Xoves 28 Marzo 2024

O Campus Terra colabora na elaboración de alimentos adaptados a pacientes de cancro

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias traballa para mellorar a saúde dos doentes oncolóxicos nun proxecto que conta con financiamento europeo

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) do campus de Lugo da USC colabora co laboratorio farmacéutico Adventia Pharma, especializado en nutrición médica, no desenvolvemento de novos alimentos e produtos alimenticios de uso hospitalario acaídos para mellorar a saúde dos doentes oncolóxicos no marco dun proxecto que conta con financiamento europeo e no que tamén participan o Instituto de Investigación do Hospital Universitario de La Paz de Madrid (IdiPaz) e o Instituto Tecnolóxico da Industria Agroalimentaria (Ainia).

A implicación da Aplta da USC no programa de Desenvolvemento de novos alimentos nutricional e sensorialmente apropiados para enfermos oncolóxicos (Alinesoc) está centrada en procedementos tecnolóxicos e sensoriais, dado que os ingredientes necesarios nutricionalmente para a elaboración deste tipo de alimentos poden derivar en imprevistos á hora de implantar o proceso de fabricación do produto a escala industrial.

Publicidade

Cartel do proxecto no que participa a Aplta. Fonte: USC.
Cartel do proxecto no que participa a Aplta. Fonte: USC.

Os compoñentes empregados para a elaboración deste tipo de consumibles hospitalarios acaídos para mellorar a saúde alimentaria dos doentes oncolóxico son obxecto de secreto industrial, aínda que na súa maioría trátase de proteínas de orixe vexetal e ácidos graxos omega-3  e omega-6, segundo indicaron desde Aplta da USC.

Daquela, unha vez recibida a receita e o correspondente composición dos alimentos encargados polo laboratorio farmacéutico, os técnicos e demais persoal que traballa na Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias do campus de Lugo da USC ocúpase de realizar nos distintos laboratorios do centro universitario diferentes probas tecnolóxicas que permiten testar os ingredientes adaptados aos requirimentos das diferentes dietas oncolóxicas, ao tempo que avalían o efecto destes procesos industriais nas características finais do alimento.

Así, a xeito dunha análise sensorial, o panel de cata da Aplta analiza características parámetros dos produtos resultantes, tales como poden ser sabor, viscosidade, estabilidade… dos alimentos, tanto no momento da súa fabricación como ao longo da súa vida útil. Para o desenvolvemento destas actuación, o Laboratorio de Propiedades Físicas da Aplta da USC conta con equipamentos tecnolóxicos que permiten analizar a viscosidade e a estabilidade de fases ao longo da vida útil destes alimentos de uso exclusivamente hospitalario. As persoas que integran o panel de cata da Aplta analizan nunha fase posterior as características a nivel sensorial dos produtos desenvolvidos.

Unha vez definidos os ingredientes que mellor se adaptan ao deseño do produto a nivel nutricional, tecnolóxico e sensorial, as instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC acubillan tamén ensaios a escala semi industrial en planta piloto. Este tipo de procedementos permite predicir o comportamento do produto no posterior escalado industrial.

Superados xa todos estes desenvolvemento de carácter tecnolóxico, a empresa dispón do deseño e estudo de vida útil completa de cada un dos produtos desenvolvidos e, deste xeito, é posible levar a cabo estudos clínicos para confirmar a idoneidade das diferentes dietas para a mellora da saúde dos pacientes oncolóxicos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego impulsa a sustentabilidade do sistema alimentario a través da IA

O proxecto no que participan USC e UVigo acometerá a crise do sector co apoio do Programa Marco ‘Horizonte Europa’

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Cal é o alimento que desencadea o pracer nos peixes?

Coñecer os mecanismos de motivación pola comida podería mellorar a eficiencia económica das empresas dedicadas á acuicultura