Martes 23 Abril 2024

Descobren a parella de buratos negros supermasivos máis próxima á Terra

Está localizada na constelación de Acuario, a uns 89 millóns de anos luz do planeta azul, cando o récord anterior estaba en 470 millóns

Rompen o récord. Un equipo de astrónomos descobre a parella de buratos negros supermativos máis próxima á Terra. Está situada na galaxia NGC 7727 e máis en concreto na constelación de Acuario, a tan só 89 millóns de anos luz do noso planeta. E aínda que a distancia parece ser inabarcable, supera con creces o récord anterior. Ata hai nada, o par de buratos negros que máis preto estaba de nós situábase a 470 millóns de anos luz. Para detectar esta parella empregouse o Very Large Telescope do Observatorio Europeo Austral, situado en Chile.

Ademais, este achado rompe outro récord. Os encontrados en NGC 7727 baten a marca da separación máis pequena entre dous buratos negros supermasivos, xa que están a só 1.600 anos luz de distancia entre eles. Máis polo miúdo, estes elementos espaciais escóndense no centro de galaxias masivas, e cando dúas delas se fusionan, os buratos negros tamén rematan colisionando. Os resultados deste novo achado acaban de ser recollidos nun artigo publicado na revista Astronomy & Astrophysics.

Publicidade

Futura fusión

Segundo recolle a Axencia SINC, a principal asinante da investigación é a astrónoma Karina Voggel, que traballa no Observatorio de Estrasburgo. “É a primeira vez que atopamos dous buratos negros supermasivos que están preto o un do outro, menos da metade da separación do posuídor do récord anterior”, sinala a investigadora. A estas palabras únese outro dos autores, o profesor da Universidade de Queensland Holger Baumgardt: “A pequena separación e a velocidade dos dous buratos negros indican que se fusionarán nun burato negro monstruoso, probablemente dentro dos próximos 250 millóns de anos”.

Durante o seu estudo, tanto Voggel como o seu equipo puideron determinar as masas dos dous obxectos observando como inflúe a atracción gravitacional que xeran os dous no movemento das estrelas que hai ao seu arredor. Descubriuse, ademais, que o burato negro máis grande, ubicado xusto no núcleo da galaxia, tiña unha masa case 154 millóns de veces que a do Sol, mentres que o seu compañeiro se situaba nos 6,3 millóns de masas solares.

Minuciosas observacións

A maiores de todo o anterior, esta é a primeira vez que se miden, desta maneira, as masas de buratos negros supermasivos. Unha fazaña posible grazas á proximidade do sistema á Terra e ás minuciosas observacións que o equipo obtivo dende o observatorio chileno. A comunidade astronómica xa sospeitaba que a galaxia albergaba dous buratos negros, pero non puidera confirmar a súa presenza ata o momento.

“O noso achado implica que podería haber moitas máis destas reliquias froito de fusións de galaxias aí e poden conter moitos buratos negros masivos ocultos que aínda esperan ser encontrados”, sinala Voggel. “O número total de buratos negros supermasivos coñecidos no universo local podería aumentar nun 30%”, engade a investigadora. Espérase, ademais, que a busca destes elementos dea un salto co Telescopio Extremadamente Grande que comezará a funcionar a finais desta década en Chile.


Referencia: First direct dynamical detection of a dual super-massive black hole system at sub-kpc separation. (Publicado en Astronomy & Astrophysics).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Primeira imaxe en luz polarizada do burato negro da Vía Láctea

Grazas a esta nova vista de Saxitario A*, a rede global de radiotelescopios EHT revela a existencia de fortes campos magnéticos xirando arredor do seu borde

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

Un novo exoplaneta desafía as teorías clásicas de formación planetaria

Un equipo de astronónomos descobre LHS 3154b, cunha masa similar a Neptuno, orbitando preto dunha estrela anana de moi baixa masa

Descubertos seis exoplanetas que ‘bailan’ de forma sincronizada arredor da súa estrela

Os planetas posúen unha configuración que apenas cambiou desde hai máis de mil millóns de anos