Venres 29 Marzo 2024

Crean no CiQUS encimas de rutenio con posibles aplicacións contra o cancro

Un equipo dirixido por José Luis Mascareñas desenvolveu catalizadores artificiais que poden modificar o interior das células de mamíferos

A utilización de compostos artificiais para inducir reaccións no interior do corpo que poidan mellorar a nosa saúde é unha das arelas principais da investigación que se fai no CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) de Santiago de Compostela. Do mesmo xeito que as encimas son os catalizadores naturais que operan nos organismos vivos coa función de facilitar reaccións químicas, os investigadores composteláns traballan na creación de encimas artificiais que poidan inducir reaccións que non se producen de xeito natural, moitas relacionadas co metabolismo celular. Non en tanto, a maioría destes catalizadores non son compatibles cos organismos vivos, e por iso non poden suplantar ou complementar a actividade das encimas naturais.

Neste sentido, o grupo MetBioCat, dirixido polo profesor José Luis Mascareñas, investiga para desenvolver catalizadores metálicos capaces de realizar a súa actividade  na contorna celular  na que normalmente traballan as encimas naturais. Un proxecto que conta co financiamento dunha prestixiosa Advanced Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), outorgada en 2014.

Publicidade

E este ambicioso traballo dá, cada pouco, novos e esperanzadores froitos. O último deles, unha investigación feita exclusivamente no CiQUS por parte dos investigadores  posdoutorais María Tomás-Gamasa e Cristian Vidal, así como o estudante de doutoramento Alejandro Gutiérrez, na que se desenvolveu un catalizador baseado en rutenio que induce reaccións de isomerización no interior de células de mamíferos.

Este catalizador, completamente artificial, pode considerarse como un mimético dunhas enzimas naturais chamadas isomerasas. Os resultados desta investigación foron publicados na Journal of the American Chemical Society, quizais a revista máis prestixiosa internacionalmente no ámbito da química.

Segundo explican desde o CiQUS, “a posibilidade de usar este tipo de encimas artificiais para propiciar estas transformacións en células abre numerosas vías para alterar de forma programada o seu comportamento e xerar efectos terapéuticos controlados”. De feito, no mesmo artigo, os autores demostran que os catalizadores de rutenio poden usarse para diminuír os niveis de glutationa, e así regular o balance oxidativo que existe dentro dunha célula. Dado que o equilibrio oxidativo das células inflúe de  maneira determinante no seu comportamento e destino, sobre todo en células tumorais, alterar o devandito balance usando  a catálise artificial poderá permitir desenvolver novas tácticas anticancro.

Referencias: Ruthenium-Catalyzed Redox Isomerizations inside Living Cells (Publicado no Journal of the American Chemical Society).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T