Venres 29 Marzo 2024

O cometa Leonard despídese esta noite do ceo de Galicia

A influencia anticiclónica desta semana favorecerá o avistamento do cometa após o solpor de hoxe, un días despois de alcanzar o punto máis próximo á Terra

Do mesmo xeito que nós nos preparamos para dicirlle adeus ao ano 2021, o cometa Leonard vén despedirse tamén de Galicia. Desde o país, o obxecto celeste será visíbel no ceo desta noite, uns minutos após o solpor e moi preto da liña do horizonte. Amais, as favorábeis condicións meteorolóxicas destes días facilitarán o seu avistamento desde o territorio peninsular.

Características do cometa

Oficialmente coñecido como Comet C/2021 A1, esta gran rocha de xeo, po e gas foi descuberta o 3 de xaneiro deste ano, polo astrónomo Gregory J. Leonard, desde o Observatorio do Monte Lemmon, nos Estados Unidos, sendo o primeiro cometa albiscado este ano.

Publicidade

Como a meirande parte dos cometas, que xorden no bordo xeado do noso sistema solar, o cometa é orixinario da nube de Oort, un enxame de bólas xeadas. Estes fanse visíbeis só para nós mentres viaxan polo interior de dito sistema, especialmente cando, a medida que se aproximan á estrela, forman un ronsel con parte do seu material, o que xera un halo ao redor do obxecto. Así, po e gas corren detrás dos cometas para formar as súas extremadamente longas colas.

Mais nunca tan longas como as súas órbitas. No caso de Leonard, está estimado que o cometa tarde uns 80.000 anos en completar unha viaxe ao redor do Sol. Con todo, o obxecto celeste está clasificado como ultrarrápido, a raíz da gran velocidade á que se estaría movendo polo noso sistema planetario: uns 71 quilómetros por segundo. Secasí, permanecerá visible para o ollo humano, debido á súa distancia respecto da Terra, mesmo parecerá moverse lentamente.

Leonard no ceo desta semana

No que respecta ás condicións atmosféricas idóneas para unha mellor observación, a influencia anticiclónica destes días facilitará o atoparmos ceos despexados, polo que só é preciso buscar un lugar libre de contaminación luminosa para tentar ser quen de contemplar o seu paso co ollo nú. Con todo, a NASA recomenda o uso de prismáticos para tentar albiscalo no ceo, xa que pode parecer unha “estrela borrosa”.

Débese buscar en dirección sudoeste do ceo peninsular, no que esta semana Xúpiter, Saturno e Venus forman un brillante trío cara ao sur e, á súa esquerda, a Lúa se atopa en fase crecente. Xunto a estes, Leonard pasará entre a constelación da Osa Maior e Arturo, a terceira estrela máis brillante do ceo nocturno que forma parte da constelación do Boieiro. Con todo, grazas á ferramenta de visualización do ceo do Instituto Geográfico Nacional (IGN) pode terse unha mellor idea de onde e como ver o cometa, segundo a localidade aproximada desde a que se observa.

Unha viaxe que continúa

O obxecto celeste, que probabelmente teña pasado os últimos 35.000 anos viaxando cara ao sol, alcanzaba o pasado día 12 o punto máis próximo á Terra, orbitando a unha distancia de 34 millóns de quilómetros do noso planeta. Tras esta, a súa próxima parada no noso sistema solar será Venus, o 18 de decembro, sendo aínda visíbel desde a Terra, se ben para nós o seu resplandor irá diminuindo a medida que se afaste.

Deste xeito, a desta semana convértese na última oportunidade para albiscar este cometa, posto que, segundo a NASA, o próximo 3 de xaneiro Leonard estará alcanzando o seu perihelio, sendo o momento de maior proximidade ao Sol. Cando máis preto desta estrela se atopan, máis brillan os cometas, polo que as semanas previas a este evento fan que o cometa sexa máis fácil de ver. Tras este, continuará até o seu afelio, cando máis lonxe estea da nosa estrela, deixando atrás o Sistema Solar.

En caso de botalo de menos, podes seguir a conta de twitter do cometa (@Comet2021a1) para consultar información actualizada de forma constante, amais de visualizar imaxes e vídeos feitos por profesionais ou afeccionados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

Un novo exoplaneta desafía as teorías clásicas de formación planetaria

Un equipo de astronónomos descobre LHS 3154b, cunha masa similar a Neptuno, orbitando preto dunha estrela anana de moi baixa masa

Descubertos seis exoplanetas que ‘bailan’ de forma sincronizada arredor da súa estrela

Os planetas posúen unha configuración que apenas cambiou desde hai máis de mil millóns de anos

Begoña Vila: “Atoparemos probabilidades de vida noutro planeta”

Co gallo do décimo aniversario de Gciencia, a astrofísica da NASA analiza a divulgación dos achados cósmicos e a busca de vida intelixente