Venres 29 Marzo 2024

O decreto de persoal investigador da Xunta, “precario” e “vago” para os científicos

Hai algo máis dun ano, a Consellería de Facenda anunciaba a creación dunha normativa “pioneirano Estado para regular a situación do persoal laboral investigador adscrito aos entes dependentes da Xunta, con especial fincapé nos eidos da saúde, a alimentación e a innovación. O decreto, do que xa se deron a coñecer algúns borradores, podería ser aprobado nas próximas semanas por vía de urxencia a través do Consello da Xunta, segundo advirten fontes coñecedoras da situación.

Non en tanto, o malestar na comunidade científica galega coa nova norma é cada vez máis palpable. Un grupo de investigadores adscritos a algunhas das entidades incluídas neste decreto (Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, Cesga, Intecmar, Fundación Rof Codina, EGAP, GAIN ou Amtega, entre outras) comezou a organizarse para esixir a “paralización inmediata” do decreto e a “resolución das deficiencias” que, segundo eles, contempla o novo regulamento.

Publicidade

“Temporalidade e precariedade”

O defecto do decreto mais rechamante, a ollos dos investigadores, é “a temporalidade e a precariedade” dos contratos. Este colectivo sinala que, coa regularización do persoal laboral investigador en Galicia, agardaban unha mellora da situación actual. Non en tanto, critican que o novo decreto “non resolve o problema, senón que o agrava“.

No texto non se contemplan contratos indefinidos, e a duración máxima dos mesmos é de cinco anos. Por isto, os científicos alertan de que a norma “exclúe a posibilidade de que haxa investigadores estables na nosa Comunidade, o que introduce unha discriminación negativa” respecto ao resto do persoal laboral. Sinalan, do mesmo xeito, que este marco normativo “dificulta” a posibilidade de “atraer e reter talento fóra do marco da Universidade”, “obstaculiza a captación de recursos e persoal” e “frea a capacidade de Galicia para avanzar, innovar e reverter beneficios á sociedade”.

Fontes do colectivo engaden, en conversa con GCiencia, que este borrador “permitiría que, se hai un recorte no financiamento, os investigadores poden ser despedidos“. Alén disto, lamentan a temporalidade coa que teñen que convivir investigadores cunha longa e recoñecida traxectoria. “Da igual que sexan científicos excelentes, que conseguiran contratos moi competitivos, de centos de miles de euros, ou que teñan experiencia internacional; hai xente que leva así máis de quince anos, sen poder pedir sequera unha hipoteca ao banco. O que non pode ser é que sexamos traballadores de segunda toda a vida”.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“O noso país está á cabeza das situacións complicadas para a carreira investigadora”

O catedrático da USC Diego Peña vén de participar nun foro internacional que reuniu a algúns dos químicos máis prestixiosos de Europa

Por unha carreira estable e enteira: as reclamacións dos investigadores galegos a Feijóo

A precariedade do sector e a autonomía da figura do investigador foron algúns dos temas da primeira reunión entre InvestiGal e o presidente da Xunta

As investigadoras galegas esixen estabilidade no Congreso: “Aos 40 temos que deixalo ou emigrar”

Representantes de InvestiGal denuncian a precariedade na comisión para a reforma da Lei de Ciencia

Acordo na USC para pagar os trienios que reclamaban centos de investigadores

Universidade e sindicatos dan o paso para aboar a partir do 1 de setembro de 2021, e durante os vindeiros anos, os complementos de antigüidade