Venres 29 Marzo 2024

Como Alan Turing explica o reparto de falantes nun territorio bilingüe

Físicos da USC expoñen que o modelo postulado polo matemático para explicar os patróns na natureza serven tamén para o uso de idiomas

Pouco antes de suicidarse con 41 anos pola persecución e a castración química á que foi sometido pola súa homosexualidade, Alan Turing, considerado un dos pais da computación, publicou en 1952 The Chemical Basis of Morphogenesisun traballo esencial para abrir o prolífico campo de traballo da bioloxía computacional: postulaba que, do mesmo xeito que unha computadora podía ser programada para desenvolver cálculos, os seres vivos deberían estar igualmente rexidos por algúns patróns que explicasen o seu desenvolvemento desde as primeiras fases da vida embrionaria. O coñecido como mecanismo de Turing expoñía que, deste xeito, debido a un equilibrio concreto entre reacción e difusión, non se crean os patróns homoxéneos habituais, senón que a simetría se rompe e xéranse patróns periódicos.

Este mecanismo tivo moitas e moi diversas aplicacións desde entón, e unha delas preséntana investigadores da Universidade de Santiago de Compostela nun artigo que acaban de publicar na revista Physical Review Research. O traballo parte das ideas presentadas por Turing para explicar a distribución espacial dos idiomas nunha situación de bilingüismo. Utilizan, ademais do caso de Galicia, a da rexión de Carintia, situada no sur de Austria e onde conviven alemán e esloveno.

Publicidade

Os científicos Jorge Mira, Alberto Pérez Muñuzuri e Mariamo Mussa, pertencentes á Facultade de Física descubriron que o mecanismo de Turing, responsable da formación de patróns e diferenciación en moitos sistemas naturais, tamén pode explicar como se reparten dous idiomas coexistentes nun mesmo territorio.

Distribución espacial da prevalencia lingüística dos falantes de galego (a) e castelán (b) en Galicia. O mesmo mapa para Carinthia cos falantes de alemán (c) e esloveno (d). Nas dúas rexións, as linguas están distribuídas en patróns complementarios.
Distribución espacial da prevalencia lingüística dos falantes de galego (a) e castelán (b) en Galicia. O mesmo mapa para Carinthia cos falantes de alemán (c) e esloveno (d). Nas dúas rexións, as linguas están distribuídas en patróns complementarios.

O conxunto de datos analizados no caso galego inclúe información sobre a fracción de galegofalantes e castelanfalantes en 20 áreas supracomarcais da comunidade e as redes de contacto entre 550 entidades de poboación; mentres que no caso de Carintia, tomáronse en consideración os falantes de esloveno e alemán no ano 1910, distribuídos en nove distritos e a estrutura de contactos de 112 pobos ou cidades. “As rexións que concentran un gran número de falantes de esloveno —principalmente cerca da fronteira entre Austria e Eslovenia— concentran poucos falantes de alemán, sucedendo o mesmo á inversa”, explican os investigadores. En ambos os dous territorios, as linguas distribúense xeograficamente de forma complementaria.

“Ata agora investigaramos a evolución temporal de dúas linguas que compiten entre si en forma de ecuacións diferenciais que describen o seu comportamento a gran escala. Agora, introducimos a dimensión espacial do problema”, sinalan os investigadores. “Ademais, malia que se ten prestado moita atención aos fenómenos do cambio de idioma —a adopción de idiomas maioritarios en lugar de minoritarios—, arroxouse relativamente menos luz no eido da coexistencia lingüística, onde dous ou más idiomas que persisten nunha rexión xeograficamente contigua”, engaden. Os autores do traballo apuntan a que ademais do modelo específico de competencia lingüística, baseado no contexto, tamén se debe ter en conta a rede xeográfica na que se desenvolven as dinámicas. Son tamén asinantes do artigo Juyong Park do Instituto avanzado de ciencia e tecnoloxía de Corea do Sur, así como Sayat Mimar e Gourab Ghoshal da Universidade estadounidense de Rochester.

Tal e como lembran os autores, o modelo de Turing foi creado, en orixe, para explicar procesos de diferenciación celular e está amplamente aceptado como o mecanismo elixido pola natureza para producir estruturas e diferenciación; por exemplo, a separación das cores da pel de animais como o leopardo. Recentemente, estas ideas extrapoláronse a outros campos do coñecemento e, en particular, ao estudo do comportamento social.

O artigo dos investigadores da USC confirma a potencia deste mecanismo como fonte xeradora de diferenciación mesmo no contexto de competición de linguas. Os autores consideraron redes complexas que describen a distribución espacial dos núcleos de poboación que interactúan entre si a través de fluxos de mobilidade. O mecanismo de Turing neste contexto permite recuperar a distribución de linguas nos dous exemplos considerados. Destacan no texto que, “dada a rápida evolución do panorama de prevalencia lingüística, onde unha maioría das linguas do mundo están desaparecendo en favor da adopción dun número comparativamente menor de linguas, os factores detrás deste fenómeno están a ser obxecto dunha investigación vigorosa”.


ReferenciaLinguistic evolution driven by network heterogeneity and the Turing mechanism (Publicado en Physical Review Letters).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:04:39

Pode caer un raio dúas veces no mesmo sitio?

Grazas aos pararraios a humanidade non teme hoxe as tormentas e o seu poder destrutivo, pero o lugar onde caen as descargas ten pouco de azar e moito de fondo científico

O comportamento humano altérase de xeito notorio en grupos de máis de 180 persoas

Unha nova análise matemática permite comprender como cambiará unha empresa ou unha rexión por medrar de tamaño

Pódcast | É hora de entender o cambio horario, con Jorge Mira

O catedrático de Física da USC, membro do comité de expertos que asesorou ao Goberno, aclara as dúbidas respecto ao movemento do reloxo

Un estudo cuestiona os riscos para a saúde atribuídos ao movementos do reloxo

Investigadores das Universidades de Santiago de Compostela e Sevilla revisaron a literatura científica máis citada a este respecto