Sábado 20 Abril 2024

As neveiras do futuro asoman na Universidade da Coruña

O emprego de novos materiais para fabricar neveiras e outros equipos de frío é a base do proxecto de investigación que está a desenvolver un equipo de químicos e enxeñeiros da Universidade de A Coruña (UdC) e que aspira a avanzar na procura dunha tecnoloxía de refrixeración máis económica, sustentable e enerxéticamente eficiente. O proxecto acaba de ser galardoado co Premio de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).

Aínda que coas continuas melloras tecnolóxicas, as neveiras, conxeladores e máquinas de aire acondicionado de hoxe arrefrían cos mesmos principios de compresión e expansión de gases e líquidos descritos polo británico Jacob Perkins en 1830. A refrixeración mediante fluídos supón na actualidade máis do 20% do consumo enerxético mundial e a súa eficiencia e moi mellorable. Ademais, a maioría dos equipos de refrixeración emprega fluídos perigosos, tóxicos e contaminantes, como os gases de efecto invernadoiro.

Publicidade

O proxecto basease no emprego dun novo material híbrido

Segundo explica Manuel Sánchez, un dos membros do equipo de investigación da UdC, o proxecto que están a desenvolver basease no emprego dun novo material híbrido que conta con pouco máis de vinte anos de vida. Trátase dunha perovskita de manganeso, feita con compoñentes inorgánicos e orgánicos. Materiais desta mesma familia empréganse con éxito nas memorias USB e na industria fotovoltaica. Agora na UdC experimentan o seu uso para fabricar unha nova xeración de equipos de refrixeración.

A clave do proxecto está en conseguir neste novo material o efecto refrixerante mediante a aplicación de presións moderadas, deste xeito poderían substituirse os gases perigosos e contaminantes por materiais sólidos máis compactos, económicos e enerxéticamente eficientes.

O grupo de investigación obtivo recentemente unha axuda por valor de 150.000 euros do Ministerio de Economía e Competitividade e disporá dun período de catro anos para facer realidade o resultado das súas investigación cun prototipo. Neste sentido, os investigadores están a colaborar con outro grupo da Escola de Náutica de A Coruña, que teñen experiencia na construción de prototipos para equipos de refrixeración.

O seguinte paso é a construción dun dispositivo para resolver as dificultades

Sánchez sinala que a investigación comezou hai catro anos a partir do traballo feito polo investigador Juan Manuel Bermúdez nunha tese doutoral. Nese momento non se estaba procurando especificamente un material para producir equipos de refrixeración pero se analizaban as posibilidades dun material moi flexible e versátil, que está a mostrar moitas alternativas para o seu uso en diversas industrias. Bermúdez actualmente traballa na Universidade de Cambridge xunto ao recoñecido investigador catalán Xavier Moya, pero segue a colaborar dende alí coa investigación que se realiza na UdC.

Polo de agora xa puido comprobarse que o material se comporta moi ben no laboratorio e o seguinte paso e a construción do dispositivo para resolver as dificultades que poidan xurdir. O que xa quedou demostrado e que o material é moi barato e que pode fabricarse a gran escala, polo que podería ser axeitado para a produción de equipos de xeito industrial.

O equipo do proxecto “Novo Frío, galardoado co Premio de Investigación da RAGC, integra a químicos e enxeñeiros da UdC procedentes do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) e dos departamentos de Química e de Enxeñería Naval e Industrial. Están liderados por María Antonia Señarís e conta entre os seus investigadores cos citados Manuel Sánchez e Juan Manuel Bermúdez, ademais de Socorro Castro, Jorge José López, e Ramón Pedro Artiaga.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

Os lévedos axudan a combater o cancro? Así o investiga un equipo galego

Científicos da UDC revisan o papel que xogan os lévedos nos descubrimentos biolóxicos, o seu uso como ferramenta biolóxica e a súa longa vida nos laboratorios

“Cambios climáticos hóuboos sempre pero nunca tan rápidos como o de agora”

Un investigador do GRICA da UDC participa nun estudo sobre o cambio climático publicado na prestixiosa Nature Geoscience

O cambio no manexo tradicional dos cabalos salvaxes ameaza a biodiversidade do monte galego

Un traballo de investigadores galegos publicado en ‘Biodiversity and Conservation’ conclúe que as bestas son "indispensables" para a diversidade biolóxica dos montes