  • Impulso da Rede Galega de Transferencia de Coñecemento, “que favoreza a aplicación da investigación e a colaboración coas empresas”.
  • Creación dunha Corporación Tecnolóxica Galeg (COTEGA) como fusión dos diferentes centros tecnolóxicos existentes en Galicia”, e “inspirado no Tecnalia do País Vasco”.
  • Comprométese tamén Ciudadanos a promover “a estabilidade laboral” e acabar “coa precariedade que padecen os investigadores e científicos galegos”, para que “o seu esforzo na participación de proxectos excelentes, internacionais e en actividades de transferencia sexa retribuído de forma axeitada”.
  • Neste punto, tamén se fai fincapé na “atención específica á situación das nosas mulleres investigadoras, especialmente no relativo á súa protección social durante a maternidade, para que en ningún caso poida supoñerlle unha penalización na súa carreira científica”. 
  • Redución das “cargas burocráticas para que os nosos científicos poidan dedicarse ao que mellor saben facer: a investigación, non facer papeleo”. 
  • Lanzamento dun programa galego do fomento do ecosistema de start-ups (StartGal) para convertir Galicia “nun dos principais viveiros tecnolóxicos españois”.
  • Constitución do Fondo Galego de Desenvolvemento Tecnolóxico para incrementar o financiamento dirixido ao desenvolvemento de Start-ups e tecnoloxías disruptivas”.

Alén disto, Ciudadanos tamén inclúe, no seu epígrafe dedicado á educación e formación, a “obligatoriedade de que todas as universidades de Galicia publiquen de forma accesible nun repositorio en Internet todos os traballos que outorguen un título oficial”, publicando ademais “os seus datos de impacto en empregabilidade das titulacións”, o impulso da “actividade innovadora do persoal docente e investigador das universidades galegas”.

Nas propostas sobre o medio rural, tamén se recolle un Plan Galego de Agroindustria para fortalecer a especialización e impulsar a I+D+i agraria.

Vox

O programa do partido cínguese a unha folla con 10 medidas nas que non se fai mención á asuntos de investigación, desenvolvemento ou innovación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

Exoplanetas de spray e tinta: ciencia e arte alíanse nun proxecto internacional con selo galego

O artista vigués Tono Carbajo realiza unha residencia artística en Cataluña para desenvolver a súa obra visual e sonora a partir de evidencias astronómicas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Galicia lidera o debate sobre a rendibilidade da ciencia da man de Unirisco

Universidades europeas e centros de investigación analizarán en Santiago o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores