“Creamos perfís xenéticos cunha mostra de sangue do tamaño da cabeza dun alfinete”

A directora do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro, Victoria Lareu, acaba de recibir o Premio Wonenburger pola súa traxectoria profesional

A galardoada co Premio Wonenburger 2021 Victoria Lareu. Foto: Xunta
A galardoada co Premio Wonenburger 2021 Victoria Lareu. Foto: Xunta

Victoria Lareu sempre o tivo claro: quería estudar Medicina para tratar os doentes. Coñecer de primeira man que lles pasaba e, sobre todo, poder sandalos. Ata que a investigación se cruzou no seu camiño. O traballo en laboratorio conseguiu namorala. E alí desenvolveu toda a súa longa traxectoria profesional. Victoria Lareu xa é un nome de peso. É catedrática de Medicina Legal e Forense na Universidade de Santiago de Compostela e tamén directora do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro. Agora, vén de recibir o Premio Wonenburger, que outorga a Xunta de Galicia como recoñecemento á carreira das mulleres científicas. Ela mantense prudente e insiste: o premio non é dela. O premio é de todos.

Que significa recibir o Premio Wonenburger?

—Unha satisfacción persoal, pero tamén un recoñecemento para o meu equipo. Hai moita xente detrás disto, non estou eu soa. Eu tiven a sorte de comezar a traballar co profesor Ángel Carracedo. Levo nisto moitos anos. Primeiro, con xente que xa estaba inmersa no campo. Despois, con outras persoas que viñeron e que son as artífices de todos os éxitos. Agora, en ciencia, unha persoa soa pouco pode facer.

—Entón, o traballo en equipo é fundamental no seu día a día.

Exactamente. E non só se trata do equipo que traballa contigo no laboratorio, tamén de todas as interrelacións que tes con outros grupos de investigación, non só aqueles que traballan en ADN. Por exemplo, temos moita relación con matemáticos, con outros científicos de fóra de Galicia e España… Iso enriquece ao teu propio grupo e a ti mesma. Non é o premio para unha soa persoa, senón para equipo e para a xente que traballa neste campo.

“Agora, en ciencia, unha persoa soa pouco pode facer”

—Para vostede, o Wonenburger é un premio colectivo.

—Para min si. Eu sei que é un premio individual. A xente dime que é o premio a unha carreira, a moitos anos, a levar moito tempo cun grupo adiante. Pero o meu sentimento sempre é que nós somos un equipo. Dende o técnico que fai todo un traballo rutineiro ata o doutor que fai investigación pura e dura. Todos formamos parte do grupo e todos somos necesarios, cada un na súa faceta. Polo tanto, é un agradecemento que se lembren de nós.

—Este premio serve para recoñecer as mulleres científicas. Como está a situación actualmente?

—Cada vez hai máis mulleres na ciencia. Creo que as cousas van mellorando e que dentro dalgúns anos xa non haberá premios para mulleres nin para homes, senón para todos. De todas formas, eu tiven moita sorte na vida porque nunca sentín diferenzas por ser muller. Incluso cando era nena, na miña casa. Na vida universitaria tampouco o notei. Tiven a sorte de traballar con xente na facultade de Medicina que non diferenciaba se eras home ou muller. Penso que iso non o notei ata que tiven nenos. Cando es nai, hai un punto de inflexión na vida laboral das mulleres.

En canto á ciencia en xeral, eu tiven bastante sorte, aínda que vexo, por agora, que hai moitísimas mulleres traballando nos laboratorios e moitos xefes seguen sendo homes. De todas formas, que a min non me pasara non quere dicir que esas diferenzas non existan. Ás veces, o feito de traballar nunha organización pública fai que tampouco se vexan as diferenzas salariais.

“A intelixencia non ten teito de cristal”

Por outro lado, eu creo que a intelixencia non ten teito de cristal. Só é cuestión de oportunidades e nada máis. Hai que educar á sociedade para que entenda que as diferenzas non existen e que nas distancias curtas todos somos iguais.

—Afondando máis no plano laboral, vostede desenvolveu case toda a súa carreira no laboratorio Luis Concheiro.

—Si, levo aquí moitos anos. Acabei a carreira de Medicina e xa empecei a facer a tese doutoral, dirixida por Ángel Carracedo e Ángel Álvarez. Polo tanto, estou aquí dende que tiña vinte e tantos anos. Cando eu estudaba Medicina, meu pai xa era médico e tiña un laboratorio. Eu dicía que cando fose médica sería para tratar os doentes, tratar co paciente… Pero logo coñecín a investigación. Sentía moitísima responsabilidade, da posibilidade de cometer erros e provocar algún problema nun doente. Puiden quedar aquí e xa ves, toda a miña carreira profesional está vinculada á xenética forense. Aínda que tamén estiven fóra, facendo estadías de investigación, en Coímbra, no London Hospital e no Forense Science Service de Birmingham.

