Cosmoloxías: arte e ciencia unidas no Colexio de Fonseca

A mostra é a primeira actividade de ArtLAB, un proxecto do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) para tender pontes entre as dúas disciplinas

Unha das pezas de
Unha das pezas de "Cosmoloxías". Fonte: USC.

A obra da artista plástica Irene Dubrovsky protagoniza a primeira actividade de ArtLAB, unha nova iniciativa interdisciplinar do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) cuxo obxectivo é unir arte e ciencia, indagar nas súas interseccións e tender pontes entre ambas, achegando a ciencia á sociedade desde un punto de vista diferente. A exposición “Cosmoloxías” inaugúrase este xoves 28 ás 20.00 horas no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, nun acto no que intervirá o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri.

“Cosmoloxías” componse dunha serie de obras cartográficas inspiradas no Universo da artista Irene Dubrovsky (Buenos Aires, 1972)  que evocan os mapas reais que tentan explicar a súa orixe mediante grandes pregos de papel entretecido e discos perforados.

A obra visual desta artista plástica arxentina residente en Ciudad de México articúlase nunha poética da cartográfica onde conflúen a súa historia e herdanza migrantes, en obras minuciosas e sutís. Utiliza a xeometría como linguaxe primordial, estruturando as súas pinturas en grandes pregos de papel tecidos, pregados ou perforados en forma de discos, mapas e partituras. Traballa con espazos reticulares e redes curvas que aluden a espazos infinitos, propiciando un diálogo interdisciplinario que permita os entrecruzamentos de arte e ciencia.

Outra das pezas de "Cosmoloxías". Fonte: irenedubrovsky.com.
Outra das pezas de “Cosmoloxías”. Fonte: irenedubrovsky.com.

Dubrovsky presentou o seu traballo en numerosas exhibicións, entre elas a Bienal de La Habana (Cuba), coa exposición Cartografías Satelitales, así como na Bienal de Curitiba e a Bienal de Cuenca. A súa obra Mapas de la alteridad espúxose no Palacio Exipto de Lisboa e no Centro Pére Prune de Barcelona, ademais de no Instituto de Cultura de México en Viena e Madrid. Outras obras destacadas que itineraron por centros de arte internacionais foron Vuelo de Cronos (Museo Universitario del Chopo, México), Universos Progresivos (Galería Puerta Roja, Hong Kong) e World Maps (Galería Couturier, Los Ángeles). Na actualidade, desenvolve o proxecto Un espejo de agua para las estrellas para o xardín botánico de Oaxaca, en México.

Coloquio entre ciencia e arte

Á mostra, que poderá visitarse ata o 15 de marzo, súmase un coloquio entre a artista e distintas personalidades do mundo da arte e a ciencia que acollerá o Centro ABANCA Obra Social o 6 de marzo ás 19:30 horas. Participarán o escritor Agustín Fernández Mallo, o físico e pintor David Crooks, a decana da Facultade de Matemáticas Elena Vázquez Cendón, o físico José Edelstein e a cantante Uxía, e a moderadora do encontro, a xornalista Ainhoa Apestegui.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.