Xoves 25 Abril 2024

O Día da Ciencia en Galicia homenaxea este mércores ao botánico Baltasar Merino

O Día da Ciencia en Galicia, promovido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), homenaxeará o vindeiro mércores día 4 ao botánico e meteorólogo Baltasar Merino, coincidindo co centenario do seu pasamento. O acto académico aberto ao público que se celebrará en Santiago de Compostela centra un programa de actividades que se está a estender ao longo de todo o ano para achegarlle ao gran público a figura deste científico, recoñecido como o autor da primeira caracterización exhaustiva da flora galega e dos primeiros traballos de climatoloxía aplicada realizados en Galicia.

Un exemplar do herbario Merino.
Un exemplar do herbario Merino.

O mércores ás sete da tarde as portas do Pazo de San Roque abriranse ao público para acoller o acto académico na honra de Merino, que incluirá a entrega do Premio Galicia de Xornalismo Científico, convocado pola RAGC coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ao redactor de GCiencia Manuel Rey.

Publicidade

Os asistentes poderán visitar tamén a exposición que se inaugurará ao inicio do acto no mesmo pazo, na que se fará un percorrido polas figuras dos dez investigadores homenaxeados con motivo do Día da Ciencia desde que fora instaurado en 2008.

Ese mesmo día pola mañá, o Concello de Santiago colocará nun dos bancos do Parque das Ciencias Isidro Parga Pondal unha praca na honra do Padre Merino, que se sumará á dos científicos galegos recoñecidos en anos anteriores.

A RAGC editou un vídeo divulgativo sobre a figura de Baltasar Merino que recolle os principais fitos do seu labor tanto no campo da botánica como no da meteoroloxía e que, ademais de ser proxectado durante o acto académico, será difundido por diversas vías.

Ademais, grazas á colaboración da Fundación Barrié, serán distribuídos nos centros escolares de toda Galicia un vídeo e unha unidade didáctica elaborada por expertos sobre a figura e o legado de Merino.

Por outra parte, a Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra e o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán celebraron os pasados meses de abril e xuño dous eventos conmemorativos nos que se lembrou a faceta de Merino relacionada coa botánica. En paralelo, o Colexio Apóstol Santiago promoveu a realización polos propios alumnos dun documental sobre a figura do seu antigo docente.

O acto do Día da Ciencia terá lugar no pazo de San Roque en Santiago

Os concellos de Lerma (Burgos), lugar de nacemento de Merino, e A Guarda, onde se asentou durante máis de trinta anos, así como a Comunidade de Montes de Camposancos e a Organización de Palangreiros Gardeses, promoven tamén iniciativas de homenaxe que levarán a conmemoración ata o outono.

Baltasar Merino naceu en 1845 en Lerma (Burgos). Logo de exercer como docente en Cuba, Estados Unidos, Francia e Porto Rico, recalou en 1880 a Galicia, onde viviu ata o seu falecemento en 1917 (Vigo) e desenvolveu toda a súa faceta científica.

No ano 1900, con 55 anos de idade, deixou a docencia para dedicarse en exclusiva á investigación, na que se iniciara pouco tempo antes. A obra máis destacada de Merino foi a Flora descriptiva e ilustrada de Galicia,publicada en varias entregas entre 1905 e 1909. Trátase do primeiro inventario exhaustivo do manto vexetal galego, cun total de 1.845 especies, moitas delas descoñecidas ata daquela, que serían ampliadas en sucesivas “Adiciones”. Segundo a catalogou a Real Sociedade Española de Historia Natural, trátase da primeira flora rexional completa de España.

Ademais de varias remesas que foron parar ao Xardín Botánico de Madrid, as súas coleccións consérvanse no Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Pontevedra), no IES Sánchez Cantón de Pontevedra e no Museo de Historia Natural Luis Iglesias da Universidade de Santiago.

Durante os vinte anos que Merino impartiu docencia no Colexio Apóstolo Santiago (A Guarda, Pontevedra), dirixiu tamén o avanzado observatorio meteorolóxico co que contaba o centro.

O seu interese pola meteoroloxía non só o levou a relacionala de xeito pioneiro coa botánica, senón que achegou visións innovadoras para a época merecedoras do recoñecemento dos expertos. A el débenselle os primeiros traballos de climatoloxía aplicada que se realizaron en Galicia, tomando como referencia datos obtidos na Guarda entre 1881 e 1890, con avanzadas gráficas de evolución de temperatura, humidade e precipitación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un día para honrar a Colmeiro, o motor do cambio económico na Galicia do século XIX

A Academia de Ciencias homenaxea o economista Manuel Colmeiro y Penido nun acto celebrado en Santiago para conmemorar o Día da Ciencia en Galicia

“Colmeiro estivo comprometido co seu tempo e coa modernización económica, social e política”

O economista Juan Quintás analiza a figura de Manuel Colmeiro y Penido, o sobresaínte científico social que protagoniza o Día da Ciencia en Galicia

Galicia homenaxea o economista Manuel Colmeiro

A Real Academia Galega de Ciencias celebra o Día da Ciencia cun acto en Santiago que porá en valor a figura do salientable científico social

A Academia de Ciencias e GCiencia lanzan unha nova edición da revista ‘A Ciencia en Galicia’

A publicación presentarase este mércores co gallo dos actos de celebración do Día da Ciencia en honor ao economista Manuel Colmeiro y Penido