Xoves 25 Abril 2024

“Comerma tiña unha inquedanza constante na procura da innovación”

Luis Puig, bisneto do enxeñeiro homenaxeado no Día da Ciencia en Galicia, compilou nos arquivos abondosa información sobre o seu devanceiro

Os descendentes de Andrés Avelino Comerma e Batalla seguen mantendo vivo hoxe en día, máis de 100 anos despois do pasamento do humanista, o seu legado en Galicia. Luís Puig Mosquera, catedrático de Matemáticas do IES Sofía Casanova de Ferrol, involucrouse desde o nomeamento do seu bisavó como Científico Galego do Ano 2020 nos actos que a Real Academia Galega de Ciencias, xunto a outras institucións, prepara para homenaxear ao enxeñeiro.

Unha das tarefas pendentes, segundo Puig, é achegar a obra de Comerma á propia cidade de Ferrol, cuxa cidadanía, en parte, segue a descoñecela, e tamén ao resto de Galicia. Todo, no marco dunha crise sanitaria para a que, segundo o seu bisneto, o Científico Galego do Ano tamén se movería na procura de solucións.

Publicidade

– Que lle contaron do seu bisavó?

Moito do que sei é grazas á miña tía avoa Ángeles, unha das fillas de Comerma. De mozo, cando eu chegaba á casa do instituto, poñíame a facer as tarefas de clase no cuarto de estar e estaba moitas veces alí Ángeles, que vivía connosco. E ás veces ela, que daquela tiña xa máis de 80 anos, contábame as aventuras do seu pai. Alí xa me daba conta de que tiñamos na familia unha personaxe bastante destacada. Lembro, por exemplo, que lembraba a idea de unir Europa e África a través dun túnel baixo o estreito de Xibraltar.

Falaba tamén da construción do dique da Campá, un momento bastante intenso para a familia, xa que por momentos houbo dúbidas sobre se Comerma podería terminar a obra, e comezaron a moverse rumores por Ferrol dicindo que aquilo non ía acabar ben. As dúbidas chegan ata Madrid, onde dan orde por escrito na que piden que deixen traballar a Comerma. E ao final tiñan razón (ri).

– Precisamos algún Comerma máis hoxe en día?

– Aínda que el non era propiamente unha persoa especializada no eido sanitario, estou seguro de que se vivise hoxe, estaría movéndose todo  o posible na procura de solucións. De feito, el graduouse en Farmacia cando xa conseguira a praza como enxeñeiro da Armada en Ferrol, e seguía con moito interese os avances da Medicina. E non só iso: unha das primeiras demostracións con raios X en Galicia fíxoas el, algo que era unha gran innovación naquel tempo.

Comerma tiña unha inquedanza constante na procura da innovación, era moi dinámico, sempre estaba con algo en mente, como se deduce da súa actividade. Do que era o mapa de Europa naquel momento, a finais do século XIX e comezos do XX, o único país que lle quedou por visitar foi o que hoxe é Turquía (daquela, o imperio otomano).

Isto facíalle estar ao corrente das novidades que ían xurdindo na ciencia, nun momento no que España aínda ía moi por detrás de Europa. Viaxaba a congresos, establecía contactos, e toda esa información non a gardaba para si, senón que tiña vontade de compartila con toda a sociedade.

A Academia bríndase a traballar no Pacto pola Ciencia en Galicia

– O compromiso e o sentido do deber mesmo o levou a renunciar a un proxecto como o do túnel de Xibraltar.

Era claramente un patriota, e iso foi un claro exemplo. Cando el estivo de agregado naval en Londres, xa bulía a idea de unir Inglaterra e Francia a través da canle da Mancha, e tomou nota. Considerou que unha obra semellante entre a península ibérica e África podía supoñer un gran impulso para o seu país. E probablemente, aínda que hoxe siga sen ser realidade, acabarase facendo.

– Como viviron na familia estes meses, desde que souberon do nomeamento?

Foi, sobre todo, unha grande sorpresa, cando recibimos a chamada do presidente da Real Academia Galega de Ciencias. Cos enxeñeiros hai unhas consideracións particulares, xa que moitas veces se lles cataloga como técnicos máis como científicos, que é o que tamén son, xa que aplican os avances científicos en proxectos tanxibles para a cidadanía. Por iso, é pouco frecuente que se lles valore deste xeito. Cónstanos que a aposta veu da man de Pedro Merino, que como enxeñeiro e membro da RAGC, expuxo a relevancia de Comerma para Ferrol,  para Galicia e para toda España, porque de feito os libros que escribiu a finais do século XIX sobre enxeñaría naval seguen consultándose hoxe en día.

