Venres 29 Marzo 2024

Comeza en Ourense a Galiciencia con 79 proxectos escolares

Os inventores precoces da Galiciencia volven demostrar este ano unha gran sensibilidade cara aos problemas da súa contorna. Nesta edición, a derradeira que se celebrará en outono, son varios os proxectos que ofrecen solucións innovadoras relacionadas co agro e co medio ambiente. Estes, xunto coas tecnoloxías orientadas a mellorar a calidade de vida das persoas e as iniciativas de ciencia cidadá, son algúns dos temas máis populares dos 79 proxectos que se expoñen desde hoxe ata o vindeiro venres no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense).

Un stand da Galiciencia.
Un stand da Galiciencia.

A maior feira científica de Galicia comezou esta mañá a recibir aos máis de 2.000 escolares que a visitarán durante os seus tres días de duración, aos que se suman os asistentes que se achegan pola súa conta, dado que o evento é de entrada libre polas tardes. O certame chega este ano á súa duodécima edición, coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).

Publicidade

A carpa da Galiciencia acolle 50 proxectos de Secundaria que compiten polo premio final, mentres que os 29 de Primaria se expoñen fóra de concurso. A representación máis numerosa procede da provincia de Pontevedra, cun total de 34 equipos defendendo as súas investigacións e inventos. A eles súmanse 20 da Coruña, 11 de Ourense, 8 de Lugo, 3 de Biscaia, un de Barcelona, un de Asturias e un de Cádiz, esta última con representación na Galiciencia por primeira vez.

O deseño de invernadoiros de última xeración inspirou a dous dos equipos. Un deles, procedente do Colexio Alborada de Vigo, presenta a súa maqueta de instalación de cultivo con autorrego de auga de mar. O outro, de alumnas do IES Rosalía de Castro de Santiago, é un invernadoiro capaz de suplir con enerxía renovable a achega de luz e calor que falta en zonas sombrías e venteadas.

A innovación no agro e as solucións medioambientais destacan nesta edición

Tamén no ámbito do agro se sitúan o dispositivo para escorrentar o xabaril das colleitas da alumna das Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal de Ponteceso e o sistema de vermicompostaxe de residuos domésticos do IES Santa Irene de Vigo. A medición dos gases expulsados polas vacas e as fórmulas para a reducción do seu impacto medioambiental centra o estudo de dúas estudantes do IES Ricardo Carballo Calero de Ferrol.

Os problemas ambientais son, en efecto, outro dos temas centrais dos proxectos que este ano compiten polos galardóns do certame. A esterilización eficiente para aumentar a dispoñibilidade de auga potable, un problema que vai gañando importancia co cambio climático, é o obxecto do traballo do campamento tecnolóxico de verán da Tecnópole, no que se desenvolveu un sistema portátil de baixo custo. Os alumnos do Colexio Peleteiro de Santiago deseñaron un purificador de auga mediante enerxía solar e os do Colexio San José de Ourense fixeron unha comparativa para atopar o sistema de potabilización máis eficaz no mercado.

O mar e a súa fauna son tamén un campo no que converxen moitos dos proxectos, como o do IES de Ortigueira para deseñar un robot capaz de recoller plásticos no océano ou o sistema para alertar do varamento de delfíns do Colexio Montecastelo de Vigo.

Probando un dos inventos.
Probando un dos inventos.

A ciencia cidadá irrompe este ano na Galiciencia con dous proxectos cos que se busca ampliar a recollida de información para lograr resultados máis representativos grazas á colaboración dos cidadáns. É o caso do proxecto sobre os efectos dos incendios dos alumnos do Colexio Miralba de Vigo e o relativo á análise da auga no concello de Valdoviño das estudantes do CPI de Atios desta localidade.

Os artiluxios tecnolóxicos destinados a facilitarnos a vida volven ser un dos puntos estrela da exposición de proxectos. O sistema de peche automático de ventás de tellado por detección de chuvia das alumnas do IES Xoán Montes de Lugo é un bo exemplo. Tamén o dispositivo de apertura automático para portas de baños públicos sen necesidade de tocar o pomo para evitar os xermes das Aulas Científico-Tecnolóxicas de Ponteceso ou as gafas que lles permiten percibir os elementos do entorno aos invidentes do CPI de Atios, en Valdoviño.

A saúde, e máis concretamente a concienciación contra o tabaquismo, centra dous dos proxectos. O do IES Aller Ulloa de Lalín disecciona un cigarro e os efectos concretos de cada un dos seus compoñentes sobre o aparato respiratorio. Da Compañía de María de Santiago chega outro traballo no que, ademais, se propón un sistema para reciclar os filtros dos cigarros.

Espectáculo rentransmitido por internet

Hoxe comezaron tamén os talleres e o espectáculo científico centrado na astronomía que poderá seguirse mañá ás 11 horas en streaming (retransmisión en directo por internet) desde calquera centro escolar ou desde a casa, accedendo á canle de Tecnópole en Youtube.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural
00:04:28

Comer ovos dispara o noso colesterol?

Grazas aos avances científicos hoxe sabemos que esta relación non é máis que un mito. Iso si, outros factores como os hereditarios, poden forzarnos a reducir o consumo deste alimento
00:04:39

Pode caer un raio dúas veces no mesmo sitio?

Grazas aos pararraios a humanidade non teme hoxe as tormentas e o seu poder destrutivo, pero o lugar onde caen as descargas ten pouco de azar e moito de fondo científico

Estas son as mellores fotografías científicas de 2023

O corte transversal dunha casca de ovo, a simetría do brócoli e un nobelo de anisakis, entre as imaxes gañadores de FOTCIENCIA