Sábado 20 Abril 2024

Uns compostos da coliflor, aliados contra os cancros de mama e próstata?

Os isoticianatos (ITCs) están presentes nas plantas crucíferas e poderían potenciar a eficacia de certos fármacos antitumorais

Certas plantas crucíferas, como o brócoli ou a coliflor, poderían ser de axuda na prevención ou tratamento dos cancros de próstata ou de mama. Fundamentalmente, pola presenza neles de compostos isoticianatos (ITCs), que poden actuar a modo de terapia coadxuvante dalgúns fármacos antitumorais de alta toxicidade, amais de favorecer a quimio-resistencia. Os ITCs potencian a eficacia deste tipo de medicamentos, permitindo así reducir a dose subministrada e volvéndoos máis tolerables para os e as pacientes.

Esta é unha das principais achegas do estudo que, conxuntamente, está a desenvolver persoal investigador do grupo SNL-Lennart Levi da USC en colaboración co de Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC). Segundo explica o equipo científico, “avaliamos a actividade antitumoral de diferentes ITCs presentes en diferentes cultivos de brásicas sobre liñas celulares humanas de cancro de próstata e de mama, caracterizadas por un diferente patrón de expresión de receptores hormonais”.

Publicidade

Inhibición do crecemento celular

O tratamento coa maioría destes compostos produce unha inhibición do crecemento celular dependente da dose e do tempo, favorece a morte celular programada e inhibe a migración implicada nos procesos de metastase. Combinado co fármaco antitumoral de referencia observouse, amais, unha maior efectividade que este, potenciando o seu efecto beneficioso. “É máis, algúns ITCs poden reducir a expresión de xenes que potencian a actividade proliferativa e metastática e incrementar a doutros implicados na actividade citotóxica, proapoptótica, inhibidora da transición epitelio-mesenquimal, un proceso mediante o cal as células tumorais se volven máis agresivas”, engaden.

Partindo do estudo dos beneficios na saúde da dieta atlántica e da posta en valor dos produtos alimentarios de orixe galega a través da investigación agrobiotecnolóxica, a liña de traballo inicial foise consolidando para abarcar novos obxectivos. Ese é o caso da avaliación dos efectos antitumorais de compostos químicos sobre diferentes modelos de cancro, así como a análise dos mecanismos moleculares implicados na súa actividade antiproliferativa e antimetastática, tanto ao se administraren de forma illada como en terapia combinada cun fármaco antitumoral de uso habitual. Coñecer a eficiencia dunha dieta rica en ITCs na prevención e no tratamento do cancro é unha das metas no horizonte deste equipo de investigación. Amais, algunha das moléculas podería ser obxecto de ensaios orientados á descuberta do seu potencial como medicamento antitumoral.

O equipo

Dirixido polo profesor Freire-Garabal, o grupo da USC intégrano as doutoras María Jesús Núñez Iglesias, Silvia Novío Mallón, Carla García Santiago e Elena Pérez Muñuzuri. A súa actividade principal é o descubrimento de compostos de orixe natural e sintético con actividade antitumoral. Pola parte do CSIC, e baixo a dirección de Elena Cartea, integran o grupo da MBG Pilar Soengas e Pablo Velasco, investigadores expertos no estudo dos compostos bioactivos presentes en cultivos de brásicas como os grelos, o repolo ou as verzas. No marco de distintas convocatorias dende o ano 2011, os traballos do grupo recibiron financiamento por parte dos Ministerios de Economía e Competitividade, así como polo de Investigación e Ciencia.

As achegas destes grupos de investigación, que viron a luz en diversos foros e publicacións científicas, vertebran a tese de doutoramento Efectos dos isotiocianatos sobre modelos in vitro de cánceres hormonodependentes de Elena Pérez Muñuzuri. Defendida na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC baixo a dirección de Manuel Freire-Garabal e Manuel Macía, da USC, así como de Elena Cartea, do CSIC, o traballo da investigadora obtivo a cualificación máxima de sobresaliente cum laude.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte