David Posada, catedrático da Universidade de Vigo.
David Posada, catedrático da Universidade de Vigo.

David Posada, da UVigo, entre os fundadores da primeira rede de xenómica evolutiva

Comprender como se orixina e mantén a diversidade das especies e descubrir que mecanismos xenómicos facilitan os procesos de adaptación dos seres vivos son algunhas incógnitas fundamentais que aínda non están resoltas en Bioloxía Evolutiva. Na actualidade, as novas técnicas de secuenciación de nova xeración permiten abordar cuestións evolutivas a unha escala antes impensable, pero estas tecnoloxías representan un gran desafío para a ciencia pola súa rápida evolución, a difícil aplicación- en especial nos aspectos analíticos e bioinformáticos- e os problemas derivados da xestión, a análise e a interpretación dun enorme volume de datos.

logo AdaptNET

Xerar sinerxías entre grupos de investigación, unificar metodoloxías de traballo e potenciar a transferencia do conxunto de coñecementos dos equipos especializados en xenómica da adaptación en todo o país, son as coordenadas de referencia de AdaptNET, a Rede Temática de Xenómica da Adaptación, financiada polo Ministerio de Economía y Competitividad, Mineco, e coordinada polo catedrático Julio Rozas, do Departamento de Genética, Microbiología y Estadística e do Instituto de Investigación de la Biodiversidad da Universidad de Barcelona. Xunto a Rozas, impulsan esta iniciativa o catedrático da Universidade de Vigo e investigador de Cinbio, David Posada e os investigadores e investigadoras Rafael Zardoya (Museo Nacional de Ciencias Naturales-CSIC); Fernando González (Universidad de Valencia); Pablo Vargas (Real Jardín Botánico-CSIC); Josefa González (Instituto de Biología Evolutiva, CSIC-UPF); Sebastián Ramos-Onsins (Centro de Investigación en Agrigenómica, CRAG); Carles Vilà (Estación Biológica Doñana, CSIC) e Toni Gabaldón (Centro de Regulación Genómica, CRG).

A rede, integrada por 24 laboratorios de 11 centros de investigación de todo o Estado, agrupa a científicas e científicos que son líderes no campo da xenómica no ámbito internacional, o que permitirá intercambiar coñecementos entre os equipos participantes para abordar de xeito eficaz os desafíos que implica o estudo xenómico da adaptación. Os laboratorios que participan na rede desenvolven liñas de traballo en disciplinas como a xenética, xenómica, bioloxía evolutiva, zooloxía, botánica, bioloxía molecular, estatística, bioloxía computacional, bioinformática e campos afíns.

A xenómica evolutiva estuda os mecanismos xenéticos de adaptación dos seres vivos

“AdaptNET pode ofrecer, de feito esta é a súa misión, unha oportunidade única de traballar en estreita colaboración, compartindo a súa experiencia para identificar as necesidades e oportunidades dos estudos mediante técnicas de secuenciación de nova xeración, xerando a masa crítica necesaria para o enforque multidisciplinario requerido para estender a xenómica cara a bioloxía evolutiva e vicerversa”, explica Julio Rozas, coordinador da rede. Mellorar os resultados de investigación de proxectos financiados por convocatorias do Plan Nacional de I+D e impulsar novas colaboracións científicas no marco da xenómica evolutiva, así como transmitir á sociedade os avances xerados neste ámbito, son algúns dos obxectivos de AdaptNET, que inclúe grupos que traballan en liñas de investigación relacionadas con organismos modelo e non modelo, especies silvestres e domésticas, radiacións adaptativas, tecnoloxías de bioloxía molecular, análises de datos de secuenciación de nova xeración, estudos teóricos, xenómica evolutiva e funcional, sistemática molecular e bioinformática.

Co financiamento do Mineco, AdaptNET impulsará a organización de encontros científicos que impulsen o intercambio de coñecementos entre o colectivo investigador e facilitará a estancia en centros de investigación para o perfeccionamento de técnicas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.