Imaxe dos restos de reses e da cova de Tara, no Courel.
Imaxe dos restos de reses e da cova de Tara, no Courel.

Dúas vacas nunha cova do Courel revelan a gandería na Galicia sueva

Unha cova do Courel atesoura a historia da gandería en Galicia. Alí investigadores do Instituto de Xeoloxía ‘Isidro Parga Pondal’ atoparon restos de animais que nos falan da existencia de pastoreo extensivo nesta zona durante a época do antigo reino suevo de Galicia.

A cova de Tara conserva un singular testemuño das prácticas gandeiras na montaña lucense na alta Idade Media. O estudo foi realizado polos investigadores Aurora Grandal, Mónica Pérez Rama e Marcos Vaqueiro, e céntrase nuns ósos de vaca achados na cova xunto con diversos vestixios doutras especies domésticas e salvaxes, como cabras, ovellas e cervos.

Mapa da zona do Courel.
Mapa da zona do Courel.

A presenza dos restos apunta a que caeron pola boca da gruta de xeito accidental, xa que ten unhas dimensións reducidas, adoita en inverno ser cuberta pola neve e funciona como unha trampa natural. A análise dos ósos permitiu datar os animais. A proba do carbono 14 revelou  unha antigüidade de entre 1.540 e 1.488 anos, co que sabemos que vivían entre os anos 410 e 585, polo tanto durante o reino suevo de Galicia.

Os investigadores tamén certificaron que as reses non foron sacrificadas e consumidas pois non se atoparon marcas. A cova está situada a 1.035 metros de altitude, nunha zona illada que estaba poboada durante a época sueva. Tamén están próximos algúns poboados castrexos como o do monte Cido.

As dúas vacas tiñan como característica unha talla reducida. Unha delas non alcanzaba o metro de alto (97,6 cenímetros) na cruz. Este dato é importante, porque durante a época romana foron introducidas en Galicia especies de vacas de maior porte, e polo tanto con máis aproveitamento cárnico. Pero o descubrimento destas reses pode significar que non toda a cabana bovina galega mudou durante a dominación romana. E que, en zonas illadas como o Courel, ben puideron sobrevivir especies autóctonas de menor tamaño.

Ademais, os investigadores analizaron os dentes destas vacas e atoparon que consumían alimentos pouco abrasivos, como herba, fentos ou follas. O cal encaixa cun modelo de gandería extensiva, na que os animais andan libres polo monte, sen estar estabulados.

Outra das análises do estudo, publicado na revista ‘Cadernos’ do propio Instituto Xeolóxico Parga Pondal, revela que os animais tiñan uns tres anos de idade, o que fai sospeitar que non se empregaban para o consumo, senón para a cría de tenreiras que logo eran consumidas.

O artigo completo pode descargarse neste enlace

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.