Científicos da USC acaban de fixar un novo concepto baseado no desenvolvemento de tecidos catalíticos. Por primeira vez inseríronse nanoimplantes en modelos de tecidos tumorais, capaces de activar moléculas externas de forma selectiva, durante polo menos unha semana. Esta achega é froito da colaboración entre os equipos dirixidos polo catedrático José Luis Mascareñas e o investigador Pablo del Pino no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS).
“Como proba de concepto, neste traballo interdisciplinar propoñemos un novo nanosistema híbrido formado por un núcleo metálico (paladio) e unha codia porosa baseada nunha rede metalo-orgánica (MOF, Metal-Organic Framework), que actúan de forma sinérxica para transformar compostos químicos de forma selectiva e recorrente no interior de células e tecidos”, explica Pablo del Pino.

No artigo, publicado en Cell Reports Physical Science, os investigadores explican que “traducir o potencial da catálise de metais de transición a contornas biolóxicas e en seres vivos promete ter un profundo impacto na bioloxía química e a medicina”. Na publicación tamén asinan Raquel Martínez, como primeira autora, Carolina Carrillo Carrión, Paolo Destito, Aitor Álvarez, María Tomás, Beatriz Pelaz e Fernando López.
Esta contribución pioneira pretende establecer as bases para a creación dunha nova xeración de nanorreactores que, debido á súa versatilidade e estabilidade, espérase que poidan ofrecer novas oportunidades no ámbito biomédico. “Especificamente, o obxectivo final consiste en realizar nanoimplantes in vivo de sistemas con actividade catalítica que poidan ser usados como factorías para xerar moléculas bioactivas de forma localizada”, engade o investigador da USC. Este traballo enmárcase nun proxecto colaborativo do CiQUS, financiado por múltiples axencias europeas, nacionais e autonómicas.
Referencia: Core-Shell Palladium/MOF Platforms as Diffusion-Controlled Nanoreactors in Living Cells and Tissue Models (Publicado en Cell Reports Physical Science).