—Cales cre que foron os grandes avances de xenética forense nas últimas décadas?

—Dende que eu empecei, moitísimos. En criminalística podiamos facer pouquísimo porque as proteínas desestrutúranse moi facilmente e ás veces é moi difícil conseguir resultados. Por que? Porque nós o que facemos é, a partir dunha mostra biolóxica que apareza no lugar dos feitos dun acto criminal buscamos a quen pertence. Esas mostras poden estar encima da vítima, nun cuarto… Poden ser sangue, saliva, feces… Por exemplo, determinar a quen pertence o seme que aparece nunha agresión sexual. Ao principio, con esas proteínas, podiamos facer moi pouco. Logo comezamos a traballar co ADN. Primeiro cuns marcadores xenéticos que se chaman STR. Con eles podiamos analizar mostras pequenísimas e moi degradadas. Entón abriuse unha ventá para resolver casos que antes non se podían resolver.

“Os STR son uns marcadores xenéticos que permiten analizar mostras pequenísimas e moi degradadas”

Imaxina, agora temos unha mostra de sangue do tamaño da cabeza dun alfinete e podemos sacar de aí o perfil xenético. Se temos alguén con quen comparar podemos dicir que non pertence a esa persoa ou que ten unha probabilidade altísima de que esa mancha veña del. Hai situacións nas que non hai testigos, onde a vítima non recoñece ao agresor… Cos últimos avances podemos saber a orixe bioxeográfica da persoa que deixou a mostra (caucasoide ou africanosubsahariano, nativo americano, oceanía…), só a partir desa mostra.

Tamén podemos coñecer a cor do pelo, da pel, dos ollos… Con outros marcadores de epixenética podemos averiguar a idade. É dicir, facemos unha especie de retrato robot da persoa que deixou esa mostra biolóxica. Unha persoa da que ninguén sabe nada. De feito, xa se resolveu algún caso importante que levaba anos sen se resolver grazas a estas tecnoloxías. Isto, en parte, débese a grupos de investigación que traballan buscando este tipo de marcadores xenéticos.

A catedrática da USC Victoria Lareu recibe o Premio Wonenburger

—Toda unha porta a novos avances.

—Si, penso que axudamos a resolver algún caso que levaba quince anos ou máis sen resolver. Houbo casos nos que se sabía que o asasino era veciño da vila e os pais da rapaza, cada vez que vían un home, pensaban que podía ser el. E así 17 anos. E aínda que non che devolven o teu familiar, é un descanso saber quen foi e saber que hai xustiza. É moi importante psicoloxicamente para as vítimas e para os familiares. Ademais, este traballo ten unha repercusión social clara. Está directamente relacionado coa sociedade, hai unha transferencia real.

“Cos últimos avances podemos saber a orixe bioxeográfica da persoa que deixou a mostra”

—Cales son os retos do futuro? Tanto da xenética forense como do propio laboratorio.

—Seguir traballando con estes marcadores. Agora temos un proxecto importante, que consiste en buscar máis marcadores para facer realmente un retrato robot que nos dea realmente a cara do individuo. Por exemplo, cal é a distancia interocular, cales son os trazos físicos… Outro dos retos importantes dentro do laboratorio é encontrar financiamento. Neste país, sobre todo a clase política, non leva no ADN a investigación, é como algo estraño. A investigación, vímolo coa Covid-19, non só é importante para a humanidade, tamén fai ao país máis rico. E sobre todo, como non hai unha infraestrutura forte, a nosa xente que está moi ben formada e que é moi intelixente ten que marchar a outros países. Pagamos as escolas, a universidade, os doutorados e logo marchan con todo ese background. É unha pena.

Hai que dignificar os salarios dos investigadores. Chega un punto que xa non poden continuar aquí a carreira e teñen que marchar. Hai tan poucas prazas para seguir unha carreira investigadora que teñen que marchar de aquí. Aquí temos un gran reto.

En canto ao instituto, non só ten xenética forense, tamén unha parte de toxicoloxía, de clínica… Todas funcionan ben. Hai persoas moi importantes dentro destes campos. Precisamos tamén dunha axuda, de recoñecemento para a xente que traballa aquí. Somos un instituto cun prestixio internacional importante, pero porque traballamos con proxectos internacionais que pedimos. Pero é como un castelo no aire. Imos tendo ata que un día teñamos que pechar.

“A investigación non só é importante para a humanidade, tamén fai o país máis rico”

—Parece unha situación inestable.

