O traballo atopa diferenzas significativas entre a área de Barcelona e o resto do país respecto ao uso e percepción do catalán e o castelán.

Investigadores galegos analizan a convivencia do catalán co castelán en Cataluña

Analizan, a través de ecuacións diferenciais, a evolución das linguas, e prevén que o castelán podería acabar impoñéndose na área de Barcelona

No marco do conflito político e social en Cataluña, un grupo de investigadores galegos acaba de facerse unha pregunta sensible, que tentaron responder a través da Física: “É posible a coexistencia do catalán e o castelán en Cataluña?” é o título do traballo que este mércores publica a revista Palgrave Communications, do grupo Nature, e que asinan os físicos Jorge Mira e Luís F. Seoane e os lingüistas da Real Academia Galega Henrique Monteagudo e Xaquín Loredo.

“É un dos estudos con maior cantidade de datos feita neste ámbito, xa que recolle información complilada durante o último século polo Institut d’Estadística de Catalunya (Idescat)”, explica o catedrático Mira, xunto a Luís F. Seoane, primeiro autor deste artigo, ertencente á Universitat Pompeu Fabra e do Instituto de Física Interdisciplinar e Sistemas Complexos da Universitat de les Illes Balears e CSIC, xa publicara hai uns meses un traballo semellante sobre o bilingüismo en Galicia. Desde hai 15 anos, unha das liñas prinicipais de investigación do primeiro xira arredor dun modelo matemático que explique a convivencia de dúas linguas.

A figura mostra como as variacións do número de falantes ao longo do tempo son reproducidas polo modelo matemático.
A figura mostra como as variacións do número de falantes ao longo do tempo son reproducidas polo modelo matemático.

Percepción do prestixio do castelán e catalán

Nesta ocasión, os modelos matemáticos usados tratan de predicir como podería cambiar durante os próximos anos a proporción de falantes en cada un dos tres grupos lingüísticos (monolingües de cada idioma e bilingües). E as conclusións son que o castelán irá gañando falantes, especialmente en Barcelona e a súa área metropolitana, e tamén avanzaría no resto do país, aínda que a importante base de monolingües no resto de Cataluña podería ralentizar o avance nesoutra área.

Con todo, o resultado da maior parte delas mostra que sería viable a coexistencia das dúas linguas ao longo de varias xeracións, mesmo baixo condicións de polarización extrema entre os diferentes grupos. Iso si, os autores adivirten que que de producirse algunha situación que alterase o escenario sociolingüístico de forma drástica —como podería ser o caso da independencia de Cataluña, que a zona se vise afectada por grandes migracións, ou que se aplicasen políticas lingüísticas excesivamente agresivas en calquera sentido— o modelo podería perder o seu poder preditivo.

Jorge Mira, Henrique Monteagudo, Luís F. Seoane e Xaquín Loredo son os autores do artigo. Fonte: USC.
Jorge Mira, Henrique Monteagudo, Luís F. Seoane e Xaquín Loredo son os autores do artigo. Fonte: USC.

“A sorpresa xurdiu ao estudar os datos da área barcelonesa separados dos do resto de Cataluña”, sinalan os autores. “Segundo este modelo, hai diferenzas lingüísticas entre a área de Barcelona e o resto de Cataluña”. Así, explican os autores, “mentres que na cidade condal ambas as dúas linguas se perciben cun prestixio similar, no resto de Cataluña o prestixio percibido é maior para o castelán, pese á presenza dominante do monolingüísmo catalán” subliñan. “Este maior prestixio do español propiciou un certo declive histórico do catalán na meirande parte do territorio”. Por contraposición, as opcións monolingües en catalán e castelán seguen traxectorias parellas en Barcelona e a súa área de influencia, mentres que o bilingüismo tende a aumentar década tras década. A investigación conclúe ademais que os falantes de Barcelona e arredores perciben os dous idiomas como máis similares.

Así, no total de Cataluña, o castelán ten un 57% de forza fronte a un 43% do catalán. A percepción iguálase en Barcelona e a súa área (51% fronte a 49%), mentres que no resto do país a percepción é maior a favor do castelán (60% fronte a 40%).

A investigación apunta que a coexistencia entre o catalán e o español sería posible baixo un abano amplo de circunstancias analizadas, malia que na meirande parte delas se obtén certo predominio do castelán. Un paso intermedio do estudo implicou medir dous parámetros que achegan, segundo a percepción dos falantes, o prestixio de cada unha das linguas e canto parecido gardan entre si.

Unha serie de ecuacións calcula a velocidade do cambio lingüístico en Galicia

Referencia: Is the coexistence of Catalan and Spanish possible in Catalonia? (Publicado en Palgrave Communications).

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.