Venres 19 Abril 2024

A inmunóloga África González abre o ciclo de charlas “Vigo Científico”

O Consorcio da Zona Franca de Vigo e GCiencia reunirán durante marzo e abril a varios dos referentes da investigación na cidade

A catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo África González Fernández (Madrid, 1962), abriu este martes 9 de marzo ás 19.30 horas o ciclo de charlas “Vigo Científico”, unha iniciativa organizada polo Consorcio da Zona Franca e o portal GCencia. Os encontros poderán seguirse a través de gciencia.gal. No acto tamén participou David Regades, delegado do Estado no Consorcio.

África González Fernández é licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Alcalá de Henares, acadando o premio extraordinario da súa promoción. Durante a carreira comezou a interesarse polas bases que causan as enfermidades, e durante o MIR realizou a especialidade de Inmunoloxía no Hospital Puerta de Hierro de Madrid. Desenvolveu ao tempo a súa tese de doutoramento, que publicaría en 1991. A continuación traballou no Medical Research Council de Cambridge, no laboratorio dirixido polo premio Nobel Cesar Milstein, un investigador cun papel esencial no desenvolvemento das prometedoras terapias cos anticorpos monoclonais.

Publicidade

Despois da estadía no Reino Unido, África González chega en 1996 á Universidade de Vigo. Aquí constitúe a que foi a primeira área de Inmunoloxía nunha Universidade galega. Contribuíu tamén á creación do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO), que dirixiu entre 2009 e 2019, que hoxe conta cun equipo de 200 persoas e un recoñecido prestixio científico internacional, actuando ademais como un gran foco de captación de talento e recursos para a universidade e a cidade. Presidiu tamén, entre 2016 e 2020, a Sociedad Española de Inmunología (SEI). No eido empresarial, África é cofundadora da spin-off NanoImmunoTech, empresa especializada na síntese e funcionalización de nanopartículas e o seu uso en biosensores. O seu traballo investigador e espírito innovador valéronlle durante a súa traxectoria numerosos recoñecementos. Foi Finalista dos Premios da Unión Europea ás Mulleres Innovadoras, é membro da Real Academia de Farmacia de Galicia e colabora en diversas actividades de divulgación da ciencia en centros educativos ou medios de comunicación.

Vigo Científico ten por obxectivo amosar o potencial científico da cidade a través dalgún dos máis destacados casos de éxito. Esta aposta, marcada a lume na historia da cidade, valeulle a Vigo recoñecementos como o Premio Nacional Cidade da Ciencia, entregado polo ministro Pedro Duque ao alcalde da cidade, Abel Caballero. Ao tempo do desenvolvemento industrial acadado nos últimos dous séculos, en Vigo foi medrando un tecido de investigación e innovación que hoxe é referente en moitas disciplinas. Ao abeiro de institucións como o centenario Oceanográfico, o Instituto de Investigacións Mariñas, a Universidade ou os centos de empresas enfocadas á I+D+I, o pulso científico da cidade é notorio.

Ademais de África González, tomarán parte no ciclo Fernando Aguado (23 de marzo), profesor titular do departamento de Teoría do Sinal e de Comunicacións na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo e un dos artífices da Agrupación Estratéxica Aeroespacial da UVigo, Begoña Vila (13 de abril), astrofísica que actualmente traballa na NASA, onde forma parte do equipo encargado da posta a punto do telescopio James Webb, o ‘sucesor’ do Hubble, cuxo lanzamento está previsto a finais de 2021, e Manuel E. Garci (20 de abril) biólogo mariño, autor de numerosos documentais, que leva máis de 30 anos investigando e percorrendo os fondos mariños da ría de Vigo e divulgando o seu gran valor natural.

 

3 COMENTÁRIOS

  1. Orgullosa de ter aprendido Inmunoloxía con ela. Entre os mellores profesores de Bioloxía da miña promoción, tanto na parte científica, docente, como persoal e humana, díficil de atopar. GRAZAS!

  2. ¿se podría llegar a anticipar vacunas basadas en arn o adn , y con sus mutaciones más probables buscadas con bioinformática?.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático