“Ciencia en Feminino”: políticas de visibilidade

GCiencia e Deputación de Pontevedra colaboran na actividade, coa presenza de Ana Jesús López, Amparo Alonso, Águeda Gómez e Carmela Silva

O ciclo “Ciencia en feminino”, que organizan GCiencia e a Deputación de Pontevedra durante este mes co gallo da celebración do 8 de marzo, tivo este xoves 11 de marzo unha nova cita. A partir das 19.00 horas, e a través das plataformas na rede da Deputación e GCiencia, así como en gciencia.gal, varias mulleres referentes en igualdade e investigación abordaron as políticas de visibilidade, nun encontro conducido pola xornalista Begoña Márquez.

Traballos publicados en revistas científicas como Nature ou Science revelan a existencia dun nesgo de xénero en diferentes aspectos da carreira científica. Investigacións recentes constatan, por exemplo, a desigualdade implícita e explícita en comités de avaliación. O mesmo acontece, nalgúns casos, coa fenda á hora de publicar en revistas académicas, nas que se observou unha maior proporción de rexeitamentos aos artigos encabezados por mulleres. Outros traballos máis recentes expoñen (aínda que non observaron diferenzas significativas entre xéneros) que os comités editoriais das revistas deben abrir a man a unha maior diversidade nos seus equipos. E o efecto tesoira, que aparta ás mulleres dos postos máis altos da carreira investigadora, aínda non se superou.

Combater os prexuízos que perpetúan a fenda no campo da ciencia é unha necesidade. Algunhas disciplinas seguen mantendo unha diferenza moi marcada nas porcentaxes de matriculación entre xéneros. A actual pandemia volveu amosar a desigualdade en aspectos como a fenda de coidados. Como hai que abordar este asunto para que calquera disciplina científica poida estar aberta á diversidade, sen condicionantes?

Neste sentido, a visibilización de referentes femininos é un dos puntos de partida para animar ás científicas de futuro a comezar o seu camiño. Iniciativas recentes, como “Non máis Matildas”, impulsada pola Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT), propoñen incorporar aos libros de texto figuras descoñecidas na historia da ciencia, agochadas pola súa condición de mulleres, pero que realizaron importantes achegas nas súas disciplinas. Como mostra está a gran diferenza que persistía ata hai apenas dous decenios en recoñecementos como os premios Nobel.

O encontro contou coa participación de Ana Jesús López Díaz, presidenta do nodo en Galicia da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT-gal), Amparo Alonso, catedrática da Universidade da Coruña, presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial e premio María Wonenburger 2020, Águeda Gómez, responsable de Igualdade da UVigo, e Carmela Silva, presidenta da Deputación provincial de Pontevedra.

Próximos encontros

O vindeiro xoves 18 de marzo, ás 20 horas, será a quenda da entrevista-coloquio con Zulema Altamirano, directora da Unidade de Muller e Ciencia do Ministerio de Ciencia. Conversará con Susana Pedreira, xornalista de Onda Cero.

O ciclo “Ciencia en Feminino” pecharase o 25 de marzo ás 19 horas coa mesa redonda, Unha carreira científica en desigualdade, conducida tamén por Begoña Márquez. Participarán María de la Fuente. Directora da Unidade de Nanooncoloxía do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago, Sara Varela, investigadora distinguida da Universidade de Vigo e coordinadora do MAPAS Lab, María Mayán, coordinadora do grupo de investigación CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic) e Carmela Silva, presidenta da Deputación provincial de Pontevedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.