Xoves 25 Abril 2024

Escolares galegos inventan a hamburguesa de coliflor

Regar desertos con cueiros usados, un sistema antikamikazes de autoestrada ou unha hamburguesa de coliflor. Son tres dos cincuenta inventos que alumnos galegos de Secundaria e FP presentaron na última edición de Galiciencia, a feira científica que se celebra no Parque Tecnolóxico de Galicia, en Ourense.

Parece que, para a ciencia, hai canteira. A alimentación foi un tema estrela, e a hamburguesa con coliflor triunfou este ano. Outros inventos foron unha luz de salvamento de baixo custo fabricada a partir do flash dunha cámara de fotos desbotable, un perfume ecolóxico ou unha pantalla táctil elaborada con materiais caseiros, aínda que tamén se presentan estudos científicos variados.

Publicidade

Dúas alumnas de Ourense sorprenderon na mostra con novas receitas de hamburguesas máis saudables combinando a carne con todo tipo de vexetais e froitas, dende cenoria ata acelgas e plátano.

A proposta de sistemas enerxéticos máis sostibles e ecolóxicos centrou varios proxectos. Ao aeroxerador de hidróxeno como combustible para coches construído por alumnos de Ourense súmanse a produción de biodiésel a partir de algas mariñas de rapaces de Vigo ou a obtención de enerxía a partir dunha pataca formulada por un alumno de Ribadeo (Lugo).

As investigacións para desvelar cuestións curiosas tiveron un lugar destacado na Galiciencia. Dúas alumnas das Aulas Tecnópole desterraron o mito de que os peixes teñen só tres segundos de memoria, facendo un experimento nun labirinto acuático co que observaron que os peixes pasaban cada vez máis rápido polos lugares repetidos en días anteriores.

Outros dous estudantes non foron quen de atopar evidencias da relación causal entre o gas radon e a morriña, pero si entre a exposición elevada a este gas co cancro e enfermidades respiratorias.

Pola súa banda, dous estudantes de Ribadeo compararon o grao de acerto de Meteogalicia e da Axencia Estatal de Meteoroloxía e, entre outras cousas, constataron unha maior fiablidad do servizo galego en canto ás precipitacións.

Música ambiente e mellores notas

O gran péndulo de Foucault caseiro construído por alumnas de Narón (A Coruña) foi a maior atracción visual desta edición de Galiciencia, mentres que dous alumnos de Pontevedra lograban chamar a atención dos visitantes co seu avanzado proxecto para extraer células dentríticas dun individuo, tratalas no laboratorio e volver inserirllas para tratar enfermidades infecciosas.

Tamén un equipo chegado dende Barcelona probou que os alumnos que realizan os exames con música ambiente sacan mellores notas e outros dous ourensanos constataron que un ovo colocado entre dous móbiles comeza a cocerse a partir do minuto 65 de conversación (co que iso pode supoñer para un cerebro humano).

O pasado ano, os estudantes galegos sorprenderon en Galiciencia cunha goma de mascar que alimenta, un semáforo intelixente ou un coche eléctrico. Tamén, cunha cociña solar low cost para países subdesenvolvidos construída por rapaces de Vigo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

Exoplanetas de spray e tinta: ciencia e arte alíanse nun proxecto internacional con selo galego

O artista vigués Tono Carbajo realiza unha residencia artística en Cataluña para desenvolver a súa obra visual e sonora a partir de evidencias astronómicas