Venres 29 Marzo 2024

Enxeñeiros galegos producen unha fibra 1.000 veces máis fina ca un cabelo

Os investigadores do grupo LaserON da Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo publican na revista "Science Advances" o innovador proceso

Máis de dez anos de traballo están detrás do proceso de produción por primeira vez dunha fibra de vidro continua 1.000 veces máis fina ca un cabelo humano. Os investigadores do grupo LaserON da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo idearon e desenvolveron o proceso denominado Cofiblas (Continous fiberizing by laser melting, Fibrado continúo por fusión láser), que combina un láser de alta potencia e un chorro supersónico de aire para, quentando e moldeando o material de partida, conseguir fibras de vidro continuas e dun espesor que pode ser controlado a vontade, entre 300 nanómetros e 30 micras. Science Advances, a revista irmá (on-line e en aberto) de Science, acaba de publicar un artigo no que se describe o novo proceso que permite, por vez primeira, conseguir nanofibras de vidro sen limitación de lonxitude, algo que ata o de agora non era posible, quedando limitada a produción de fibra de vidro deste espesor a unha curta lonxitude, coa conseguinte limitación nas súas aplicacións.

“Con este novo proceso ideado e posto a punto polos investigadores da Universidade de Vigo, pódese producir unha fibra continua, que pode ser fiada ou tecida, o que facilita a súa manipulación, abre a porta a un maior número de aplicacións e elimina un dos riscos que se asocia aos nanomateriais: a seguridade das persoas, xa que, ao ser tan longa, non pode ser inhalada accidentalmente”, explica Félix Quintero, primeiro autor do artigo publicado por Science Advances e que tamén asinan Joaquín Penide, Antonio Riveiro, Jesús del Val, Rafael Comesaña, Fernando Lusquiños e Juan Pou, coordinador do grupo de investigación LaserON.

Publicidade

Micrografías dos filamentos producidos con Cofiblas. Foto: Duvi.
Micrografías dos filamentos producidos con Cofiblas. Foto: Duvi.

Ademais de que a fibra de vidro é moito máis barata ca outros materiais utilizados actualmente, como a fibra de carbono, ou o kevlar, e que se pode reciclar moi facilmente, as propiedades físicas das fibras obtidas a través de Cofiblas destacan, segundo os investigadores, pola súa gran flexibilidade e resistencia. “Por esta razón, resulta de interese para reforzar materiais nanocompostos e para producir composites flexibles destinados a aplicacións de optoelectrónica. Ademais, ao non arder, poderíase incorporar a téxtiles ignífugos e de altas prestacións”, sinala Juan Pou, que tamén apunta que a posibilidade de incorporar compostos bioactivos no material de partida, permitiría o seu uso en aplicacións biomédicas, aínda por explorar.

O traballo desenvolvido ata o de agora polos investigadores do grupo LaserON centrouse na optimización do proceso, polo que para avanzar cara unha posible explotación comercial do mesmo, cómpre adaptalo a unha escala industrial. “Polo de agora, o grupo de investigación conta con financiamento a través dun proxecto de I+D do Ministerio de Ciencia e Innovación e a axuda para a Consolidación de Grupos de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia”, detalla Pou.

Un grupo con 25 anos de existencia

A posta a punto de Cofiblas supuxo máis dunha década de traballo do grupo LaserON, que apostou por levar a cabo un desenvolvemento inicial con múltiples simulacións matemáticas, grazas a cuxos resultados foi posible abordar a construción dun sistema experimental. “Con este sistema realizáronse numerosas probas co obxectivo de axustar os parámetros que permiten un perfecto control de todo o proceso”, explica Félix Quintero, que lembra que os primeiros pasos se deron ao abeiro do proxecto europeo Iberomare. Esa liña de investigación non se abandonou e o grupo participa neste intre no proxecto BlueHuman, cofinanciado por Interreg Espacio Atlántico, que reúne a grupos de investigación e empresas que procuran dar valor a produtos e subprodutos mariños, desenvolvendo, a través de biotecnoloxía solucións innovadoras no campo da medicina, o coidado da saúde e o benestar.

Con integrantes nas súas filas con máis de 25 anos de experiencia no procesamento de materiais con láser, o grupo LaserON conta ademais con fontes de láser de alta potencia e equipos auxiliares, que conforman unha infraestrutura única na península ibérica e que está entre as dez máis relevantes de Europa neste campo.


Referencia: Continuous fiberizing by laser melting (Cofiblas): Production of highly flexible glass nanofibers with effectively unlimited length (Publicado en Science Advances).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Premian á UVigo por un protector solar con espiñas de peixe

O grupo LaserON da Escola de Enxeñaría Industrial recibe o galardón da Sociedade Cerámica dos Estados Unidos

Un método para mellorar a produtividade das auxiliares do sector naval

O enxeñeiro vigués Luis Eguizábal tivo na súa traxectoria profesional a...

Premio para unha impresora 3D viguesa

Un equipo de Enxeñería Industrial de Vigo gaña o certame MachineStruxure, de Schneider Electric