Os doantes poderán entregar os seus dentes durante a feira Culturgal, en Pontevedra.
Os doantes poderán entregar os seus dentes durante a feira Culturgal, en Pontevedra.

Queres doar os teus dentes á ciencia para a maior colección do mundo?

Pontevedra será, en novembro, un dos puntos de recollida da campaña do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana

O Ratonciño Pérez chegará en novembro a Galicia en forma de campaña científica. Durante a celebración da feira Culturgal, en Pontevedra, a delegación do CSIC en Galicia recollerá no seu expositor os dentes de leite de toda persoa que queira doar as súas pezas. A sexta campaña de recollida do Rato Pérez, impulsada polo Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH), ten por obxectivo reunir unha das coleccións de pezas dentais de referencia máis importante do mundo para estudos tanto da evolución humana como do ámbito forense.

“Grazas aos doantes, poderemos obter datos moi útiles para as nosas investigacións, como a idade de caída do dente, o sexo do individuo, o seu lugar de nacemento e o dos seus pais e avós, entre outros”, indica a doutora Marina Martínez de Pinillos, unha das impulsoras da campaña xunto ás investigadoras Cecilia García Campos e Ana Pantoja Pérez. Os doantes (poden ser nenos e maiores) recibirán un obsequio e un certificado do Rato Pérez e do Grupo de Antropoloxía Dental do CENIEH a cambio dos seus dentes de leite.

En Galicia haberá que agardar ata novembro, pero en varios puntos de España a campaña celebrarase o día 27 de setembro, coincidindo coa Noite Europea dos Investigadores. Nesa data, varias instituciónas encargaranse de recoller as pezas dentais: o CENIEH, de 18.00 a 22.00 h, en Burgos; ADEMA, de 18:00 a 20:00 h, en Palma de Mallorca; a Universidad de Alcalá, de 17:00 a 20.30 h, en Alcalá de Henares; a Universidad de Cantabria, de 18.30 a 22:00 h, en Santander; a Universidad de Córdoba, de 19:00 a 24:00 h en Córdoba; a Universidad de Estremadura, de 18.00 a 21.00 h, en Cáceres; a Universidade de Xaén, de 17:00 a 22:00 h, en Xaén; a Universidad de Oviedo, de 18:00 a 20:00 h, en Avilés, e a Casa Museo do Rato Pérez, de 17:00 a 20:30 h, en Madrid.

Por outra banda, o Sincrotrón Alba de Barcelona xa realizou a recollida de dentes o pasado 29 de xuño coincidindo coa Xornada de Portas Abertas desta Infraestrutura Científica e Técnica Singular ( ICTS), e volverá colaborar co CENIEH o próximo ano.

A VI Campaña de Recollida de Dentes do Rato Pérez, leva organizándose en Burgos desde 2014 grazas ao patrocinio da Obra Social “la Caixa” e a Fundación Caja de Burgos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.