Venres 29 Marzo 2024

Equipos galegos estudan a variante do SARS-CoV-2 espallada en España no verán de 2020

Investigadores do CINBIO, CiMUS e CHUS publican un artigo en "Nature" dentro do consorcio SeqCOVID, que realizou a análise xenómica da 20E (EU1)

Antes de que as variantes do SARS-CoV-2 acadasen maior notoriedade a finais de 2020 e comezos de 2021, grupos de investigación de todo o mundo xa estaban a desenvolver unha estreita vixilancia sobre os cambios no xenoma do virus que puidesen influír na evolución da pandemia. En España, o consorcio SeqCOViD, coordinado polo CSIC, recolleu boa parte destes esforzos. A pasada semana, a revista Nature publicou unha investigación deste consorcio no que se analiza a evolución da variante 20E (EU1), detectada en España no verán de 2020, e que posteriormente se propagou por Europa. Nesta colaboración participan varios equipos galegos, como o grupo de Mobile Genomes, dirixido por José Tubío no CiMUS de Santiago de Compostela, o servizo de Microbioloxía do CHUS, que lidera María Luísa Pérez del Molino, ou o grupo de Filoxenómica do CINBIO da UVigo, coordinado por David Posada.

Este estudo “subliña a importancia dun esforzo de secuenciación xenómica coordinado e sistematizado para detectar, rastrexar e analizar variantes emerxentes”, sinala a USC. Esta investigación permitirá deseñar políticas alternativas ás restricións de mobilidade para frear a extensión do virus, reducindo o risco de introducir variantes e garantindo que as que se introduzan non se propaguen amplamente e poidan manterse en niveis baixos.

Publicidade

“Os nosos resultados demostran como unha variante pode converterse rapidamente en dominante mesmo en ausencia dunha vantaxe de transmisión substancial en condicións favorables en contornas epidemiolóxicas”, explica José Tubío, un dos autores do traballo. A vixilancia xenómica é fundamental para comprender como as viaxes poden afectar á transmisión do SARS-CoV-2 e, polo tanto, “para deseñar futuras estratexias de contención nunha situación normalizada de mobilidade intercontinental”, segundo o investigador da USC.

Segundo os autores da investigación, “non se atoparon evidencias dun aumento da transmisibilidade, senón que se demostra como o aumento da incidencia, a reactivación das viaxes e a falta de detección e contención eficaces poden explicar o éxito da variante”. Deste xeito, estímase que “a pesar das restricións de viaxe, a variante 20E (EU1) introduciuse centos de veces en países europeos por viaxeiros estivais, probablemente socavando os esforzos locais para manter baixos os casos de SARS-CoV-2.

Así, expón a USC, “os responsables da formulación de políticas necesitan unha avaliación áxil sobre se unha nova variante aumenta a propagación do virus, evade a inmunidade preexistente ou ten diferentes propiedades clínicas”. No caso de 20E (EU1), aclaran, ningún destes factores parece cambiar substancialmente, o que a converte nun claro exemplo de como as viaxes, sumadas a grandes diferenzas rexionais na prevalencia, poden conducir a cambios rápidos na distribución da variante sen unha aparente transmisibilidade.

“Conscientes de que a longo prazo as restricións de mobilidade e os peches de fronteiras non son sostibles, identificar mellores formas de reducir o risco de introducir variantes e garantir que as que se introduzan non se propaguen amplamente, axudará aos países a controlar o SARS-CoV-2”, sostén Castro Tubío.


Referencia: Spread of a SARS-CoV-2 variant through Europe in the summer of 2020 (Publicado en Nature).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que o exercicio físico axuda a que os tratamentos médicos funcionen mellor?

É unha ferramenta barata, fácil de usar e moi efectiva coa que podemos mellorar o prognóstico da maioría de enfermidades

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos

O CINBIO explora novas estratexias terapéuticas para trastornos do sistema inmune

O proxecto coordinado pola investigadora Verónica Salgueiriño estuda as citoquinas, as cales facilitan a comunicación entre as células do sistema inmunolóxico

Yolanda Prezado: “Coa protonterapia erradicamos o 83% dos tumores en estudos preclínicos”

A científica galega referente en París incorpórase ao CiMUS para impulsar a investigación en Galicia da terapia con protóns