O INE certifica o ocaso do I+D

Laboratorio
O número de científicos con emprego caeu en 781 persoas nun ano.

Cando é máis necesaria, a investigación segue a caer. En contraste coas estratexias da Comisión Europea, que a identifican como a panca da recuperación da crise, os fríos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) veñen de asestar un baño de realidade ás boas palabras. O gasto en I+D caeu en España un 5,6% en 2012 respecto ao ano anterior, ata descender ao 1,30% do PIB. Galicia sae peor parada: o descenso foi do 7,3%, o que levou parella a perda de 637 empregos no sector da investigación.

A Estatística sobre Actividades en I+D do INE, publicada este mes de novembro, sitúa a Galicia na parte baixa da táboa na porcentaxe de gasto en I+D por PIB. O seu 0,87% só supera o de Murcia, Estremadura, Castela-A Mancha, Illas Baleares, Ceuta e Melilla. En 2012 o gasto total (Administración Pública, Ensino Superior e empresas) ascendeu a 487,8 millóns de euros. Iso significa que só 3,6 euros de cada 100 de investimento en I+D realizados en España corresponderon a Galicia.

En 2011, o gasto galego era de 526,4 millóns de euros. Perdéronse nun ano 38,6 millóns de euros, un descenso importante se temos en conta que ente 2010 e 2011 a caída foi moito menor, de apenas 5,1 millóns de euros. En Galicia hai un total de 9.509 persoas que se dedicaron a actividades de I+D, en equivalencia a xornada completa no ano 2012, o que supón o 4,6% das existentes en España (208.831,4). A sangría no emprego é sostida. Se no 2012 se perderon 637 postos, o axuste en 2011 ascendeu a 663. En só dous anos perderon polo tanto o seu traballo no campo da investigación 1.300 persoas. Entre 2010 e 2012 esfumouse o 12% do emprego no sector, un 6,3% o ano pasado.

Gráfico de I+D por comunidades.
Gráfico con el gasto en I+D según el PIB por comunidades. (Fuente: INE)

Os datos do INE revelan que son os investigadores os que están a pagar a peor parte, fronte a outros empregos relacionados indirectamente como os de técnicos e auxiliares. Entre 2011 e 2012 perdéronse 781 empregos de persoal que realiza investigación. Se a caída no sector foi de 637, significa que en 2012 se rexistrou un pequeno incremento de empregos indirectos. Dos 6.683 investigadores que había en Galicia en 2010 só teñen traballo 5.443, un total de 1.240 menos.

O sector da Administración Pública foi o que diminuíu en maior medida o seu gasto en investigación en España, cun 7,4% menos que en 2011, mentres que no Ensino Superior caeu un 7,2% e no sector privado, un 4,1%. A I+D interna financiouse maioritariamente polas empresas (45,6%) e a Administración Pública (43,1%). Por comunidades autónomas, o maior esforzo en I+D do pasado ano correspondeu ó País Vasco (2,19% do PIB), Comunidade Foral de Navarra (1,91%) e Comunidade de Madrid (1,82%). As únicas comunidades que presentaron taxas positivas de crecemento no gasto en I+D respecto a 2011 foron Castela e León (7,5%) e País Vasco (2,4%). Pola súa banda, A Rioxa (-15,3%), Canarias (-13,0%) e Castela-A Mancha (-11,1%) rexistraron os maiores descensos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.