Por sexto ano consecutivo bota a andar o Premio de Comunicación Científica Universitaria “Contar a Ciencia-la Caixa”, que foi presentado este xoves na Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Un certame convocado pola Real Academia Galega de Ciencias e patrocinado pola Obra Social la Caixa, e que busca fomentar o xornalismo especializado en ciencia entre os estudantes de comunicación das universidades galegas. No concurso tamén colaboran a Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e a empresa Primux.
A presentación foi conducida por Eduardo Rolland, director de GCiencia, e nela tamén participaron María Jesús Tallón, subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria; Anxo Pérez, responsable de Comunicación de Caixabank en Galicia; e Pilar Bermejo, catedrática de Química Analítica na USC e secretaria da RAGC. Bermejo ofreceu ademais unha clase aberta na que puxo de manifesto a necesidade de contar con profesionais da comunicación conscientes e coñecedores da relevancia da ciencia para o progreso da sociedade.
Desde a Xunta, María Jesús Tallón incidiu en “reforzar o papel do coñecemento experto para axudar á toma de decisións informadas” respecto aos temas de interese público. E subliñou tamén o papel dos comunicadores neste sentido: “É moi destacable a capacidade e o esforzo de moitos comunicadores para facer comprensibles ao público xeral algúns temas moi especializados”.
Por parte de la Caixa, Anxo Pérez lembrou o apoio da entidade desde as primeiras edicións de “Contar a Ciencia”, no marco de “dúas razóns fundamentais: a difusión do coñecemento científico e, por outra banda, a sensibilidade cara ao xornalismo, un axente esencial para explicarlle á sociedade o que a ciencia pode ofrecer”.

“Diferenciar o gran da palla”
Desde a Real Academia Galega de Ciencias, a súa secretaria, Pilar Bermejo, afondou na súa intervención no papel clave que as mozas e mozos comunicadores terán na revolución tecnolóxica que xa estamos a vivir. Ante isto, apelou ao “criterio, sensibilidade e responsabilidade” dos xornalistas á hora de trasladar á cidadanía as informacións do mundo científico e tecnolóxico.
“Hai que saber diferenciar o gran da palla, e saber escoller e priorizar as fontes solventes entre o mar de ruído e lixo que nos chega sen control por múltiples canles”. E neste mesmo punto remarcou a aposta clave da Academia pola divulgación do coñecemento científico xerado en Galicia
O Premio “Contar a Ciencia”
O prazo para presentar as propostas previas está aberto ata o vindeiro 31 de marzo. As persoas interesadas terán que encher un formulario (ver ligazón) no que expliquen o bosquexo dunha reportaxe ou entrevista. Ao remate deste prazo, GCiencia seleccionará as propostas atendendo aos criterios de maior interese e orixinalidade do tema tratado, calidade expositiva e valor xornalístico, e comunicará a decisión aos participantes elixidos para que comecen a realizar os seus traballos. Este prazo pecharase o 30 de abril, data límite para enviar as entrevistas ou reportaxes definitivas. Unha vez recibidas todas as candidaturas, os traballos publicaranse en gciencia.gal ao longo do mes de maio.
Premios
A comezos do mes de xuño emitirase o fallo por parte do xurado. Este estará encabezado polo presidente da Real Academia Galega de Ciencias, D. Juan Lema Rodicio, e estará integrado por representantes da Consellería de Educación, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), de ‘la Caixa’, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e GCiencia, así como por un investigador galego de recoñecido prestixio.
O gañador ou gañadora do concurso recibirá 500 euros en metálico, un smartphone IoxPhone P1 de Primux e un diploma acreditativo. O xurado escollerá tamén dous finalistas, que recibirán cadanseu equipo de altofalantes portátiles Sk-21 de Primux e diplomas acreditativos. O resto de concursantes seleccionados para elaborar os seus traballos tamén recibirán diplomas.
Aquí podes consultar as bases do VI Premio “Contar a Ciencia-la Caixa”.
E neste formulario podes presentar a túa proposta, se cumpres cos criterios demarcados nas bases.