– A pesar da súa relevancia, a gran obra de Comerma, o Dique da Campá, non é moi coñecido, mesmo na propia cidade de Ferrol.

– Co Dique da Campá, como co resto do Arsenal, a cidadanía de Ferrol ten unha relación curiosa. É un espazo esencial, sen o cal non se podería entender a historia da cidade, pero moita xente segue descoñecéndoo, xa que toda a zona está rodeada dun muro que, dalgún xeito, nos pon de costas a parte da historia da cidade.  Houbo moitos anos no que a zona era unha especie de búnker, por motivos ben coñecidos, pero hoxe en día estase abrindo pouco a pouco á sociedade, xa non son uns muros inexpugnables. Poden facerse visitas, tamén se pode coñecer o legado a través do Museo Naval.

Os familiares de Andrés Comerma pousan no claustro de Fonseca xunto ás autoridades. Luis Puig (3º pola dereita na fila de diante). Foto: RAGC.
Os familiares de Andrés Comerma pousan no claustro de Fonseca xunto ás autoridades. Luis Puig (3º pola dereita na fila de diante). Foto: RAGC.

Mais Comerma non foi só isto para Ferrol. Ademais de toda a actividade social e cultural, deixou máis pegada, como no deseño do xardín das Angustias, o pedestal da estatua de Jorge Juan ou na reforma do que hoxe é o campus universitario.

Eu agardo que este recoñecemento a Comerma sexa un impulso para recoñecer a historia de Ferrol, e axudar a divulgala. Hai que ter tamén en conta que a propia cidade está no proceso para ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade, e isto debería ser unha razón máis para que os propios cidadáns de Ferrol, pero tamén doutras zonas de Galicia e de España, coñezan moito mellor todo o que significou este lugar.

Polo que puidemos percibir nestes meses, as colaboracións entre as distintas institucións, desde a propia Academia de Ciencias ata a Armada, pasando polo Concello e outras Administracións, están sendo moi fluídas. Iso denota que hai sensibilidade para divulgar e valorar na súa medida o legado de Andrés Comerma.

– Neste sentido, hai constancia tamén do seu humanismo e a vontade de divulgar todo tipo de coñecementos.

– Hai unha anécdota que resume bastante ben a súa figura. Nunha das homenaxes que recibiu na súa vila natal, en Valls (Tarragona), as crónicas falan de que participaron desde os cregos ata os anarquista, o que é un sinal da boa acollida que recibía alá onde ía.

Era, en definitiva, un home moi preocupado polas clases desfavorecidas da sociedade. Por mor do seu traballo (o dique da Campá é o principal exemplo, pero supervisou moitas máis obras) estaba en contacto directo cos obreiros, e coñecía moi ben as súas preocupacións e reivindicacións debido ás condicións laborais que tiñan.

Andrés Comerma: unha mente de vangarda que serviu a Ferrol e a Galicia

Mais non só se preocupou polas condicións laborais, senón tamén porque tiveran acceso á educación e, en xeral, á cultura. Moitas das conferencias que impartiu, en espazos como a Maestranza, o Ateneo ou os centros obreiros, estaban dirixidos ás clases traballadores.

Como xa comentei, Comerma consideraba que todo o coñecemento que adquiría grazas á gran curiosidade que tiña, e a través das súas viaxes, as súas lecturas e o seu traballo debía transmitilo ao resto da sociedade, porque era a mellor maneira de instruíla e axudar a mellorala. Eran, sen dúbida, unha persoa humilde, sinxela e accesible. E na familia quedou gravada, dalgún xeito, a vocación de servizo aos demais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O economista Antón Costas ingresa na Academia de Ciencias

O vigués destaca a necesidade de crear “un novo contrato social focalizado en devolver dignidade e recoñecemento ao traballo”

O economista galego Antón Costas, novo ingreso na Academia de Ciencias

O acto celebrarase o vindeiro luns no compostelán Pazo de San Roque ás 19:00 horas

A Academia de Ciencias entrega os Premios Ernesto Viéitez Cortizo 2023

Recoñece a tres equipos galegos polo estudo de microplásticos, do control da glicosa e da mellora de imaxes médicas con IA

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado