Montañas de Ikh Bogd Uul, en Mongolia.
Montañas de Ikh Bogd Uul, en Mongolia.

De Galicia á Montaña Sagrada de Mongolia

O Consello Superior de Investigacións Científicas dirixiu desde Galicia, a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), unha tese doutoral que, desde unha perspectiva multidisciplinar, indagou por primeira vez nos túmulos e as comunidades locais nómades da montaña sacra de Ikh Bogd Uul, en Mongolia, zona pouco explorada pero cunha  destacada presenza de túmulos prehistóricos, arte rupestre e santuarios budistas.

Cecilia Dal Zovo, examinando a decoración dunha pedra sagrada en Mongolia.
Cecilia Dal Zovo, examinando a decoración dunha pedra sagrada en Mongolia.

A autora da tese, Cecilia Dal Zovo, iniciou a investigación en 2006. E defendeuna na USC co título “Archaeology of a sacred mountain: mounds, water, mobility, and cosmologies of Ikh Bogd Uul, Eastern Altai Mountains, Mongolia” (Arqueoloxía dunha montaña sacra: túmulos, auga, mobilidade e cosmoloxía de Ikh Bogd Uul).

Os directores da tese son Felipe Criado Boado, director do Incipit e presidente da Asociación Europea de Arqueólogos, César González García, astrofísico do Incipit, e Marco García Quintela, catedrático da USC.

O tribunal contou coa presenza de insignes figuras da arqueoloxía europea, como o profesor Kristian Kristiansen, catedrático da Universidade de Gotenburgo en Suecia (e fundador da Asociación Europea de Arqueólogos), Chris Gosden, catedrático e xefe de departamento da Universidade de Oxford, e Bruno Marcolongo, catedrático do CNR italiano en Pádua.

A investigación enmarcouse nunha colaboración científica entre o Incipit, centro do CSIC radicado en Santiago de Compostela e que realiza unha intensa actividade en países de América, África e Asia, e o Consiglio Nazionale delle Ricerche (CNR), que conta cunha expedición geo-arqueolóxica en Mongolia desde 2002 dirixida polo profesor Marcolongo.

O Incipit de Santiago dirixiu a primeira expedición dende España en Mongolia

“Isto permitiunos traballar nunha zona onde os centros de España con liñas de investigación ao redor da arqueoloxía e o patrimonio cultural apenas estiveran presentes, o que supuxo que o Incipit sexa o primeiro en dirixir campañas arqueolóxicas en Mongolia. Para nós a investigación levada a cabo nunha área tan especial como esta supuxo un importante estímulo para a reflexión teórica e metodolóxica sobre o estudo do fenómeno monumental e a súa reutilización e vixencia por parte das sociedades posteriores”, destaca Felipe Criado, director do citado centro.

“Todo isto é aínda máis importante tendo en conta que España non ten realmente unha presenza sólida de ningún tipo nunha zona de interese estratéxico tan importante na actualidade como Asia Central e Oriental. Non pode haber unha estratexia de presenza activa en ningunha zona xeopolítica que non incorpore tamén a investigación científica”, engade Criado, á vez que destaca que os traballos de campo foron parcialmente financiados polas axudas de Arqueoloxía Exterior que convoca e administra do Instituto de Patrimonio Cultural de España (IPCE), do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

“A paisaxe de Mongolia ten unhas características xeofísicas e fisiográficas excepcionais, que en combinación cunha extremadamente baixa densidade de poboación contribúe a facer del un contexto arqueolóxico, natural e cultural único.  Con todo, ata o momento os estudos sobre un dos seus casos máis representativos, a montaña de Ikh Bogd Uul, eran practicamente inexistentes, a pesar de ser unha paisaxe cunha destacada presenza de túmulos funerarios, arte rupestre, altares tradicionais de pedra e santuarios budistas que posúen un gran valor simbólico e sagrado”, explica Cecilia Dal Zovo, autora da tese.

O nome de Ikh Bogd Uul significa na lingua mongol ‘Gran Montaña Sacra’

O obxectivo xeral da tese era realizar un estudo da concepción da paisaxe arqueolóxica na devandita montaña, contando para iso coa cooperación da comunidade local. O nome da montaña significa precisamente ‘Gran Montaña Sacra‘. A investigación desenvolveuse a través de traballo de campo na zona, incluíndo por tanto desde misións arqueolóxicas e prospeccións ata a convivencia coa comunidade local nómade.

“Debido á amplitude e intensidade da zona, foi necesario realizar previamente en gabinete unha prospección remota mediante colleita de datos a través de fotografa satelital, así como seleccionar espazos de posible potencial para ser revisados en campo”, destaca.

Nunha primeira parte a tese reconstrúe as “cosmoloxías locais antigas e modernas e os aspectos simbólicos da paisaxe do Ikh Bogd Uul baseándose no rexistro histórico, antropolóxico e etnográfico”.

“Obtivemos os seguintes datos: os túmulos construíronse a partir do segundo milenio a. C, foron utilizados ao longo da Idade do Ferro ata finais do primeiro milenio a.C e posteriormente se readaptaron para altares tradicionais ata hoxe en día. Tamén se confirmou que  serviron como unha especie de monumentos fundacionais ou marco ritual da paisaxe da montaña”, comenta.

“Hai que destacar o papel simbólico que xogan as masas de auga (lagos, ríos, mananciais) como elementos sacros e cruciais da paisaxe de cosmonoloxía mongola. Estas masas de auga, ademais, tiveron un importante papel para a economía e vida social das comunidades de pastores de Mongolia. Tamén se observou unha pauta de orientación moi clara dos túmulos antigos segundo un evento importante do ciclo da Lúa: o lunasticio maior”, sinala.

En canto á comunidade nómade local, Cecilia Dal Zovo incide en que “a súa interacción coa paisaxe da montaña é especialmente importante. Rehabilitaron, conservaron e adaptaron non soamente as xeografías sacras, senón tamén o patrimonio material”.

Cecilia Dal Zovo (Verona, Italia, 1981) licenciouse en 2007 en Arqueoloxía Prehistórica pola Universidade de Padova (Italia). No ano 2008 incorporouse ao*Incipit para realizar a súa tese doutoral cun contrato JAE-Pre. Realizou estadías de investigación na  National University of Mongolia, o Instituto de Xeoloxía Aplicada do CNR e o Mongolian and Inner Asia Research Unit da Universidade de Cambridge.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.