É a primeira vez. Institucións americanas e europeas detectan unhas partículas producidas en colisións nucleares cobre-ouro no acelerador Relativistic Heavy Ion Collider (RHIC) do Brookhaven National Laboratory (Estados Unidos) con ata máis dun 50% da enerxía dispoñible nos nucleóns —protóns e neutróns— dos núcleos atómicos acelerados na colisión. É dicir, as partículas producidas son aceleradas de novo.
Mais este novo descubrimento experimental vai un paso máis alá, posto que confirma a predición teórica feita no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) hai 25 anos. Os investigadores asinantes dese estudo, publicado no 1996, son Néstor Armesto, Elena G. Ferreiro, Carlos Pajares, Mikhail Braun e Yuly Shabelski —estes dous últimos actualmente na Universidade de San Petersburgo—.
Acelerador da Cromodinámica Cuántica

Cando hai moitas colisións entre os nucleóns dos núcleos atómicos prodúcense efectos entre os seus constituíntes —os quarks— que posibilitan a produción de partículas máis enerxéticas que a que teñen os nucleóns individuais. Por este motivo, este efecto foi denominado QCD accelerator ou acelerador da Cromodinámica Cuántica —QCD, polas súas siglas en inglés—, a teoría que explica a interacción forte ou o comportamento entre os quarks e os gluóns.
Confirmación da predición
Ata o de agora as evidencias foran moi débiles e as incertezas demasiado altas comopara validar o modelo teórico do IGFAE. Non obstante, con estas novas medicións, as
primeiras en colisións de núcleos tan pesados como o ouro e o cobre, confírmase a
predición.
“As implicacións deste achado ‒explica Elena G. Ferreiro‒ poden supoñer un cambio
nos modelos actuais utilizados para explicar a composición e formación dos raioscósmicos, xa que estas partículas ultra enerxéticas poderían formarse na atmosfera.
Así mesmo, poderían descubrirse novas partículas”, apunta a investigadora do IGFAE.
Referencias: Evidence for a QCD accelerator in relativistic heavy-ion collisions (Physical Review C) e Fusion of strings and cosmic rays at ultrahigh-energies (Physics Letters B).