Xoves 28 Marzo 2024

Descargas eléctricas contra a proliferación de algas nos encoros

Un dos principais problemas que afectan aos ecosistemas fluviais é a eutrofización, a chegada ás augas dun exceso de nutrientes que provocan a proliferación de algas verde-azuladas como as cianobacterias, tóxicas para o propio ecosistema e para o ser humano. Estudar as posibles medidas que permitirían mitigar os efectos deste proceso, así como erradicalos a longo prazo, son o eixo da investigación que a investigadora da Escola de Enxeñaría Forestal Xana Álvarez realizou para a súa tese de doutoramento. Neste estudo, propón dotar ao encoro dun circuíto anexo no que empregar a electrofloculación, a aplicación dunha serie de correntes eléctricas ás augas, como método para extraer delas estas microalgas, como unha das solucións para a problemática que afecta a presas como o da Baxe, en Caldas de Reis, na que se centra o estudo, e que en determinadas épocas do ano “adquire esa cor verdosa tan característica, xerando unha alarma social“. Non obstante, se ben esta actuación permitiría pór solución aos chamados “blooms”, os episodios de proliferación destas algas, unha vez teñen lugar, a solución a longo prazo pasaría pola redución dos focos de contaminación e pola recuperación dos bosques de ribeira, que permitirían impedir o problema de eutrofización, que provoca que as augas do encoro que abastece a máis de 100.000 persoas rematen tinguidas dunha intensa cor verde.

As augas do encoro da Baxe abastecen a máis de 10.000 persoas

En primeiro termo, o proxecto de Álvarez centrouse en analizar a presenza e as condicións nas que medran as cianobacterias, aquelas microalgas, como a microcystis, que producen unha toxina que pode afectar ao ecosistema fluvial e ao ser humano. “O primeiro que encontramos é que non existía só esa microalga, senón que, no momento no que se fixo a tese, atopamos que había dúas algas verdes máis”, apunta Álvarez de dúas especies que tamén contribuirían a que, en determinadas épocas do ano, “o encoro teña esa cor verde tan característica”. Por outra banda, as probas realizadas abrangueron tamén o estudo da competencia no crecemento entre estas tres especies, das que as cianobacterias serían as dominantes, “chegando a superar o 75% do total nos últimos días de crecemento”.

Publicidade

Así mesmo, as análises realizadas no laboratorio da EE Forestal permitiron coñecer cales son as condicións idóneas para o maior crecemento destas algas. “Avaliamos as condicións ambientais, as temperaturas, precipitacións e radiación solar, e vimos en que rangos se producían os crecementos máximos e mínimos, de tal xeito que puidemos establecer uns modelos preditivos dos blooms”, sinala Álvarez dunha investigación que situou en 28 graos a temperatura na que se produce un maior crecemento das cianobacterias, o que xustifica a maior aparición destes fenómenos nos meses de verán, xa que implican un maior número de horas de luz e baixas precipitacións, o que motiva un nivel de auga inferior no encoro.

28 graos, a temperatura ideal para o crecemento das cianobacterias

Como un xeito de pór solución a esta problemática unha vez se produce, Álvarez estudou a efectividade da electrofloculación, “un método de separación no que se aplica unha corrente eléctrica ao medio para recoller a maior cantidade posible de algas”, chegando a acadar, nas probas realizadas no laboratorio con diferentes voltaxes, tempos de aplicación e alturas de auga, “unha eficacia superior ao 95%” na recuperación das algas. “Fixémolo a escala laboratorio, pero o ideal sería poder estudar estes resultados nunha instalación específica, nun sistema anexo ao encoro, de tal xeito que outros organismos non se vexan afectados”, engade Álvarez.

A investigación que realizou baixo a dirección dos profesores da EE Forestal Enrique Valero, Ángeles Cancela e Juan Picos comprendeu tamén o estudo da utilización dos residuos xerados a partires do proceso de electrofloculación para a elaboración de biodiesel. “Comprobamos que si é posible obter biodiesel destas algas, pero non é un proceso rendible, xa que se obtén moi pouca cantidade de alga, polo que non tes biomasa suficiente como para obter combustible en cantidades elevadas”, sinala esta investigadora, que incide “que o estudo non se fixo co fin de obter un rendemento económico destas algas”, mais si co de atopar vías para diminuír “o residuo o máximo posible” e ao mesmo tempo “reducir os posibles custes que puidese ter o proceso de separación de algas”. Nese senso, sostén que “os custos ambientais que implica este problema son maiores que os que podería supor a separación das microalgas da auga”, tendo en conta que, “o que pasou cando se alcanzou un nivel de toxina considerado de risco para a saúde humana é que se cortou o abastecemento e se supliu mediante cisternas”.

A electrofloculación consiste na aplicación de corrente eléctrica ao medio

Aínda que as medidas propostas puidesen pór solución a estes episodios, a solución definitiva do problema non pasaría por intervir no propio encoro, senón ao longo da conca do río, xa que os blooms son o resultado da chegada ao mesmo dun exceso de nutrientes. Segundo explica Álvarez, o problema de eutrofización vén derivado, entre outras cuestións, polas “fontes de contaminación difusa, vertidos que se realizan ao río, e polo deterioro dos bosques de ribeira, que actúan como un filtro natural” deses nutrientes. “A restauración e conservación do bosque de ribeira faría que os nutrientes que chegan ás augas se visen diminuídos considerablemente”, apunta Álvarez, que analizou o estado no que se atopan estes ecosistemas ao longo de toda a ribeira do Umia e do seu principal afluente, o Gallo, “que é onde se localiza o maior número de focos de contaminación”.

Mediante o emprego de tres índices diferentes, Álvarez avaliou a calidade do hábitat fluvial do Umia, desde o seu nacemento en Forcarei ata a súa chegada ao encoro, na que detectou alteracións en máis do 80% da superficie, das que preto do 65% farían precisas medidas de restauración e en torno a un 16% de recuperación. “O que se propón son medidas correctoras, pero este é un problema do que se sabe a súa orixe e a súa solución sería erradicar o seu orixe por parte dos xestores destes recursos naturais e polos seus propios usuarios”, sinala neste senso a investigadora respecto dunha problemática na que continúa afondando, no marco das liñas de investigación do grupo AF4, que dirixe Valero, e nas liñas de bioenxeñería de Ángeles Cancela.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Laxe dos Bolos, un petróglifo referente da arte rupestre en Galicia

Un libro recolle o traballo arqueolóxico coordinado por Elena Cabrejas Domínguez, arqueóloga do Instituto de Ciencias do Patrimonio
00:00:38

Dinamitan o Acibal para construír eólicos, un monte repleto de petróglifos e pedras históricas

A plataforma Amil Sen Eólicos denuncia que aquí residía a "Pisada do Mouro", unha rocha con gravados rupestres

O xardín botánico, a carballeira e os ‘Choróns’ de Caldas de Reis, novo destino Observer

O conxunto de 3,5 hectáreas na ribeira do Umia recibe a certificación que recoñece o valor do seu patrimonio natural e a súa riqueza turística

Un médico impulsor de balnearios

Manuel Jacobo Fernández Mariño foi director en Cuntis e Caldas de Reis e promoveu a hidroloxía en Galicia a comezos do século XIX