Xoves 25 Abril 2024

Elena Vázquez Abal: “O apoio á diversidade segue sen pasar do superficial”

A profesora de Xeometría e Topoloxía da USC participa este venres na Casa das Campás de Pontevedra na celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia

Hai varias barreiras por derrubar no camiño cara a unha sociedade que inclúa a todas as persoas que viven nela. Unha é a do xénero, que se conmemora nestes días, como o 11F e o vindeiro 8M. Pero hai máis: outra é a da diversidade funcional, porque moitas das persoas con discapacidade física ou intelectual seguen tendo que ver diante deles obstáculos que, nunha sociedade que se di no século XXI, non deberían estar aí. Elena Vázquez Abal (Pontevedra, 1960) é hoxe profesora da Área de Xeometría e Topoloxía na Facultade de Matemáticas da USC e presidenta desde comezos deste ano da Comisión de Mulleres e Matemáticas da Real Sociedad Matemática Español (RSME). Mentres cursaba os seus estudos, o diagnóstico da esclerose múltiple chegou para quedar, e fixo medrar unha actividade a prol da inclusión que leva ás súas aulas e aos moitos lugares onde participa en iniciativas de divulgación. Este venres será unha das poñentes do acto que organiza o Concello de Pontevedra coa colaboración de GCiencia na Casa das Campás da capital provincial, co gallo do Día da Muller e a Nena na Ciencia.

– Por que é preciso este día?

Publicidade

– Porque hai que escoller unha data para celebrar e centrar estas actividades que se organizan, aínda que tampouco había que esquecerse disto o resto do ano. Un dos acertos importantes é que desde o propio nome se enfoca a importancia das nenas. Porque desde moi cedo empézanse a detectar problemas e diferenzas de xénero. E para iso hai que estar desde o comezo, nas escolas, no ensino infantil e primario.

Cando vou a charlas a algúns colexios e institutos, vexo que bastante pronto, xa ao comezo de secundaria, os estereotipos están construídos, e aí xa xorde unha sensación entre as rapazas de non sentirse válidas para algunhas cousas. E iso é, en parte, porque ás rapazas lles faltan modelos de triunfadoras no campo científico. Iso constrúese, porque mesmo a través dos libros de texto aparece un nesgo, unha distinción entre traballos de homes e mulleres, e os roles quedan xa determinados e repartidos.

– Que pasos quedan por dar?

– Hai unha fenda, sobre todo nos chanzos máis altos da carreira científica, na que segue sendo patente a discriminación. Por exemplo, hai universidades galegas, como a da Coruña, onde aínda non temos catedráticas de Matemáticas, e en Galicia nunca tivemos unha reitora de universidade.

Falla algo porque á hora dos criterios de valoración para acceder a determinados postos non se teñen o suficiente en conta algunhas circunstancias. Á hora dos coidados, en momentos nos que a carreira se frea, os obrigas sociais asúmeas máis a muller, e determinados procesos competitivos botan para atrás ás mulleres. Non é só ver os nesgos, senón tamén actuar para afrontalos.

 – Como está a situación nas matemáticas?

– Hai xente á que as matemáticas, de primeiras, non lles resultan algo feminino. Pode ter que ver con que as mozas adoitan cultivar máis a autocrítica na súa maneira de pensar; no momento no que chega un fracaso, son máis esixentes consigo mesmas. E iso nótase nas ciencias técnicas, as enxeñarías e tamén nas matemáticas.

Pontevedra celebra o día da Muller e a Nena na Ciencia con investigadoras de renome

– Como foi no seu caso?

– A min sempre me gustou resolver problemas matemáticos, e tamén o debuxo técnico. No caso das matemáticas, tiven profesoras mulleres que me animaron a dar o paso. Tamén me atraía a arquitectura, pero parecíame un mundo máis alleo, como algo máis difícil de acadar. Co tempo, creo que acabei decidindo ben.

– Alén do xénero, tense en conta realmente a diversidade?

– En teoría, o mundo científico e académico é un lugar de vangarda, de ir diante doutros sectores da sociedade, e por tanto debería entender mellor a diversidade.  É certo que se apoia, pero é un apoio que en moitos casos segue sen pasar do superficial. A lei obriga a cumprir, por exemplo, con edificios accesibles, aseos adaptados, prazas de aparcamento, etc. Pero non se ten coidado moitas veces nos detalles: resulta que chegas ao baño e non hai espazo para que xire ben a cadeira, ou que tes risco de caer porque a barra está fixada nunha superficie de pladur e pode desprenderse, ou atopas coches aparcados na túa praza, aínda que che digan que son só cinco minutos… Deberiamos preguntarnos se os nosos actos son consecuentes e respectuosos coa diversidade, e non só de cara á galería. E isto tamén nos amosa que a cultura e a formación non o son todo.

– Sobre o caso de Greta Thunberg: por que molesta tanto?

– Está claro que o cambio climático é un feito indiscutible, e que unha adolescente lidere o movemento paréceme ben. Pero estamos nun mundo moi mediatizado, complicado e mesmo perigoso. O perigo é, por exemplo, que os medios de comunicación e determinados axentes se apoderen desta mensaxe que pregoa Greta Thunberg no seu beneficio propio. Quen ten que liderar esta loita tamén somos os científicos e as científicas. Descargar o protagonismo e a responsabilidade só nela é perigoso, porque hai montóns de ‘víboras’ (chamémolas así), que van intentar mordela e destruíla na mínima oportunidade que teñan.

Na miña opinión, eu creo que podería ser máis práctico impulsar accións reais e efectivas que afecten tamén á mocidade: estamos nun momento de consumo excesivo, de roupa, de tecnoloxía, etc. Por que non se aproveita isto para modelar a mensaxe e poñer o foco na redución do consumo, que tamén contribuirá á loita contra o cambio climático?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Grandes mulleres científicas que loitaron para romper o teito de cristal

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de Katalin Karikó é a flamante gañadora do último...

A UVigo adica febreiro a accións divulgativas polo Día da Muller e a Nena na Ciencia

O programa da Universidade de Vigo polo 11F inclúe obradoiros, feiras divulgativas, charlas e certames

O novo Pacto pola Ciencia busca erradicar a fraude e fomentar a integridade no sector

Nun comunicado, as organizacións piden compromiso para reducir o teito de cristal, especialmente nas áreas do ámbito STEM
00:02:00

Elena Vázquez Cendón e as vocacións científicas: “A min as mates danme seguridade”

A premio Wonbenburguer 2022 abre ante 400 estudantes o ciclo A Foto 51, organizado polo Concello de Pontevedra co gallo do 11F