Venres 29 Marzo 2024

Unha cunicultura con máis algas para usar menos antibióticos

Veterinaria da USC implementa técnicas innovadoras para mellorar a saúde dixestiva dos coellos e aumentar a rendibilidade dos cunicultores

A diminución do uso de antibióticos constitúe un dos grandes retos aos que se enfrontan os cunicultores. Para acadalo, a Facultade de Veterinaria da USC ofrece o seu potencial de I+D+i con solucións innovadoras baseadas no estudo de estratexias nutricionais centradas na formulación de pensos con baixo nivel de proteína e cunha porcentaxe de fibra soluble moderada, acadada mediante a incorporación de macroalgas ou extractos de alga.

Ao abeiro do proxecto nacional Técnicas Innovadoras para a Redución de Antibióticos en Cunicultura (TIRAC), os investigadores do Campus Terra traballan, xunto con outras universidades e empresas, na redución do emprego de antibióticos no sector cunicultor. O proxecto ten como obxectivo prioritario a substitución dos fármacos empregados para solucionar os problemas dixestivos que afectan aos coellos de cebo mediante a aplicación doutras técnicas innovadoras no eido da nutrición, que garantan a saúde dos animais e melloren a rendibilidade das explotacións.

Publicidade

Algas empregadas para a alimentación dos coellos. Foto: USC
Algas empregadas para a alimentación dos coellos. Foto: USC

O TIRAC tamén busca, amais de mellorar a saúde intestinal dos coellos, que as novas estratexias nutricionais desenvolvidas contribúan a mellorar a calidade da carne, obtendo viandas cun perfil lípido cardiosaudable, maior contido mineral e máis potencial antioxidante, segundo explica a investigadora da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, Marta López Alonso. Así mesmo, a docente entende que a consecución dos obxectivos ambicionados serviría tamén para valorizar o sector de produción de algas.

O consorcio promotor desta iniciativa de I+D+i está conformado por Feuga, Porto-Muíños e a Universidade Politécnica de Madrid, xunto cos grupos de Medicina Animal (ImedA), Anatomía Patolóxica (GAPAVET), Sanidade Animal (INVESAGA) e Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (LHICA) da Facultade de Veterinaria da USC. Neste ambicioso proxecto tamén participan como entidades colaboradoras Criadores de Conejo de Navarra Sociedad Cooperativa, PROGACUN-Asociación de produtores de coellos de Galicia e Granja J. Echegoyen S.L.U.

A actuación, promovida por un grupo operativo supra-autonómico que abrangue Galicia, Madrid e Navarra, conta cun orzamento de 490.000 euros, financiados nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA), autoridade encargada da aplicación destas achegas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

Un novo método da USC axudará a combater o furtivismo marisqueiro en Galicia

Tres investigadores estiman que entre 2012 e 2020 máis de 1.700 persoas extraeron de forma ilegal 660 toneladas de marisco

Investigadoras galegas constatan que as mulleres autistas camuflan máis os seus síntomas

O enmascaramento provoca retrasos no diagnóstico e problemas de saúde mental derivados da presión social

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos