Xoves 25 Abril 2024

Revelan como se crean os patróns de cor na pelame dos gatos

Un equipo de científicos dos EUA explica que unha molécula presente na fase embrionaria está detrás destas formas, nun proceso tamén presente noutros felinos

Por que se forman como se forman os patróns de cor na pelame dos gatos? A variable aparencia dalgunhas razas de felinos sementa, loxicamente, a curiosidade da ciencia. E un estudo publicado en Nature Communications esta semana revela que a formación destas formas está determinada por moléculas específicas que están presentes na etapa embrionaria. O equipo científico, liderado polo investigador Gregory Barsh, do Instituto de Biotecnoloxía HudsonAlpha (EUA), rexistrou o proceso polo cal células cutáneas idénticas adquiren firmas xenéticas diferentes. Este feito fai posible que se xeren distintas pautas de cor no pelo, cuxos patróns definen a diversidade nos gatos e moitos outros mamíferos.

En traballos anteriores xa se demostrara que as variacións de cor dos gatos domésticos aparecen durante o crecemento do pelo, cando grupos de folículos pilosos adxacentes producen diferentes tipos de pigmento de melanina. Con todo, parte do proceso aínda quedaba por revelar, e non se sabía que acontecía para que un folículo piloso producise, por exemplo, melanina negra ou amarela.

Publicidade

Para pescudalo, o equipo recompilou mostras de pel de embrións de gato en diferentes etapas de desenvolvemento, e analizou as proteínas do tecido, así como xenes de células individuais obtidas do mesmo.

Os autores observaron que durante a fase embrionaria, as diferenzas na expresión xenética determinan a forma do patrón de cor xerada posteriormente. Segundo o traballo, unha molécula de sinalización, codificada polo xene Dickkopf 4 (Dkk4), desempeña un papel central no proceso de formación da pauta de cor.

Tamén se descubriu que unha mutación no devandito xene é a responsable da aparencia xaspeada dalgúns gatos, que se dá en razas como o Abisinio ou o Savannah Servalino.

Aínda que esta investigación centrouse en gatos domésticos, os científicos suxiren que os seus achados tamén explicarían a formación de patróns de cor que se dan noutros felinos, como os leopardos e tigres, así como noutros mamíferos.

Así, os autores apuntan que o traballo “exemplifica o potencial dos estudos con animais domésticos para revelar unha visión básica da bioloxía do desenvolvemento”. Deste xeito, os fenotipos observados nesta análise “representan unha fracción da diversidade de patróns que existe nas razas de gatos domésticos e híbridos interespecíficos, que seguen a ser un recurso continuo para explorar como se forman as manchas e as raias na natureza”.


Referencia: Developmental genetics of color pattern establishment in cats (Publicado en Nature Communications).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificado o risco de miocardiopatía dilatada nos portadores xenéticos

O estudo liderado polo investigador Pablo García-Pavía analiza as posibilidades de herdanza da enfermidade en familiares

Es zurdo? Descobren mutacións raras asociadas ao uso da man (e o pé) esquerdos

Un novo estudo explica como certas variantes xenéticas que alteran o xene TUBB4B están relacionadas co desenvolvemento desta condición

A toxoplasmose é un factor de risco para o envellecemento inflamatorio nos maiores

Un estudo da UDC demostra que as persoas cunha resposta de anticorpos máis forte á infección tiñan máis probabilidades de ser fráxiles

MC1R, o xene dos roibos: así acurralou a xenética o asasino de Narón

*Un artigo de Estes últimos días saltou á prensa o caso...