José Luis Mascareñas, Soraya Learte, Cristian Vidal e Alejandro Gutiérrez. Foto: CiQUS.
José Luis Mascareñas, Soraya Learte, Cristian Vidal e Alejandro Gutiérrez. Foto: CiQUS.

Un salto desde Galicia para crear encimas artificiais en células vivas

O laboratorio que dirixe José Luis Mascareñas no CiQUS de Santiago constrúe un sistema híbrido con paladio e unha miniproteína

O grupo de investigación que dirixe no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) de Santiago de Compostela o catedrático José Luis Mascareñas volve marcar un importante paso na investigación que linda entre a química, a bioloxía e a medicina. No marco do proxecto MetBioCat, financiado coa prestixiosa liña de excelencia Advanced Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), os estudantes de doutoramento Soraya Learte e Alejandro Gutiérrez,  así como o posdoutorando Cristian Vidal, coa dirección de Mascareñas, acaban de construír un sistema híbrido entre unha miniproteína e un metal (paladio) que se comporta como un metaloencima artificial dentro dunha célula viva. O traballo supón un importante avance na creación de enzimas artificiais en células vivas.

“Os encimas son proteínas fundamentais para a vida xa que son responsables de catalizar as miles de reaccións químicas que ocorren nas nosas células. Algunha destas proteínas poden realizar a súa función grazas á axuda de determinados metais, de aí a denominación de metaloencimas. Os científicos levamos anos tratando de desenvolver metaloencimas que non existen na natureza e que podan realizar novas funcións. E aínda que ata o momento se prepararan diversos metaloencimas artificiais, nunca se lograra situalos dentro de células de mamífero, o lugar propio de acción dos encimas naturais, como conseguimos facer neste traballo”, explica Mascareñas, director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC no que se desenvolve a investigación.

Enfermidades e deseño de fármacos

Aínda que por agora a actividade deste sistema sintético é baixa, supón un primeiro paso no camiño correcto, segundo informa o CiQUS. O persoal investigador agarda que mellorando estas propiedades nun futuro, este tipo de sistemas moleculares permitan controlar reaccións químicas celulares, e con iso corrixir problemas de funcionamento asociados a distintas enfermidades. Ademais, estes sistemas sintéticos tamén poderían permitir a xénese de fármacos de forma selectiva, administrándoos só nas células que están cargadas con estes catalizadores artificiais.

Transformacións químicas na contorna celular

Este traballo logrou dar resposta ao desafío que supón controlar transformacións químicas no medio celular, xa que é preciso manter a actividade e propiedades dos catalizadores nun medio tan complexo como o é a contorna da célula; e pola dificultade que supón atravesar de maneira controlada a membrana celular, entre outros factores. Ademais esta análise do CiQUS logra “visualizar” que ditas transformacións químicas están a ter lugar mediante a xeración de produtos fluorescentes, visibles a través do microscopio.


Referencia: Intracellular Reactions Promoted by Bis(histidine) Miniproteins Stapled Using Palladium(II) Complexes (Publicado en Angewandte Chemie).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.