O biomaterial está feito a partir de dentes de tiburón procedentes de descartes de pesca. Foto: Duvi.
O biomaterial está feito a partir de dentes de tiburón procedentes de descartes de pesca. Foto: Duvi.

A UVigo acorda a comercialización dun biomaterial de dentes de tiburón

A universidade asina coa multinacional Ziacom o primeiro contrato a partir dos proxectos apoiados pola convocatoria Ignicia

A Universidade de Vigo e a multinacional médica Ziacom acaban de asinar un acordo que permitirá á empresa española comercializar un biomaterial para rexeneración ósea deseñado ao abeiro do proxecto Biofast, impulsado polo Grupo de Novos Materiais, liderado polo catedrático Pío González. Trátase dun biomaterial obtido a partir de dentes de tiburón, unha das liñas de investigación que este grupo leva desenvolvendo dende hai anos. A alianza coa multinacional española, especializada no deseño e fabricación de implantes e produtos para cirurxía bucal, maxilofacial e biomateriais, constitúe un fito, xa que é a primeira vez que se asina un acordo de licenza que permite comercializar os resultados dos proxectos apoiados polo programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación coa colaboración da Fundación Barrié.

O proxecto Biofast (Bio Fluor Apatite Shark Teeth), impulsado polos investigadores do Grupo de Novos Materiais Pío González, Julia Sierra e Stefano Chiussi, enmárcase nunha iniciativa europea de economía circular para a valorización de recursos e descartes da pesca. A experiencia do seu grupo de investigación en materiais cerámicos, unida ás abundantes descargas no Porto de Vigo de pequenos tiburóns procedentes da pesca sustentable, deron pé ao aproveitamento dos dentes dos escualos para obter cerámicas biocompatibles que permitan recuperar tecido óseo antes da colocación dun implante ou tratar ósos humanos danados por fracturas ou debido a un cancro. Este material posúe unhas características fisicoquímicas de suficiente similitude co tecido óseo para que se converta nun produto de aplicación clínica para a reconstrución ósea tras traumatismos ou reseccións de tumores de óso así como aplicación dentais.

Do mar á boca: dentes de tiburón para a rexeneración ósea

Os ensaios in vitro e as probas in vivo en pequenos animais demostraron a biocompatibilidade do material, a non toxicidade e a capacidade para promover a rexeneración ósea ao mesmo nivel que outros recheos comercializados. Posteriormente, grazas ao apoio do Programa Ignicia Proba de Concepto, o equipo vigués puido continuar coas probas in vivo, así como desenvolver actividades de márketing e comercialización, apoiados por profesionais especializados, e definir e executar unha estratexia de protección industrial da tecnoloxía. Isto permitiu achegar a tecnoloxía ao mercado e atraer o interese de varias empresas do sector biomédico, sendo a tecnoloxía finalmente transferida á multinacional española Ziacom Medical.

Programa pioneiro en España

Entre os principais éxitos acadados no marco do programa Ignicia, ademais do acordo entre o Grupo de Novos Materiais e a multinacional española, cabe subliñar a creación de catro spin-offs saídas de tres centros de coñecemento galegos, entre eles a Universidade de Vigo, así como a USC e Gradiant, que recibiron importantes recoñecementos nacional e internacionalmente.

Este é o primeiro acordo de licenza coa industria que se asina dentro do programa Ignicia. Foto: Duvi.
Este é o primeiro acordo de licenza coa industria que se asina dentro do programa Ignicia. Foto: Duvi.

No marco do programa naceu tamén a spin-off viguesa Alén Space, que acadou recentemente un investimento dun millón de euros do fondo líder en transferencia tecnolóxica en España BeAble Capital e do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI). Estes feitos confirman o destacado papel do programa Ignicia para facilitar a transferencia dos resultados da investigación daqueles proxectos con potencial innovador ao mercado, contribuíndo así a rendibilizar social e economicamente o investimento público realizado en I+D nos centros de coñecemento de Galicia

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.