—O traballo de investigación non é de 8 horas. Un día traballas 24 e outro un pouco menos. Levas as cousas para a casa, segues traballando. E hai que facer algo pola xente nova, non poden estar pendentes, contratos cada tres meses, a media xornada para poder continuar… Teñen que facer algo. Por exemplo, todo isto das vacinas é porque hai moita xente que leva investigando moitos anos en coronavirus. Foi tan rápido por iso. Por unha cousa que vén de atrás. Que países teñen unha tradición de investigación? Os ingleses, americanos… Porque invisten niso. Por exemplo, a vacina que están desenvolvendo en Madrid son moi poucas persoas comparado con outras entidades, por moito que traballen non poden competir con alguén que ten moitísimas persoas e un gran orzamento.

—As series como CSI romantizan moito a profesión?

—Si, romantizan moito. A investigación baséase en buscar novas técnicas e a criminalística céntrase en cada caso en particular. Realmente a especialidade é moi bonita. Eu sempre digo que na criminalística biolóxica cada caso é un caso de investigación. Non é o mesmo que teñas unha mostra de esperma nun xersei que unha mancha de sangue nunha pedra. Teste que sentar diante de cada caso, ver o que tes, ver o que solicitan e o que ti podes facer. Por exemplo, as paternidades son rutineiras, non son técnicas fáciles pero xa o tes todo establecido. A criminalística biolóxica non, sempre é un reto. Ás veces o ADN está degradado, no sae á primeira… Son casos complexos.

“A criminalística biolóxica sempre é un reto. Ás veces o ADN está degradado, non sae á primeira… Son casos complexos”

Si que romantizan porque a veces non podes sacar máis do que a mostra che conta. Os vestixios biolóxicos que nos mandan son como as testemuñas silenciosas dun feito criminal. Van contar moitísimo sobre o que pasou. Telos que tratar con moita rigurosidade. Depende de como estea a mostra, pero moitas veces non podemos obter resultados. Entón CSI ten un pouco de todo. É unha ficción. Sacan cousas que son verdade e outras que non.

—Vostede participou no deseño dalgunhas ferramentas básicas de xenética forense que hoxe se usan a nivel internacional. Cales son?

—Os STR, estes marcadores xenéticos. Cando empezamos a traballar con ADN empezamos a traballar con STR, que son marcadores moi importantes porque todas as bases de datos de ADN que compilan os perfís xenéticos de criminais importantes como agresores sexuais, homicidas e asasinos baséanse neles. Están en todas as bases de datos do mundo. Algúns deses marcadores saíron deste laboratorio.

—Traballaron en casos moi diferentes. Pode mencionar algún?

—Vítimas do terrorismo, por exemplo. Tamén estamos traballando en restos da Guerra Civil española, da Segunda Guerra Mundial, da Guerra das Malvinas, que había soldados que aínda estaban enterrados alí. Conflitos bélicos, casos de criminalística a nivel internacional. Porque de criminalística non facemos só para Galicia, senón tamén para España e moitos países: Australia, Irlanda, Alemaña, Reino Unido, Grecia… Tamén temos moitas persoas que veñen facer estancias de investigación de moitos países.

“Todas as bases de datos de ADN que compilan os perfís xenéticos de criminais importantes baséanse nos STR”

—Outro dos casos foi a análise dos restos de Atapuerca. Como é traballar con mostras tan antigas?

—Diso hai moito tempo. Tiñamos uns restos dentais para traballar con eles. O problema é que os restos tan antigos poden ter o ADN moi degradado ou que estea contaminado con ADN actual. Cando ti tes unha mostra tan antiga, que o ADN está tan degradado, calquera ADN externo pode contaminala e dar un erro. Entón hai que tratalo dunha maneira diferente a como se tratan as mostras actuais. Son mostras moi complexas, agora non as analizamos tan antigas porque tes que ter unhas condicións moi apropiadas no laboratorio para traballar con elas.

Que problemas atopades cando traballades con mostras degradadas? Por exemplo, as que se atopen aquí en Galicia.

—Aquí en Galicia temos un problema, un solo cun pH moi ácido e chove moito. Iso é malo para o ADN porque o rompe. Aínda que tamén desenvolvemos uns marcadores que se chaman snips que funcionan moi ben con mostras moi degradadas. Algún caso que xa tivemos aquí de restos que apareceron despois dun incendio, que se pensou que era de alguén desaparecido na zona, os STR normais non funcionaban e os snips si, podendo identificar os restos. Temos ferramentas que desenvolvemos no propio laboratorio que nos están axudando a resolver casos que doutra maneira sería imposible.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.