Isabel Pastoriza, Alicia Estévez, Elena Vázquez, Vanessa Valdiglesias e Mila Alonso, no encontro celebrado en Pontevedra. Foto: Suso González.
Isabel Pastoriza, Alicia Estévez, Elena Vázquez, Vanessa Valdiglesias e Mila Alonso, no encontro celebrado en Pontevedra. Foto: Suso González.

“Este día ten que valer para que deixen de cuestionar á muller”

As catro científicas galegas reunidas no Día da Muller e a Nena na Ciencia coinciden en que queda traballo por facer, aínda cos avances acadados

Na mañá do 11 de febreiro foron as rapazas e rapaces de Pontevedra os que descubriron a importancia de coñecer, con Begoña Vila, as científicas que traballan para mellorar o noso día a día e para explicarnos quen somos, de onde vimos e cara a onde imos. Pola tarde, foron catro científicas de contrastada traxectoria, en diferentes etapas da súa carreira, as que transmitiron a súa experiencia aos presentes no encontro celebrado na Casa das Campás de Pontevedra. Foi o peche ao Día da Muller e a Nena da Ciencia organizado polo Concello pontevedrés en colaboración con GCiencia.

Como xa comentaron nas conversas que mantiveron nos días previos con Mila Alonso, as investigadoras Alicia Estévez, Elena Vázquez, Isabel Pastoriza e Vanesa Valdiglesias afondaron na súa vida para contar como comezou a súa paixón pola ciencia e como chegaron ata hoxe. Todas compartían un obxectivo claro, o amor polo seu traballo e fortaleza fronte as dificultades que foron xurdindo. Tal e como deixou dito a concelleira de Educación e Igualdade, Carme Fouces, “este día naceu para buscar e amosarlles ás mozas os referentes para dicirlles que elas tamén poden chegar”.

Ningunha delas viviu, polo que comentaron, experiencias desagradables que menoscabaran a súa capacidade por ser mulleres. “Algo houbo que escoitar algunha vez – contou Elena Vázquez, hoxe decana de Matemáticas na USC – pero a verdade, iso ten que servir para vernos máis capaces e fortalecernos, en todo caso”. Si houbo atrancos, case sempre ligados á idea da maternidade e a complicada conciliación: “Ata hai pouco asumíase que ter unha carreira sólida e de excelencia implicaba renunciar á maternidade, e viceversa”, exemplificou Isabel Pastoriza. A investigadora do Cinbio, nai dunha cativa, falou tamén das dificultades de cadrar a vida familiar e profesional. “Cando rematas o doutoramento, se queres ter un posto estable tes que publicar, publicar, publicar e publicar, e non hai tempo para case nada máis”.

Sen atrancos para decidir

As científicas coincidiron tamén en que non houbo na casa ningún atranco cando decidiron facer da investigación o seu traballo. Alicia Estévez, nacida en 1955, explicou que “aínda que se poida pensar que naquel tempo pasaba máis, nin a miña irmá nin eu tivemos impedimento: o único que se nos inculcou foi a cultura do esforzo, sin máis nin menos por seren mulleres”.

As frases:

Alicia Estévez: “Se unha muller ten autoridade, é unha mandona; se o fai un home é un líder”.

Isabel Pastoriza: “Ata hai pouco asumíase que ter unha carreira sólida e de excelencia implicaba renunciar á maternidade”.

Vanessa Valdiglesias: “Tiven a sensación de que me tiña que esforzar o triple para conseguir o mesmo, sentía que se cuestionaba o meu traballo”.

Elena Vázquez: “Os comentarios desagradables teñen que servirnos para vernos máis capaces e fortalecernos”.

A dúbida constante

Porén, houbo aspectos nos que si atoparon problemas todas as investigadoras presentes no encontro: unha especie de cuestionamento constante sobre a capacidade e autoridade feminina en diversos aspectos da vida. “Adoita pasar coas persoas que xestionan con autoridade un grupo, ou teñen determinada actitude en público: se é unha muller, é unha mandona; se é un home, é un lider” (Alicia Estévez). “Tiven a sensación de que me tiña que esforzar o triple para conseguir o mesmo, porque sentía que se cuestionaba o meu traballo” (Vanessa Valdiglesias). “Non se cuestiona o erro, tes que ser perfecta para ser boa” (Elena Vázquez). “Ás veces, nalgunha reunión, ven unha muller moza, e xorden prexuízos polos que igual non te valoran como deberían”

Un día para estender á práctica o resto do ano

Unha das conclusións do encontro foi a necesidade de dedicar unha data á reivindicación das figuras femininas na ciencia, estendéndoa tamén á práctica o resto do ano. “Ata hai nada, se deixabas de publicar por ser nai, perdías meses que computaban para a túa avaliación“, lembrou Isabel Pastoriza.

Falou sobre a precariedade Vanessa Valdiglesias, que explicou como, ao recibir o premio á mellor científica europea menor de 35 anos, estaba nunha situación laboral comprometida. “Non o acababa de crer: estaba viaxando para recibir un premio internacional, e resulta que tiña un traballo precario, case sen perspectivas de mellora”.

Alicia Estévez tamén defendeu a importancia de fixar referentes: “Antes non era moi partidaria das cotas, pero eu creo que é necesario: para que as nenas queiran chegar a postos importantes, hai que amosarlles que aí hai mulleres que foron nenas coma elas”.

E Elena Vázquez Cendón incidiu na necesidade de ser comprensibles cos erros para así mellorar: “Hai que aprender a convivir cos erros, porque todas os temos, para saber levalos coa seguridade de que nos fan facer mellores, e este día é importante porque ten que valer para que deixen de cuestionarnos”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.