Xoves 28 Marzo 2024

Elia, a achega galega no traballo que detectou a gran explosión de raios gamma

A física ourensá, que traballa na Universitat Autónoma de Barcelona, participou na investigación publicada en "Nature" pola colaboración MAGIC

Foi o froito da gran colaboración internacional MAGIC, na que participaron científicos de diversas ramas e moitos países para detectar unha enorme explosión de raios gamma (GRB), os sucesos máis enerxéticos do universo. E aínda que non hai ningún centro galego implicado directamente na investigación que Nature recolle esta semana, si hai investigadoras a título individual que asinaron o traballo. É o caso de Elia do Souto Espiñeira (Ourense, 1993), que actualmente realiza o seu doutoramento no Institut de Fisica d’Altes Energies (IFAE) da Universitat Autónoma de Barcelona.

“A nivel persoal, todo o proceso da detección do GRB foi sumamente emocionante, e sentíase como os anos de esforzo da xente finalmente daban resultado e todos estabamos moi ilusionados”, conta desde Barcelona Elia. A ela tocoulle poñer o seu gran de area “na análise das condicións temporais da observación”.

Publicidade

A relevancia deste achado (“en MAGIC levaban 15 anos esperando ver un GRB”, destaca) levou a que “todos os pasos da análise foran realizados e revisados en detalle e ao milímetro”. Aínda que Elia tomou parte na análise destes datos, expón que a súa achega “foi un tanto fugaz, xa que eu son estudante de doutorado e non querían deixar nas miñas mans unha análise tan importante, sobre todo cando hai xente que leva moitos anos estudando e analizando GRBs”.

A investigadora ourensá di que o achado foi “sumamente emocionante” porque “en MAGIC levaban 15 anos esperando ver un GRB”

Explica a física ourensá que “cando un GRB é detectado por algún experimento, normalmente os satélites, estes mandan unha alarma ao resto de experimentos interesados en este tipo de fenómenos, coma os telescopios MAGIC”. Nese momento, tal e como aconteceu nesta relevante observación “os telescopios apuntan automáticamente e o máis rápido posible cara onde a alarma di e esta celeridade é moi importante, xa que algúns GRBs duran tan só unhas decenas de segundos“, algo para o que está expresamente construído MAGIC.

O estudo dos GRBs

Estes fenómenos prodúcense, “por exemplo, cando cando dúas estrelas de neutróns se funden nunha soa, ou se unha estrela moi masiva chega ao final da súa vida e colapsa”. Para comparar, Elia di que “é como ter o acelerador de partículas do CERN, pero gratis; o malo é que está a miles ou millóns de anos luz de distancia”. Con todo, observar estes eventos “permítenos estudar cómo son os procesos naturais mediante os que se acadan enerxías moi altas”.

“Os GRB son os procesos máis intensos e potentes do universo pero están tan lonxe que non nos chega toda a súa enerxía, e mellor así, porque destruirían a capa de ozono e morreríamos todos)”, engade.

Para comprender estes sucesos, a investigadora do IFAE explica que “estas explosións non se producen por todo o espazo de forma esférica, coma unha granada, senón máis ben coma un chorro dirixido ou o laser dun francotirador, que recibe o nome de jet“. Neste chorro “é onde se libera toda a explosión e se produce a aceleración de partículas e fotóns”.  E os datos recollidos agora por MAGIC “permitirán entender mellor o que sucede dentro deste jet e o seu campo magnético”, di Elia do Souto.

Entre as posibles aplicacións futuras destas observacións, a física sostén que “ser capaces de ver o universo en moi altas enerxías danos un novo par de ollos para completar o crebacabezas da natureza e ,quen sabe, se dentro de 100 ou 200 anos estes coñecementos se empregarán para levar á humanidade polo espazo“.

Elia subliña que a nivel profesional este achado pon á colaboración MAGIC “en boca de moita xente, e visibilizase a súa excelencia científica, o cal abre futuros proxectos dentro de MAGIC e no futuro CTA ou noutros experimentos”.

Detectan desde Canarias unha explosión de raios gamma “sen precedentes”

Vocación en bacharelato

A desta física ourensá é unha carreira que aínda está comezando, e que xurdiu como vocación “durante o bacharelato, grazas ao meu profesor de Física“, lembra. Os dous primeiros anos da carreira cursounos en Salamanca, para trasladarse despois a Santiago de Compostela, onde se graduou. A continuación realizou o máster na Universidade de Barcelona, “coa idea de seguir pola rama de física de partículas, pero decanteime pola especialidade de astrofísica coa esperanza de poder facer un doutorado en astrofísica de altas enerxías“. Niso centra a súa tese, cuxa liña de traballo “son os GRBs e outros fenómenos transitorios do universo”.

Para mellorar o seu coñecemento do proxecto, Elia do Souto viaxa unha vez ao ano durante un mes aos telescopios da colaboración MAGIC, e tamén se encarga de revisar as análises “de grandes cantidades de datos cando atopamos algún erro ou hai posibles melloras”.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

Un novo exoplaneta desafía as teorías clásicas de formación planetaria

Un equipo de astronónomos descobre LHS 3154b, cunha masa similar a Neptuno, orbitando preto dunha estrela anana de moi baixa masa

Descubertos seis exoplanetas que ‘bailan’ de forma sincronizada arredor da súa estrela

Os planetas posúen unha configuración que apenas cambiou desde hai máis de mil millóns de anos

Begoña Vila: “Atoparemos probabilidades de vida noutro planeta”

Co gallo do décimo aniversario de Gciencia, a astrofísica da NASA analiza a divulgación dos achados cósmicos e a busca de vida intelixente