Venres 29 Marzo 2024

Día histórico: hoxe entra en vigor a nova definición do quilo

Este 20 de maio, Día Mundial da Metroloxía, o kg deixa de ser un obxecto físico para medirse pola constante de Plank

Hoxe é o día: o quilo deixa de ser un cilindro metálico gardado nos sotos do Pavillón de Breteuil, preto de París. Porque o Prototipo do Quilogramo Internacional (IPK, nas súas siglas en inglés), empregado para calibrar os patróns oficiais da unidade de masa, xubílase tras 129 anos de servizo.

A histórica decisión foi adoptada o pasado 16 de novembro na vixésimosexta edición da Conferencia Xeral de Pesos e Medidas, celebrada en Versalles, e onde os 60 estados membros votaron por unanimidade unha nova definición para o quilogramo. Que xa non é un obxecto físico, susceptible de deteriorarse, senón que queda asociado a unha constante da natureza, que é inamovible.

Publicidade

O novo quilo non vai afectar para nada á nosa vida diaria. Non hai que facer cambios na báscula do baño nin pedir doutro xeito o peixe ou a froita nos postos do mercado. Entre outras cousas, o axuste é imperceptible para a vida cotiá, pero ten moita importancia para os científicos.

Ademais do quilogramo, tamén cambian o amperio, o mol e o kelvin. E non é a primeira vez que cambian as medidas. A novidade é que esta vez se pretende que sexa a derradeira. Porque os científicos levan anos traballando para asociar estas unidades a constantes da natureza, que non vaian mudar co paso do tempo.

'Le Grand K', o cilindro de platino e iridio que se emprega como referencia internacional para medir o quilo, custodiado na Oficina Internacional de Pesos e Medidas de Paris. Fonte: BIPM.
‘Le Grand K’, o cilindro de platino e iridio que se emprega como referencia internacional para medir o quilo, custodiado na Oficina Internacional de Pesos e Medidas de Paris. Fonte: BIPM.

Durante varias décadas, na escola ensinaban que a medida de referencia para o metro foi unha barra de platino e iridio depositada na Oficina de Pesos e Medidas de París. Esta definición chegou en 1889 para substituír á anterior: o metro era antes “a dezmillonésima parte do cadrante do meridiano terrestre que pasa por París”. Un galego, o matemático José Rodríguez, contribuíu cos seus estudos no século XIX a mellorar esa definición.

Máis tarde, en 1960, o metro pasou das grandes dimensións do planeta Terra ao diminuto mundo atómico. Metro pasou a ser “1 650 763,73 veces a lonxitude de onda no baleiro da radiación laranxa do átomo do criptón 86”. A precisión era cincuenta veces superior á do patrón de 1889.

Finalmente, en 1983 chegaría a definición actual e constante de metro, porque vai asociada á velocidade da luz: “a distancia que percorre a luz no baleiro nun intervalo de 1/299 792 458 segundos”.

Falamos do metro para que quede claro que as definicións das unidades teñen mudado moito ao longo da historia.

Pola súa parte, o quilogramo, a medida da masa, era unha das poucas unidades que conservaba a definición do século XIX, entendida como a masa dun cilindro de iridio e platino depositado tamén en París. Pero desde hai bastantes anos, existe un problema serio: o quilo que representa a todos os quilos do mundo está perdendo masa. O patrón, protexido por un gran dispositivo de seguridade, é constantemente pesado con balanzas de grande exactitude, que detectaron o seu ‘desgaste‘.

Este quilo cilíndrico tiña varias copias repartidas polo mundo. E os científicos detectaron diferenzas de ata 50 microgramos entre cada peza, porque gañan átomos ou os perden. O resultado é intolerable: podemos medir en quilos pero non temos unha definición exacta do que é un quilo. “É un escándalo que a unidade de masa sexa todavía un obxecto físico”, comentaba recentemente William Phillips, premio Nobel de Física.

Tal e como conta este artigo publicado en Nature, a Oficina Internacional de Pesos e Medidas anunciou a aprobación dos cambios na definición do quilo, do amperio, do kelvin e o do mol. Será o maior cambio desde 1960, e entrará en vigor en 2019, probablemente o 20 de maio, aniversario do Tratado do Metro de 1875.

Este cambio non terá repercusións inmediatas no noso día a día, pero contribuirá a mellorar aínda máis a exactitude das investigacións científicas.

Desde este luns, cando se celebra o Día Mundial da Metroloxía, o quilo definirase en relación coa constante de Planck, central na teoría da mecánica cuántica e que debe o nome a un dos seus pais, o físico e matemático alemán Max Planck. É unha constante física considerada invariable, cun valor adimensional e universal que pode ser reproducida nun laboratorio sen estar suxeita a un obxecto físico.

E así quedarán as novas definicións:

Quilogramo: Pasa a ser medida a través da balanza de Watt, que compara a potencia mecánica coa potencia electromagnética.

Amperio: calcúlase a partir dunha bomba de electróns que xera unha corrente que se pode medir contando electróns individuais. Ata agora medíase a través dun experimento que xeraba unha forza entre dous cables infinitos.

Kelvin: a medida empregada para a temperatura pasea a calcularse mediante termometría acústica, coa frecuencia das ondas sonoras que resoan dentro dunha esfera de gas, proporcional á velocidade media dos átomos do seu interior. Hoxe en día aínda se mide a través dunha temperatura e presión na que coexisten a auga, o xeo e o vapor de auga en equilibrio.

Mol: a magnitude que expresa a cantidade de partículas existentes nas substancias tamén ve modificado o seu cálculo. Faise a través dun láser que determinará a cantidade de átomos que hai nunha esfera perfecta de silico puro-28. Ata agora, definíase como a cantidade de substancia que hai nun sistema con tantas entidades elementais como átomos hai en 0,012 kg de carbono-12.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O BOE publica hoxe oficialmente a nova definición do quilo

O Boletín Oficial do Estado tamén recolle as novas definicións para o amperio, o kelvin e o mol

Este encontro de dous ratos no metro gaña o premio mundial Wildlife

O fotógrafo Sam Rowley recibiu o galardón do público no certame que organiza o Museo de Historia Natural de Londres por unha foto nunha estación da cidade

Así chegou unha estación do metro de Madrid ao centro do Porriño

Madrid constrúe unha réplica da estación da Rede de San Luis obra de Palacios que foi trasladada ao Porriño nos anos 70

Así falan as nosas pestanas: a duración do pestanexo cambia a mensaxe

O movemento das perfebas das nosas pálpebras inflúe na comunicació cos nosos interlocutores