Xoves 18 Abril 2024

A NASA atopa outro posible cráter de impacto dun meteorito en Groenlandia

Descobren evidencias doutro punto de impacto a menos de 200 quilómetros do cráter atopado en novembro de 2018 baixo o glaciar Hiawatha

En novembro de 2018, a NASA anunciou que baixo o glaciar Hiawatha, en Groenlandia, atopara o primeiro cráter formado polo impacto dun meteorito que se localizou baixo as capas de xeo da Terra, cuns 30 quilómetros de diámetro. E cando a comunidade científica aínda seguía con interese o anuncio, a axencia anunciou un segundo achado: outro cráter, a menos de 200 quilómetros do anterior, e aínda máis grande, cuns 35 quilómetros.

“Levamos moito tempo explorando a Terra, desde o continente, a auga, o aire e o espazo, e é moi emocionante que siga habendo achados coma este”, declarou Joe MacGregor, experto en glaciarse do centro Goddard. De confirmarse que un meteorito foi o causante deste cráter, sería o 22º máis grande atopado no planeta.

Publicidade

Antes do descubrimento do furado en Hiawatha, en novembro, os investigadores crían que os posibles restos dos impactos de meteoritos nas zonas de xeos perpetuos, como Groenlandia e a Antártida, desapareceran pola erosión. Porén, ao atopar o primeiro dos cráteres, o equipo da NASA repasou os mapas topográficos de Groenlandia na procura de novos sinais, e así foi como atoparon este segundo punto.

O posible achado publicouse esta semana na revista Geophysical Research Letters e xeólogos de todo o mundo xa miran con renovado interese cara a gran illa ártica. Entre os sinais que apuntan a que se trata dun cráter, a NASA fala dunha “depresión cha no fondo do cráter, rodeada por un borde moi elevado e picos situados no centro, que adoitan formarse cando o solo do cráter se equilibra despois do impacto. Tamén se atoparon anomalías gravitatorias negativas, outra característica dos puntos de impacto.

Existe a posibilidade de que se trate dunha caldeira volcánica colapsada, pero as probas non son concluíntes. “As áreas de actividade volcánica coñecidas en Groenlandia están a centos de quilómetros; e ademais, un volcán debería ter unha anomalía magnética positiva, e non vimos isto aquí”.

A data do impacto

Os datos do radar determinaron tamén que a área tiña “alomenos 79.000 anos”, debido as características do xeo e os indicadores da erosión. Tamén concluíron que as capas de xeo sobre o novo cráter son “inequívocamente máis antigas cas de Hiawatha”. Con todo, non hai evidencias para confirmar ou desmentir que se formaran nun mesmo momento, coa posibilidade do impacto dun asteroide fragmentado.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Serra da Capelada, un glaciar da última Idade do Xeo

O traballo do catedrático e investigador da USC Augusto Pérez-Alberti analiza a súa configuración xeomorfolóxica e a paisaxe

As primeiras 48 horas tralo impacto do asteroide que acabou coa vida dos dinosauros

A colisión provocou un megatsunami cunha enerxía 30.000 veces maior ao do Índico en decembro de 2004, no que morreron máis de 230.000 personas

O meteorito que brillou como cincuenta lúas cheas xa pode visitarse en Santiago

Tratouse dun asteroide de 1,15 metros de tamaño e 2,62 toneladas de masa que chocou contra a atmosfera a 15 Km/s

Un meteorito de 4.600 millóns de anos podería revelar a orixe da auga da Terra

Debido á datación da pedra atopada, os investigadores afirman que xa existía durante a creación do sistema solar