Desenvolvemento da eclipse observado de Santiago de Compostela. Fonte: IGN.

Desenvolvemento da eclipse observado de Santiago de Compostela. Fonte: IGN.

Guía para ver en Galicia a eclipse de Lúa máis longa da nosa vida

A fase total durará case dúas horas, desde as 21.30 ata as 23.13, un período durante o cal o satélite estará case oculto, cun ton avermellado

 

Así será a eclipse.

Así será a eclipse.

A Terra (ou a parte dela que poderá gozar do fenómeno) prepárase para vivir o venres 27 de xullo a que vai ser a eclipse máis longa deste tipo que poderemos ver no século XXI. Tendo en conta que faltan 82 anos para que chegue o século XXII, e aínda confiando en que a ciencia consiga alongar a nosa vida, é posible que moi poucos de nós poidamos gozar dunha nova eclipse desta duración no que nos queda de existencia. Paga a pena, por tanto, prepararse para ver o fenómeno que acontecerá este venres.

Por que unha eclipse tan longa?

Tal e como explica ao Xornal da USC o catedrático de Astronomía e director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, na duración da eclipse inflúen dous factores: o tamaño aparente da lúa e o camiño que a esta lle leva percorrer a zona de sombra que proxecta a Terra ao se poñer entre o Sol e o satélite.

Como a órbita da Lúa arredor da Terra é elíptica, a distancia entre ambos astros varía ao longo do tempo. Oscila entre o apoxeo (406.000 quilómetros) e o perixeo (358.000). Así, se a Lúa está preto do seu apoxeo (como é o caso do vindeiro 27 de xullo), verase máis pequena e o tránsito pola zona de sombra que proxecta a Terra será máis longo.

Porén, hai que ter en conta outro factor. Cando a Terra fai de ‘barreira‘ á luz do Sol, fórmanse dous conos: o cono de sombra, ‘creado’ pola superficie terrestre, que se vai estreitando a medida que nos afastamos do noso planeta en dirección oposta ao Sol; e, por outra banda, un cono de penumbra, provocado pola refracción da luz do Sol ao topar coa atmosfera, que se vai abrindo mentres o outro cono se pecha. Enténdese mellor con esta imaxe:

Zonas de sombra e penumbra nunha eclipse de lúa. Fonte: NASA / Bussiness Insider.

Zonas de sombra e penumbra nunha eclipse de lúa. Fonte: NASA / Bussiness Insider.

Se no seu periplo polo espazo, a Lúa pasa máis preto do centro destes conos, a duración do eclipse será maior, xa que botará máis tempo transitando polas zonas de sombra e penumbra. E iso tamén vai pasar o venres 27.

Tránsito da Lúa durante a eclipse polos conos de penumbra e sombra. Fonte: USC.

Tránsito da Lúa durante a eclipse polos conos de penumbra e sombra. Fonte: USC.

Porén, aínda que en teoría a Lúa non recibe luz do Sol, o satélite non chegará a desaparecer de todo. “Os raios do Sol tanxentes á Terra son refractados pola atmosfera, curvándoos e facéndoos incidir sobre a Lúa eclipsada”, explica José Ángel Docobo. Así, en función da cantidade e o tipo de po que haxa na atmosfera, o satélite aparecerá con tonalidades vermellas ou ocres.

En Galicia, a Lúa asomará polo leste ás 21.30 horas, xa eclipsada, porque a esa hora estará dentro da zona de sombra. E así seguirá ata as 23.13 horas. Nese momento no que comeza a fase parcial, o satélite comezará a percibirse mellor recuperando pouco a pouco a súa cor habitual ata a remate da eclipse, á 1.29 da madrugada.

Onde ver a eclipse en Galicia

José Ángel Docobo recomenda seguir o fenómeno desde lugares onde o horizonte estea despexado cara o sureste, para seguila desde o principio. Debido á ilusión óptica que xera observar a Lúa cando está baixa, o satélite estará máis grande no horizonte ao comezo da eclipse.

Hai programadas numerosas actividades de divulgación, da man de expertos, para seguir o fenómeno. Estas son algunhas delas:

– O programa TodoCosmos, impulsado polo Observatorio da USC, organiza dúas observacións públicas: unha desde o cumio do Pico Sacro, en Boqueixón, e outra no paseo marítimo de Silgar, en Sanxenxo.

– En Santiago de Compostela, o Club Compostelán de Astronomía Vega desprazarase ao alto do monte Pedroso para seguir desde alí a eclipse e a observación dos planetas.

– Na Coruña, a Agrupación Astronómica Ío organiza un encontro no Parque dos Menhires, a carón da Torre de Hércules.

– En Vigo, no miradoiro do Castro, a Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, a Agrupación Astronómica Rías Baixas e a Asociación Astronómica de Vigo organizan tamén unha actividade de observación.

– Observatorio de Forcarei: no observatorio astronómico de este municipio,a Fundación Ceo, Ciencia e Cultura organiza tamén un encontro o venres 27 para seguir a eclipse.

 A Veiga: este concello ourensán un dos mellores lugares da península Ibérica para observar o ceo, e calificado como Destino Starlight, haberá tamén unha actividade de observación no miradoiro da Lagoa das Tablillas.

– Castrelo de Miño: o Parque Náutico de Castrelo y Divulgacción organizan unha noite de divulgación científica este venres na que se falará de mitos sobre alimentación, oceanografía, neurociencia, cambio climático, astronomía ou biotecnoloxía. A sesión acabará coa observación da eclipse de Lúa.

Monte Neme: neste mítico monte, entre Carballo e Malpica, a Asociación Deportiva Media Ducia e a Plataforma Monte Neme organizan un roteiro nocturno que sairá ás 20 horas da praia de Razo (Art Bar) para dirixirse ao cumio e seguir alí a eclipse.

– Salvaterra do Miño: o GDR Condado-Paradanta celebra unha xornada de senderismo, con visita guiada á adega Luz de Estrelas e unha cena, que concluirá coa contemplación da eclipse. Máis información aquí. 

– En Corme tamén seguirán de xeito especial a eclipse do día 27. Para ter un ceo máis limpo, apagarán o alumeado público durante o fenómeno.

– Ao outro lado da ría, en Laxe, celebrarase o IV Roteiro Lúa Chea, que sairá da Praza dos Voluntarios ás 21.30 horas.

O tempo durante a eclipse

A recomendación desde MeteoGalicia é buscar un sitio cara ao leste da comunidade, xa que nas horas na que comeza a eclipse entrará unha fronte algo desfeita, pero con nubes baixas, que podería dificultar a observación da eclipse. Do mesmo xeito, recomendan ir abrigados xa que as temperaturas serán frescas, que nalgúns casos poderían baixar ata os 15ºC.

Sabes dalgunha outra actividade que vaia ter lugar co gallo da eclipse?
Escribe a redaccion@gciencia.com.

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.