Venres 29 Marzo 2024

“Comerma merece que toda Galicia, e non só Ferrol, recoñeza o seu legado”

Luis Puig, bisneto do polifacético enxeñeiro, lembra a figura do artífice do dique da Campá, homenaxeado como Científico Galego do Ano 2020

Andrés Comerma y Batalla (Valls, Tarragona,, 1842-Ferrol, 1917) chegou aos 21 anos a Ferrol despois de conseguir praza na Escola de Enxeñeiros da Armada. E quedou para deixar pegada nunha cidade que debe un dos seus moitos emblemas: o dique da Campá, unha obra de enxeñaría adiantada ao seu tempo, considerada a mellor construción hidráulica do século XIX en España, e creada para acoller en seco aos buques que precisaban de reparacións.

Pero deixou moito máis. Parte dos seus descendentes seguen residindo nunha cidade que acolleu con felicidade a designación de Comerma como Científico Galego do Ano 2020, segundo anunciou a pasada semana a Real Academia Galega de Ciencias. O seu bisneto, Luis Puig Mosquera, hoxe catedrático de Matemáticas do IES Sofía Casanova de Ferrol, rememora desde o ambiente familiar a figura do homenaxeado.

Publicidade

Luis Puig, bisneto de Andrés Comerma. Foto: cultura.gal.
Luis Puig, bisneto de Andrés Comerma. Foto: cultura.gal.

– Que lle contaron do seu bisavó?

Moito do que sei son pola miña tía avoa Ángeles, unha das fillas de Comerma. Cando eu chegaba á casa do instituto, poñíame a facer as tarefas de clase no cuarto de estar e estaba moitas veces alí Ángeles, que vivía connosco. E ás veces ela, que daquela tiña xa máis de 80 anos, contábame as aventuras do seu pai. Alí xa me daba conta de que tiñamos na familia unha personaxe bastante destacada.

– E que lle contaba súa tía?

– Moitísimas cousas, difícil lembrarme de todas. Unha delas era a da idea de unir Europa e África a través dun túnel baixo o estreito de Xibraltar. Dicía que o proxecto lle viñera á cabeza ao seu pai na súa estadía en Londres como agregado naval. Daquela en Inglaterra había moito movemento para facer o mesmo na canle da Mancha, e el pensou trasladala ao sur.

Tamén lembraba que a construción do dique da Campá foi un momento bastante intenso para a familia.Había pouca confianza en que Comerma puidera rematar a obra, e comezaron a moverse rumores por Ferrol dicindo que aquilo non ía acabar ben. As dúbidas chegan ata Madrid, onde dan orde por escrito na que piden que deixen traballar a Comerma. E ao final tiñan razón (ri).

Outra das cousas que me sorprenderon era a cantidade de lugares do mundo que percorrera. Falaban na familia de que coñecía todos os países daquela en Europa, agás Turquía. E disque entre bromas lle dicía á súa filla maior, Rosa, que a ver cando ían coñecer aos turcos.

O “visionario” enxeñeiro Andrés Comerma, Científico Galego do Ano 2020

– Que lle deixou a Ferrol?

– Ferrol é unha cidade nacida por e para o mar. E Comerma foi alguén que dedicou a súa vida ao mar, e con tanta intensidade, que por forza deixou unha gran pegada. Non sfoi só o dique da Campá, senón que tamén participou no deseño do xardín das Angustias, no do pedestal da estatua de Jorge Juan, na reforma do que hoxe é o campus universitario, etc. E no eido cultural, por suposto, tivo un papel moi importante, estaba disposto a sumarse ao que fixera ben pola cidade, fose desde o Ateneo, o teatro Jofre, a rondalla Airiños, moito máis.

– Vai axudar isto a que Galicia mire algo máis cara á cidade?

– Espero que si. Non sei se é pola súa situación xeográfica, ou por outras razóns, pero Ferrol é unha grande descoñecida na Galicia de hoxe. Gustaríame, e creo que á xente de Ferrol tamén, que a cidade fose máis coñecida e recoñecida, pola súa historia e as súas peculiaridades. No tema ideolóxico, por exemplo, Comerma viviu un tempo cunha polarización ideolóxica importante entre a clase obreira e as elites militares, e el intentou xogar sempre un papel integrador e de unión.

– Como recibiron na familia o recoñecemento?

– Eu, en primeiro lugar, sorprendido, e despois moi agradecido. Tiña a sensación de que en Ferrol Comerma é coñecido, pero a súa dimensión merece que toda Galicia, e non só Ferrol, recoñeza o seu legado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha placa rende homenaxe a Manuel Colmeiro, Científico Galego do Ano 2023

Está situada no Parque das Ciencias, onde a Academia fixo honores anteriormente a outras personalidades da nosa comunidade

A RAGC homenaxea cunha placa a Manuel Colmeiro, Científico Galego do Ano 2023

O acto terá lugar o vindeiro luns no Parque das Ciencias ás 12:30 horas, ao que asistirá a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín

Buscan nun cemiterio de Narón unha das maiores fosas creadas polos golpistas en Galicia

O 26 de decembro de 1936 levouse a cabo unha das máis grandes execucións masivas das que hai constancia en terras galegas, na que foron asasinadas un total de 34 persoas

Aparece en Ferrol unha balea xibarte morta de case 10 metros

É o primeiro cetáceo desta especie que vara en Galicia dende 2011, e puido morrer ao quedar engachado en aparellos de pesca