Venres 19 Abril 2024

Deseñan no campus de Pontevedra unha aplicación para analizar adestramentos de fútbol

Desenvolver unha aplicación que permita, a través dunha animación, recrear na pantalla calquera situación de adestramento dun equipo de fútbol. Ese é o propósito do proxecto que, co financiamento do Ministerio de Economía, Industria y Competitividad, desenvolven investigadores das universidades de Vigo, Trás-os-Montes e Alto Douro e Salamanca. Mediante o uso dos datos obtidos por dispositivos GPS que recollen o movemento e a posición no campo de cada xogador, esta ferramenta informática permitiría “contextualizar os movementos do xogador, no campo e con respecto aos seus compañeiros”, de tal xeito que os datos obtidos permitan medir non só “aspectos físicos como a distancia percorrida ou a intensidade das carreiras, senón que sexamos capaces tamén de modelizar aspectos tácticos e colectivos”, como explica o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Lago, investigador principal deste proxecto seleccionado no programa Retos de la Sociedad.

Coñecer deste xeito a distancia que manteñen a liña defensiva e a do centro do campo, os movementos que realiza un central cando un lateral se incorpora ao ataque ou os espazos que xeran os desprazamentos dos dianteiros son só algúns dos múltiples comportamentos grupais que esta ferramenta informática permitiría analizar a través de animacións. “A nosa idea é que a tempo real o adestrador teña unha recreación, unha animación, da situación real en calquera tarefa do adestramento”, explica Lago do proxecto que desenvolverán ata finais de 2019. Xunto a el, a tamén profesora de Ciencias da Educación e do Deporte Marián Fernández Villarino, o investigador da UTAD Jaime Sampaio e o enxeñeiro informático e profesor da Universidad de Salamanca Roberto Therón conforman o equipo de traballo do proxecto Data-driven visual group of analysis in soccer match.

Publicidade

Marián Fernández e Carlos Lago, profesores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Marián Fernández e Carlos Lago, profesores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

“A nosa idea é que en tempo real o adestrador teña unha animación coas velocidades ou as intensidades de carreira dos xogadores, pero o que é máis interesante realmente é que fosemos capaces de medir tamén aspectos técnico-tácticos”, explica Lago, xa que a pesares de que os principais clubs contan xa con estes dispositivos, non existe no mercado un software que permita facer un seguimento deste tipo de tarefas de adestramento máis aló da análise individual do comportamento dos xogadores.

“A pregunta que queremos axudar a responder a un adestrador é moi sinxela, é se coa tarefa que están realizando no adestramento estanse conseguindo os obxectivos que busca”, explica Lago dunha aplicación dirixida a “modelizar o comportamento dinámico dos xogadores en tarefas de adestramento”. Non en van, “para a competición xa existen softwares moi potentes, pero non os hai para o adestramento”, sinala dun programa do que xa deseñaron un “primeiro prototipo, que polo de agora ten moitas limitacións”.

A app axudará ao adestrador a saber se se conseguen os obxectivos da tarefa

Este software permitiría interpretar os datos tanto de forma individual como colectiva, do equipo ao completo ao comportamento de dous xogadores en concreto, todos aqueles datos que proporcionan os petos con GPS “cos que contan xa a maioría dos equipos de primeira e mesmo de segunda división”, explica Lago. “O GPS rexistra as posicións de cada xogador dentro dun eixo X e un eixo Y e o que buscamos con todos eses arquivos e descargalos na soa aplicación e facer a animación de cada tarefa. O propósito é atopar variables de aspectos grupais que non foron modelizadas ata o de agora no adestramento, esa é a gran novidade do traballo”.

A partires desa análise de variables grupais a través de animacións, o seguinte paso deste proxecto sería “sermos capaces de calcular a entropía, como un indicador da complexidade do comportamento colectivo dos equipos, que nos permite ter unha medida da súa regularidade, do seu grao de predicibilidade”. Un indicador polo tanto que neste caso permitiría comprobar a través de todos eses datos a coordinación entre xogadores ou o comportamento da determinada liña dun equipo. “Trátase dunha medida que nos vai permitir medir aspectos de estados de forma colectivos, porque canto máis regular é o comportamento dun equipo, mellor está adestrado”, salienta Lago dunha app que, como recoñece, podería ter un “enorme impacto na práctica”, dado que permitiría cos GPS “non só facer a análise dun xogador individual ou de todo o equipo, senón buscar ti as asociacións entre sinais que precises e nos intervalos de tempo que a che interesen”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A aplicación AsisT.gal da Xunta recibe o Premio Senda Iniciativa Pública

A XII edición destes galardóns recoñece o labor deste servizo que permite monitorar desde o móbil parámetros de actividade, biomedidas ou localización da persoa solicitante 

Un ‘app’ de estudantes da UDC para comer máis saudable, finalista nun concurso mundial

As alumnas de Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produto Hileia Rumbo e Noa Domínguez participarán en Estambul na final do Red Bull Basement

Un estudo constata o ‘baixón’ no rendemento dos futbolistas a partir dos 30 anos

O investigador da UVigo Ezequiel Rey é un dos autores dun traballo internacional que recolleu datos de 419 xogadores de Primeira e Segunda División

RadarCovid e Passcovid: dúbidas e confusión coas ‘apps’ do Goberno e a Xunta

As ferramentas de rastrexo anunciadas polas Administracións, que entrarán proximamente en funcionamento, amosan algúns puntos pouco claros