Simón Pardiñas, director da clínica, e Sergio Otegui, responsable de comunicación, nos estudos de Youtube en Nova York. Foto: Clínica Pardiñas.
Simón Pardiñas, director da clínica, e Sergio Otegui, responsable de comunicación, nos estudos de Youtube en Nova York. Foto: Clínica Pardiñas.

Clínica Pardiñas: ‘influencers’ mundiais desde A Coruña

A canle de Youtube deste centro acumula máis de 50 millóns de visitas e 125.000 subscritores grazas aos seus vídeos sobre o coidado dental

Imaxine que vostede é unha muller de Calcuta preocupada pola carie nos dentes do seu fillo. Ou que vive nunha vila de Wisconsin e ten problemas coa moa do siso, que lle causa constantes dores. É probable que vaia procurar información e axuda á que é a maior plataforma audiovisual do mundo, Youtube, onde hai resposta para case todo. E é posible que, se busca información sobre odontoloxía, acabe chegando á canle da Clínica Pardiñas, un centro médico-dental da rúa Real da Coruña que se converteu nunha referencia mundial na divulgación do sector.  Acumulan 100.000 visitas diarias aos seus vídeos (máis de 50 millóns en total) e teñen máis de 125.000 subscritores de todo o planeta que están pendentes das súas publicacións.

Todo comezou hai cinco anos, segundo explica Simón Pardiñas, odontólogo e director da clínica. “A idea era expoñer o traballo que faciamos día a día, pero vimos que Youtube era unha ferramenta con moito potencial para chegar á xente. Sobre todo nos dous últimos anos vimos que o número de visitas medraba, e a verdade é que estamos moi satisfeitos”, conta.

A canle da clínica Pardiñas ofrece agora mesmo todo tipo de consellos en case 15 idiomas, desde o galego ata o ruso, pasando polo castelán, inglés, portugués, francés, alemán, italiano, chinés, árabe, xaponés ou hindi. E pronto chegarán o hebreo ou o coreano. Contan coa colaboración de tradutores en cada unha das linguas e, a través de textos explican os procedementos para tratar problemas como as enxivas retraídas, a peridontite, a maloclusión, a carie ou a halitose, e tratamentos como os enxertos e implantes dentarios, as ortodoncias ou consellos para limpar de forma efectiva os dentes.

Na actualidade, máis dunha decena dos vídeos divulgados por Pardiñas contan con máis dun millón de visualizacións. O maior éxito foi un vídeo en árabe sobre as extraccións dentarias e a preservación do alvéolo que acumula 3,2 millóns de visualizacións, seguido dun en inglés sobre a ortodoncia (3 millóns), o mesmo vídeo do alvéolo, pero en inglés (2,6) e o da ortodoncia en portugués (2,3). En galego, o vídeo sobre a cronoloxía da erupción dentaria suma xa 177.000 visitas.

Explica Simón que el encárgase de desenvolver o guion dos vídeos e conta co apoio dun equipo de comunicación e deseño gráfico para plasmar as ideas da mellor maneira posible. E o traballo está, sen dúbida, dando froitos. “Chégannos consultas de todo o mundo a través da xente que ve os vídeos, e isto tamén nos axuda a posicionarnos a nivel local e no resto de España”, di Pardiñas. Ao tempo, destaca que o traballo audiovisual “é un xeito de crear confianza entre os clientes que veñen á clínica, porque se ven claramente o traballo que facemos, séntense máis seguros”.

O intercambio de información a través das redes é, do mesmo xeito, segundo destaca o director da clínica, unha boa oportunidade para mellorar a atención. “A través dos vídeos detectamos cales son os problemas que máis lle preocupan á xente”. Así, un dos proxectos de futuro é a creación de Dentalk, unha canle directa de comunicación na que os profesionais de Pardiñas responderán aos espectadores sobre todo tipo de consultas relacionadas coa odontoloxía.

Recoñecemento de Youtube

O alcance da canle é tal que hai unhas semanas Simón e o responsable de comunicación, Sergio Otegui, recibiron en Nova York a insignia de prata de Youtube por superar os 100.000 subscritores, e gravaron unha entrevista nos estudios da plataforma. “Chamoulles a atención que chegaramos a tal volume de visitas nun sector tan específico como é a odontoloxía, cando o normal é que estas cifras sexan propias de gamers ou da música”, subliña o director da clínica. Ademais, a clínica tamén recibiu a medalla de ouro nos Digital Health Awards.

Alén de Dentalk, desde Pardiñas xa traballan para desenvolver novas temáticas a través de Youtube para abranguer un público máis amplo.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.