Martes 23 Abril 2024

A distancia de 1,5 metros “debería ser maior” fronte aos aerosois, expón un estudo da UVigo

O enxeñeiro Moisés del Puerto analizou a dispersión de partículas nunha aula do campus de Ourense dentro do seu traballo de fin de grao

Entre outros moitos aspectos, a Covid-19 trouxo á palestra un destacado interese pola propagación de aerosois en espazos pechados. No seu traballo fin de grao, o xa egresado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo Moisés del Puerto, baixo a dirección dos profesores do centro Elena Martín Ortega e Iván Area, analizou a propagación destes aerosois na sala de exames do edifico do Campus Auga, no campus de Ourense. Entre os resultados acadados destaca como “a distancia interpersoal “debería ter sido maior” dos 1,5 metros empregados como medida de prevención durante a pandemia”.

“O obxectivo fundamental do meu traballo foi comprender a propagación de aerosois nunha aula (en particular nunha aula de exames) e axudar a previr a propagación do virus da Covid-19 nas pingas de saliva”, comenta o autor, que sinala como escolleu este tema tendo en conta a súa actualidade e utilidade pero tamén o feito de que lle pareceu un problema de mecánica de fluídos “interesante de afrontar”. O seu estudo centrouse no modelado do transporte de aerosois na sala elixida, emprgada pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, baixo diferentes condicións de ventilación de HVAC, iniciais que corresponden con H (heating-calefacción), V (ventilating-ventilación) e AC (air conditioned-aire acondicionado).

Publicidade

Aula do Campus Auga na que se realizou a análise. Foto: Duvi.
Aula do Campus Auga na que se realizou a análise. Foto: Duvi.

O modelo numérico implementado, destaca o egresado, “resolve a inxección de partículas de aerosois expulsadas por unha persoa que esbirra, analiza os peores lugares ventilados da habitación e propón contramedidas para minimizar os riscos”. Para contrastar o modelo, Moisés del Puerto realizou distintos experimentos con persoas reais que serviron para afinar o modelo e corroborar a validez das hipóteses propostas.

Dende o punto de vista técnico, o método de resolución empregado, sinala o autor do traballo, céntrase no modelo de fluxo de fluídos multifásicos URANS (para describir o transporte das diferentes especies de gases), axustado á evolución langranxiana de partículas/paquetes para imitar o transporte de aerosois. Este procedemento, engade, xa está implementado no soporte lóxico CFD de código aberto OpenFOAM e o método de resolución completo utilizouse no traballo nun dominio tridimensional, unha vez que se realizou unha validación experimental para un caso base.

Moisés del Puerto, graduado en Enxeñaría Aeroespacial autor do estudo. Foto: Duvi.
Moisés del Puerto, graduado en Enxeñaría Aeroespacial autor do estudo. Foto: Duvi.

Sobre os resultados acadados, Moisés del Puerto sinala que “os descubrimentos máis relevantes son que as partículas pequenas con diámetro menor que 10 μm poden permanecer no aire durante longos períodos de tempo e que case poden ser aproximadas polas liñas de fluxo”. Por outra banda, engade, “as gotas maiores con diámetro igual ou maior que 40 μm tenden a caer antes pero vense moi afectadas pola velocidade do fluído, no noso caso facéndoas viaxar máis de dous metros. Isto suxire que se debería aumentar a distancia interpersoal para evitar o contacto con estas pingas máis grandes. O caso presenta poucas partículas e unha turbulencia relativamente baixa. É seguro supoñer que é unha das razóns polas que non se consegue unha alta proporción de mestura”.

Á vista dos resultados obtidos e das aplicacións prácticas do traballo desenvolvido, tanto o autor como os codirectores do traballo concordan en que “convén continuar nesta liña de estudo para, por exemplo, ter en conta a maior transmisibilidade das novas variantes”. Trátase, apuntan, “dun problema moito máis complexo do que poida parecer” e que require dun coste computacional moi elevado.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia

Un equipo galego deseña un sistema para detectar o ARN do coronavirus

Tamén presentou avances en novas ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) capaces de acelerar o desenvolvemento de fármacos